A Dorna de Minerva

cuberta dorna 37Como as aves caprichudas que anasan o voo en inopinado arrauto, así chega unha nova entrega da revista Dorna, cumprindo coa súa errática periódica. É feliz a circunstancia, sobre todo, reitero, porque o derrego cenital que describe este estraño paxaro lírico é tan inconstante que cada nova aparición súa cómpre recibila coa éxtase do ornitólogo que descobre unha especie que cría extinguida.

E velaí como regresa confirmando unha realidade que levo anunciado ben veces e que agora xa é un feito: as máis brillantes fornadas poéticas dos Premios Minerva han de alimentar as nosas plataformas literarias nos vindeiros anos. Pois ben, da trintena de voces que sosteñen a trabe da que é a sección principal da revista, “Creación”, un número máis que considerable foron distinguidas nos galardóns composteláns do último lustro. Quitado os clásicos en vida (Arcadio López-Casanova), os autores asentados de longa traxectoria (Manuel Forcadela) e os que amosan xa unha coñecida andaina (Branca Novoneyra, Carlos Penela, Rosa Enríquez, Baldo Ramos, Cristina Ferreiro, Oriana Méndez), moitos dos restantes son produto da factoría Minerva: Afonso Traficante, Alba Cid, Antón Blanco Casás, Ismael Ramos, Jesús Castro Yáñez, Olalla Tuñas e Paula Antía Rey Baliña. Outras voces novas de interese certo serían as de Ana Cibeira, Arancha Nogueira, Arsenio Iglesias Pazos, Carlos Lixó, David Pobra, Jacobo Llamas, Marco Paone, Miguel Rual, Naír García, Nuno Pico, Xabi Xardón, Rafa Balado, Mercedes Leobalde e Pablo García Martínez, ás que daría cabo o sólido e recoñecido narrador Xabier López López.

A maiores, e como ben sendo habitual, Dorna incorpora unha moi interesante sección para as “Voces de fóra” na que, desta volta, Philip R. Davies e mais David Miranda Barreiro traducen do galés unha escolma de versos de Ifor Ap Glyn, rutilante vencedor do Coron no Eisteddfod nacional de Gales do 2013, gloria patria dos concursos daquela terra con raizames medievais, que coroa os vencedores co título de Prifardd (bardo principal).

interior dorna baldoComo remate desta nova Dorna (nada menos que a número 37), o bloque “Poéticas” favorece o diálogo creativo entre a prosa epistolar de Alfonso Pexegueiro e unha misiva lírica de Dores Tembrás, magnífico colofón para tan celmosa entrega, ilustrada con gusto discutible polas instantáneas de rotundo “Negrume” de Alberto Pombo.

A nave que capitanea Ramón Lourenzo e na que axudan Miro Villar como contramestre e Alba Cid, David Pérez González, Lorena López López e mais Mario Regueira como mariñeiría avanzada navega cos ciclos da lúa, mais non cabe dúbida de que, se ben os plenilunios son escasos, o seu fulgor é radiante.

Revistas dixitais

Continuando co seu impagable labor de difusión e análise da literatura galega de noso, a AELG, a través do seu voceiro a revista Escrita contemporánea, publicou un volume no que se recollen as Actas do VI Encontro de Novos/as escritores/as baixo o título xeral de Da tinta á pegada dixital.

Esta entrega de Escrita contemporánea —que na súa particular numeración alfabetizada fai xa o R— debrócase no moi suxestivo e complexo mundo das revistas dixitais como novos espazos para a presenza da literatura na sociedade actual.

Cómpre dicir que, como queira que os encontros que reproduce esta publicación tiveron lugar en setembro do 2011, algunhas das informacións ou valoracións que nel se verteron foron xa matizadas ou superadas pola vertixinosa realidade dixital. Secasí, é evidente que a cerna do alí exposto segue a ter vixencia e que gran parte das súas propostas se viron tamén confirmadas neste tempo.

Prologado polo presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, o volume recolle unha conferencia inaugural de Tati Mancebo sobre “As revistas na era dixital” e os relatorios de dúas mesas redondas: unha primeira arredor do concepto “Crear desde a ventá” e unha segunda para “As revistas dixitais na Galiza: pasado, presente e futuro”.

Coordinada por Antía Otero, vicepresidenta da institución, a primeira das mesas reuniu as voces de tres poetas singulares que desenvolveron (e algúns aínda desenvolven) na Rede interesantes espazos de comunicación. Velaí o ciborg literario …mmmm… de Estíbaliz Espinosa, o colaxe creativo de anacibeira.blogspot.com e o punk poeticomusical de Leo F. Campos en Haicu.

Pola súa banda, a segunda das mesas tivo como mestra de cerimonias á tamén poeta Elvira Riveiro Tobío, quen cedeu a palabra a Chus Nogueira para que fixese un exhaustivo varrido das orixes e actualidade das revistas literararias en internet; a Gaspar Domínguez para que falase da poesía e o medio electrónico dende a súa experiencia como xestor da páxina Andar21.net; e a Montse Pena Presas para que se ocupase das plataformas que acubillan a crítica literaria galega entre retrincos de tinta e bytes.

É moi de agradecer que as xentes da AELG tomasen a iniciativa de convocar este foro e publicar as presentes actas. Neste mundo evidentemente internetizado, onde a convivencia da prensa en papel e os novos medios dixitais é unha realidade da que a práctica totalidade da nosa sociedade xa participa, facíase necesario reflexionar sobre as posibilidades que este novo continente abriu para a creación e o pensamento dende as revistas que pola arañeira circulan.

Para tod@s @s que, como ciberlector@s asidu@s, navegades polo ancho mar da Rede este Escrita contemporánea. Da tinta á pegada dixital ha ser lectura coa que hiperenlazar lediciosamente. As súas páxinas complementariamente non electrónicas esperan por vós.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-2-2013]

http://www.youtube-nocookie.com/embed/O9ogbBdnj_M

Poesía de aquén e alén Miño

Co suxestivo título de Pegadas, os responsables do selo A Porta Verde do Sétimo Andar publicaban non hai moito unha nutrida antoloxía de poesía actual na que reunían algunhas das máis interesantes voces da escrita lusa e galega do momento.

É traballo abondo complicado tentar resumir en poucas liñas o espírito que anima a trintena de creadores participantes, entre outras cousas porque por estas páxinas desfilan poéticas do amatorio, o contestatario, o neosurreal cotiá, o simbólico-alegórico, o sentimental, o patriótico, o absurdo, o extático ou o transreal, entre outros territorios líricos.

Nada teñen que ver, pois, as estéticas dun Alberto Augusto Miranda ou un Baldo Ramos coas dun Alberte Momán ou unha Lucía Novas, en pouco converxen un Aurelino Costa, un Ramiro Vidal ou un Lino Braxe cunha Ana Cibeiras, un Lois Magariños ou unha Rosa Enríquez e outro tanto podería dicirse de todos e cada un dos poetas representados —que aparecen exhaustivamente etiquetados ao final desta entrada—, posuidores de fórmulas moi dispares que van dende a prosa poética ata o haiku, pasando polo poema en prosa, o poema visual ou o verso rimado, con universos referenciais e mesmo lingüísticos tamén complementarios (portugués estándar a canda galego oficialista e reintegrado).

Un mosaico verdadeiramente heteroxéneo e representativo de tendencias e autores este Pegadas, que convén ler se se quere estar ao día da máis labrada verba de aquén e alén Miño.

Mestiza

Dende as páxinas de Pintalabios Ana Cibeira reivindícase dúplice, híbrida e mestiza. Sobre dela “a tormenta de ser dúas:/ galega ou latina?/ da cámara ou da pluma?”.

Mais hai moitas outras fías neste tecido poroso e elástico que ganduxan os seus versos: a erótica do bico mordido, do beixo cinematográfico e a espada que fende o sexo dunha cincenta en chamas, serea punk que engulipa, devecida, os gochos velenarios do amante mariño. E tamén, xaora, a memoria solidaria coa traxedia cotiá que afoga os desfavorecidos, sexan estes tristes “espaldas mojadas” ou calquera outros oprimidos.

Ofidia, convulsa e inconformista, a Ana Cibeira de Pintalabios exhíbese “flor rara” dende os suxestivos collages que acompañan uns poemas nos que veste “nada lírica, seca de lama”, rompendo “a pel baixo terra”.