Ulises entre Nós

Non deixa de sorprender que a que pasa por ser a mellor novela en lingua inglesa do pasado século, o Ulysses de James Joyce, estivese a piques de ficar inédita. Ata que acabou por se publicar en 1922 da man da libreira parisiense Silvia Beach, dona da célebre Shakespeare & Co. que aínda hoxe pode visitarse ás beiras do Sena, o libro andou dando tombos de aquí para acolá e apenas se algúns capítulos apareceron como avance en 1918 na revista The Little Review mercé á influencia de Ezra Pound.

Aquela pequena edición de 1922 (apenas 1.000 exemplares) cambiou o mundo da literatura. Hai, como dubidalo, un antes e un despois da novela de Joyce, un auténtico cosmos compendiado en preto dun milleiro de páxinas.

Viron clara a súa alta significación as xentes de Nós. Risco falou da escrita irlandesa de Joyce na revista homónima e Otero Pedrayo traduciu un fragmento da mesma en 1926, o primeiro, por certo, que se daba a coñecer en toda a Península Ibérica. Dende aquela ata hoxe foi longo o noso vencello coa obra do autor, do que se verteron no seu día os Dublineses (1990) e mais O retrato do artista cando novo (1994) e que agora ve traducido, por fin, o mítico Ulises por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle.

Un equipo de tradutores que traballou máis dunha década para dar á luz esta versión que prologa, saudándoa, o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, casa á que haberá que lle agradecer sempre este esforzo ímprobo en facer posible que poidamos ler en galego un clásico desta transcendencia.

O Ulises é un planeta escritural, pois non en van é a Odisea dos nosos tempos, unha obra dunha intensión tal que mal pode aprehenderse cabalmente tras varias lecturas, pois tanto dende o estilístico coma dende o temático, o narratolóxico e o simbólico toda a obra é unha mestísima arañeira de referencias cruzadas e refacturas implicativas que acaban por se transformar nun xenuíno biblión literario, unha sorte de reescrita do pasado literario e, ao tempo, unha enciclopedia do seu tempo e da Humanidade.

Profundamente enraizado no seu Dublín de orixe (velaí ese inesquecible 16 de xuño de 1904 que deu lugar ao celebérrimo Bloomsday, efeméride nacional irlandesa), o Ulises é universal por canto contén no seu interior toda unha teorización da Arte (pintura, música, cinema), o pensamento (filosofía, psicanálise) e a Historia (da illa e alén) de primeiros do XX. Facer confluír todas estas augas obrigou a Joyce a procurar novas molduras coas que modelar, por iso a novela marcou tamén unha nova fronteira no emprego de técnicas que, dende entón, se fixeron imprescindibles, poño por caso, a plasmación da corrente de conciencia (no monólogo interior e fórmulas próximas) que alcanza o seu cénit no moi gabado monólogo de Molly Bloom.

Lembro ben a primeira vez que lin o Ulises. Tiña daquela vinte anos e fixérao esporeado por un meu profesor que moito me insistira en que era imprescindible. O profesor chamábase Arturo Casas —beizóns para el pola súa teimosía na recomendación— e a versión pola que descubrín aquel océano narrativo fora a referencial de José Salas Subirat. Cos anos foron chegando tamén á casa as que realizaron José María Valverde e Francisco García Tortosa e mais María Luisa Venegas. Agora, ao pé das destes pioneiros, figura esta magnífica edición de Galaxia que Almazán, Alonso, Queipo e Vialle nos regalaron. Porque é un galano, e non outra cousa, poder abismarse nesta sima literaria na lingua do vello reino, tan atlanticamente próxima a aquela coa que un irlandés desconforme comezara a soñar en 1914 un universo ao que chamou Ulises.

[Publicado en El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 2-2-2012]

Radiocrítica 20-1-2014

Velaquí a primeira Radiocrítica do 2014, emitida o pasado luns día 20 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM).

Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o Dessertstorm. II de Laura Luna e José María Picón (I, 2’34); a peza de teatro infantil O refugallo de Paula Carballeira (I, 7’12 e II, 0’00); a tradución do Ulises de James Joyce (II, 5’01 e III, 0’00); o ensaio Presenza dunha Ausencia de Anxo R. Ballesteros (III, 1’41) e mais a novela A lúa da colleita de Anxos Sumai (III, 5’00).

       http://www.goear.com/embed/sound/1ac4b3f

a     http://www.goear.com/embed/sound/69c7a75

a     http://www.goear.com/embed/sound/d151d24