A Dorna de Minerva

cuberta dorna 37Como as aves caprichudas que anasan o voo en inopinado arrauto, así chega unha nova entrega da revista Dorna, cumprindo coa súa errática periódica. É feliz a circunstancia, sobre todo, reitero, porque o derrego cenital que describe este estraño paxaro lírico é tan inconstante que cada nova aparición súa cómpre recibila coa éxtase do ornitólogo que descobre unha especie que cría extinguida.

E velaí como regresa confirmando unha realidade que levo anunciado ben veces e que agora xa é un feito: as máis brillantes fornadas poéticas dos Premios Minerva han de alimentar as nosas plataformas literarias nos vindeiros anos. Pois ben, da trintena de voces que sosteñen a trabe da que é a sección principal da revista, “Creación”, un número máis que considerable foron distinguidas nos galardóns composteláns do último lustro. Quitado os clásicos en vida (Arcadio López-Casanova), os autores asentados de longa traxectoria (Manuel Forcadela) e os que amosan xa unha coñecida andaina (Branca Novoneyra, Carlos Penela, Rosa Enríquez, Baldo Ramos, Cristina Ferreiro, Oriana Méndez), moitos dos restantes son produto da factoría Minerva: Afonso Traficante, Alba Cid, Antón Blanco Casás, Ismael Ramos, Jesús Castro Yáñez, Olalla Tuñas e Paula Antía Rey Baliña. Outras voces novas de interese certo serían as de Ana Cibeira, Arancha Nogueira, Arsenio Iglesias Pazos, Carlos Lixó, David Pobra, Jacobo Llamas, Marco Paone, Miguel Rual, Naír García, Nuno Pico, Xabi Xardón, Rafa Balado, Mercedes Leobalde e Pablo García Martínez, ás que daría cabo o sólido e recoñecido narrador Xabier López López.

A maiores, e como ben sendo habitual, Dorna incorpora unha moi interesante sección para as “Voces de fóra” na que, desta volta, Philip R. Davies e mais David Miranda Barreiro traducen do galés unha escolma de versos de Ifor Ap Glyn, rutilante vencedor do Coron no Eisteddfod nacional de Gales do 2013, gloria patria dos concursos daquela terra con raizames medievais, que coroa os vencedores co título de Prifardd (bardo principal).

interior dorna baldoComo remate desta nova Dorna (nada menos que a número 37), o bloque “Poéticas” favorece o diálogo creativo entre a prosa epistolar de Alfonso Pexegueiro e unha misiva lírica de Dores Tembrás, magnífico colofón para tan celmosa entrega, ilustrada con gusto discutible polas instantáneas de rotundo “Negrume” de Alberto Pombo.

A nave que capitanea Ramón Lourenzo e na que axudan Miro Villar como contramestre e Alba Cid, David Pérez González, Lorena López López e mais Mario Regueira como mariñeiría avanzada navega cos ciclos da lúa, mais non cabe dúbida de que, se ben os plenilunios son escasos, o seu fulgor é radiante.

Fillos de Minerva

a-danza-interiorComo cada ano por estas datas ve luz o volume compilatorio que recolle os textos en prosa e verso gañadores dos Premios Literarios Minerva que organiza o prestixioso Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela, uns dos máis antigos entre nós e dos máis importantes do circuíto non profesional para discentes novos.

Baixo o título xeral A danza dos xacentes o libro colectivo reúne poemas e relatos dunha ducia de mozas e mozos de Ensino Medio, seis por cada categoría, amosando a vitalidade e bo estado da escrita entre as promocións máis novas, o que asegura o recambio xeracional para as nosas letras.

Antón Blanco Casás, primeiro premio na modalidade de Poesía, trae a memoria do Berlín máis cruel, o teutón de ollos esmagados e cranio fendido polas balas, un pesadelo pérfido enlatado en versos de gume cortante. Paula A. Rey Baliña, segundo premio de Poesía, enluva a poética amatoria, o beizo e a pel que todo o envolven e alentan nun dicir helénico, velaíño. Kai L. Baltrusch Montero, terceiro premio de Poesía, venta as epifanías do cotián, traduce as instantáneas efémeras, toda esa cidade baleira na multitude, o tempo incendiando ao seu paso.

Acompáñanos como accésits poéticos Alexandre Fernández Peón (verso lisboeta, matemática imposible, trallazo da lembranza), María Vilas Pazos (telúrica, indómita, diédrica) e Santiago Alonso Pérez (cidade gris, sol desertor de soños fusilados).

bases nova ediciónDa súa parte, Ana M. Añel Prieto, primeiro premio de Narración, propón a través de “O segredo” un relato tremendista, de vinganzas e amores dolorosos con dicción monologada. Alba S. Naseiro Lamas, segundo premio de Narración con “Literatura”, metarrelata, ironiza e abisma para repensar o sentido da escrita. Sara Vázquez Mera, terceiro premio de Narración, asina “Xantofila”, historia de maltrato familiar, estigmas que a filla protagonista ve supurar, dor ante o incomprensible.

Completan o sexteto da prosa os accésits “Xadrez” de Icía Rodríguez Arias (coctelizado de influencias, citas e homenaxes mil), “Ninguén vive para sempre pero iso non é motivo para renderse” de Pablo Fernández Álvarez (blues do autobús, balada solitaria de ómnibus) e “Memorias dun morto” de Marina Ruíz Puy (narración dende Thánatos, o Alén cruzando a fronteira de volta, a guerra como escenario).

Aplauso pecho merece o labor do Colexio Manuel Peleteiro na organización dos Premios Literarios Minerva, que, coa publicación deste A danza dos xacentes, alcanza as corenta e dúas edicións, confirmándose como un impagable viveiro para a escrita xuvenil galega, que ten xa a súa vindeira convocatoria en marcha.