Territorio da gnose

Chega ás miñas mans a segunda edición —visiblemente aumentada— do poemario Antítese nativa, volume co que o noiés Manuel L. Rodrigues gañou no seu día o XIV Premio de Poesía Suso Vaamonde.

Publicado baixo o selo de Acha Escrava, esta nova edición da obra suma ao caudal orixinario un novo afluente de versos en forma de sección, “A demarcación do volcán”, dando como resultado final un libro de case o dobre de extensión que aquel breve poemario inicial.

Hai en Antítese nativa unha marcada estilística da fragmentación, da ruptura sintáctica, do abrupto sintagmático, acompañada non poucas veces dun uso profuso dos diacríticos gráficos, dos subliñados en maiúsculas, das liñas de trazos descontinuos, recursos todos que imprimen aos poemas unha particular cadencia.

Esta poética parentética, ancora no temático nun centrifugado de realidades no que o cósmico alterna co diario cotián e onde o amor non deixa de comparecer como balsámico cómplice deste territorio da gnose.

Prometedor inicio para Manuel L. Rodrigues este seu Antítese nativa e inmellorable xeito de botar a andar un selo editorial como Acha Escrava. De ambos os dous haberá que agardar, expectantes, novos froitos.