Lúa Plenur

lua plenurDa andaina literaria de Alfonso Rodríguez souben pola publicación no seu día de Subir ao faiado (2004) e a aparición, un lustro máis tarde, de Azúcar Glass (2009). Chego agora ao orixinal Lúa Plenur, que hoxe mesmo se presenta no Sindicato do Cómic nas moi literarias rúas de Auria.

Lúa Plenur é un proxecto autoeditado que se presenta en forma de dobre volume estoxado. Nel inclúense os libros Araña estupefacta no teito branco e mais Paper, ambos os dous poemarios-collage onde sobre os recortes de xornais que tapizan todas as planas se insiren versos que funcionan como unha engádega verbal a todo o despregue visual dos libros.

A poesía de Rodríguez transita os noiros da denuncia (dexeneración social, corrupción dos gobernantes, desfeita antiecolóxica, capitalismo feroz), tamén o eido amoroso (Eros anhelante, non sempre correspondido, ou non tanto como se desexar) e mesmo a reflexión metapoética (a escrita como exorcismo, como sisífico labor ao que mal se pode subtraer quen vive na palabra).

lua plenur (II)Hai en Rodríguez imaxes verboicónicas que son auténticos achados e outras que camiñan por landas surreais e automatistas de longa tradición. Mais todo nel agradece o pulo iconoclasta e subversivo, ese seu berrar en véndose ameazado por unha realidade acorante, que destempera e que transparenta nos cadoiros paralelísticos, as secuencias apositivas e o engastado de bascule ora discursivo ora simbólico.

Para os que queiran máis saber sobre do xenuíno territorio autorial que Lúa Plenur deseña recomendo a visita á web que dá conta do proxecto e á que se pode acceder clicando aquí.

Singulares artefactos literarios Araña estupefacta no teito branco e Paper, poesía verbal e visual que revela un complexo mundo creativo do que Alfonso Rodríguez é o gardián.

Visopoesía

Un bo amigo pon no meu coñecemento a aparición dunha nova entrega da interesante revista Atenea, voceiro do histórico Ateneo Ferrolán que chega con este ao número 42 dos publicados na súa xa longa andaina, comezada por volta de 1999,  o que converte esta cabeceira trimestral nunha das máis solidamente asentadas no actual panorama literario galego.

Nesta ocasión Atenea dedica as súas páxinas monograficamente ao mundo da poesía visual, eido que, malia todo, non gozou nunca de excesivo cultivo entre nós, o que fai esta entrega aínda máis valiosa.

O discurso icónico-textual que desenvolven os diversos creadores que participan da iniciativa dá boa idea do pulo e a calidade que este tipo de creación vai alcanzando nos últimos tempos. Técnicas variadas (dende o collage ata a fotografía con inserción textual, dende o caligrama ata a instantánea de instalacións, entre moitas outras), conceptualizacións diverxentes (visopoesía intervencionista, evocadora, paródica…) fan desta antoloxía de traballos un máis que interesante mosaico de propostas dun amplo abano de artistas galegos e foráneos, pois amais de visopoetas da Terra participan no monográfico autores dos Països Catalans e a capital do Estado.

Velaquí a nómina completa: Agustín Calvo Galán, Alfonso Rodríguez, Ana González Moro, Ángels Jornet Sagués, Artemio Lándoas, Baldo Ramos, Bartolomé Ferrando, Corporación Semiótica, Cristina Ferreiro, Jesús García Eiroá, Jorge Chamorro, José Francisco Varela Rial, Eliso, Marisol Gándara, Miguel Ángel Alonso Diz, Paulo Pardo Carrera, Rosanegra e Sergi Quiñonero.

Dinamitando fronteiras, implementando a comunicación da poesía discursiva e abríndose á experimentación, os colaboradores deste novo número de Atenea conseguiron unha suxestiva entrega que os amigos do Ateneo Ferrolán quixeron democratizar poñéndoa ao alcance de todos na Rede. Aqueles aos que vos proa a curiosidade, sabede que podedes saciala aquí.