Diario DC: Telexornal Díaz Castro

a       //www.youtube-nocookie.com/embed/JUdnBPTcLrg?list=UUCMczPOHPRC1REuRmYPN7Og

Entre as moitas e moi interesantes iniciativas que dende o ámbito escolar se están a levar a cabo para homenaxear a figura do autor de Nimbos neste seu Ano Díaz Castro quero hoxe dar noticia dunha que salienta pola súa orixinalidade e grao de elaboración. Refírome ao Telexornal Díaz Castro do CPI dos Dices (Rois), que o pasado día 10 de abril ás 12:30h. se emitiu en directo dende a Cidade da Cultura de Compostela nunha sesión en streaming que puideron seguir on line todos os centros educativos de Galicia e, xaora, libremente quen quixer doutros ámbitos.

Presentado polas alumnas Alba Sorribas e Lara Barreiro, o informativo incluíu tamén no equipo outras compañeiras súas como reporteiras correspondentes en diversos lugares vencellados á biografía do poeta; a saber: Lidia do Cabo en Guitiriz, Andrea Castaño en Mondoñedo, Andrea Conde e mais Andrea Gil en Santiago e Sara Iglesias na Coruña.

Todas elas, coa voz en off da amentada Lara Barreiro e mais de Roi Gómez e a coordinación do seu profesor Luís Aldegunde, fixeron posible a emisión deste completo telexornal de media hora de duración, que posibilitou a interactividade vía twitter e que contou cunha entrevista en directo a un dos máximos coñecedores da obra diazcastriana, Luís González Tosar, á que se sumaron outras interviews a Xesús Alonso Montero, Rosa Aneiros, Alfonso Blanco Torrado, Darío Xohán Cabana, Xaquín Campo Freire, Mero Iglesias, Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Rivas ‘Mini’ e o que escribe.

A través das palabras dos entrevistados e as reportaxes das correspondentes, o informativo percorre a biopoética do escritor nunha ensamblaxe moi ben orquestrada, na que o discurso das presentadoras vai fiando unha historia en imaxes suxestivas e atraentes, onde pode seguirse todo o esencial diazcastriano de xeito ameno e ben documentado.

Moi recomendable este Telexornal Díaz Castro realizado dende o CPI dos Dices, unha iniciativa admirable que comezou xa hai algúns anos e á que lle desexo longa e vizosa vida.

a

Un novo ‘Amencer’ para Díaz Castro

Teño escrito algunha vez que Amencer non é unha revista escolar calquera. Non o pode ser unha cabeceira na que apareceron publicados inéditos de Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome ou Xosé Crecente Vega, na que participaron como articulistas dende Francisco Fernández del Riego ata Marina Mayoral e que supera, con xenerosidade, os douscentos números e os trinta anos de vida.

Mais hoxe é un día sinalado para Amencer. Éo porque ás oito da tarde, no Seminario de Santa Catarina que a viu nacer, presentarase o número 225 da revista, un especial dedicado integramente á figura de Xosé María Díaz Castro, quen fora alumno desta institución entre 1929 e 1936 e aínda uns meses do curso 1939-1940.

Ten unha relevancia singular o feito, pois foi en Amencer (tamén en Dorna e Xermolos) onde o poeta guitiricense recuperou a súa voz pública logo da moi longa afonía que dende a aparición de Nimbos en 1961 lle sobreviñera.

En Amencer foi onde o escritor deu a coñecer por vez primeira os poemas “Canto de outono” e “Terra Cha”, dedicados ao seu amigo Manuel María. Viron luz no número 25, de febreiro de 1985, e son, como digo, algún dos poucos textos do autor posteriores a Nimbos.

A maior abondamento, foi Amencer quen, a través dunha copia apógrafa dun seu compañeiro de aulas no seminario, recuperou varias composicións ata daquela inéditas do poemario Follas verdes (1934), concretamente as tituladas “Noite de inverno”, “O fillo de Xan Pirico”, “A balada da madrugueira”, “Inconsecuencias” e “O meu caudal”, que apareceron no número 144 de novembro de 1997.

Por tanto, non é nin peregrino nin casual que sexa, precisamente, Amencer quen agora dedique un monográfico ao poeta. Nel, amais dunha ampla antoloxía de versos pouco coñecidos —todos eles escolleitos fóra de Nimbos—, inclúense unha longa entrevista con Alfonso Blanco Torrado (un dos mellores coñecedores da biobibliografía diazcastriana) e artigos de Enrique Cal Pardo (seminarista tamén nos tempos de Díaz Castro), Xulio Xiz (o seu biodocumentalista en vida), un traballo de Xosé Manuel Carballo e un poema dedicado de Xosé Otero Canto, aos que amecín un estudo sobre os anos mindonienses do autor.

O conxunto, por tanto, supón un novo asedio á peripecia vital e literaria do escritor, que se complementa con diversas instantáneas súas, moitas delas ben pouco coñecidas.

Todo este labor foi coordinado por quen é, dende hai décadas, o espírito da revista, Félix Villares Mouteira, tamén el diazcastriano de vello, responsable nesta ocasión de todos os peritextos e da escolma do número, unha publicación que moito paga a pena consultar a aqueles interesados en Xosé María Díaz Castro e que, por xentileza do bispado de Mondoñedo-Ferrol, podedes descargar de balde aquí.

Diario DC: A tarde que Díaz Castro entrou no Pazo das Musas

Como quen entra na morada das deusas ninfas que na antiga Grecia inspiraban as artes todas. Así se sentiu un onte asistindo á revista oral O Pazo das Musas que no Museo Provincial de Lugo organizou Antonio Reigosa, responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística da Deputación de Lugo.

Esta trixésimo quinta edición da revista oral O Pazo das Musas dedicouse, integramente, á figura de Xosé María Díaz Castro. Con tal motivo, diversos intervenientes e un ben nutrido grupo de asistentes déronse cita ás oito da tarde no refectorio do Museo para compartir un sumario de actividades que incluíu tanto actuacións musicais coma exposicións orais, igual proxeccións documentais que recitados poéticos.

As distintas intervencións da revista foron balizadas polo dúo 2nafronteira, que deleitou os asistentes con media ducia de temas do seu disco Zapatiños para Díaz Castro, un delicioso avance desta obra que está xa en fase de edición e que en poucas semanas se atopará no mercado. Eles foron os encargados de abrir a xuntanza cunha portada musical na que interpretaron “Noite do mundo”, ao que seguiron —intercalados coas intervencións do resto de participantes— o “Alalá do verme e a estrela”, “Penélope”, “Remuíño”, “Ai, capitán”, “Nana da terra” (a partir de “Terra sucada”) e, como contraportada musical xa, “Coma unha espada”. Temas todos que na voz envolvente de Carmen Penim e os sentidos acordes de Maurizio Polsinelli cobraron nova e vibrante vida.

A canda estes interludios musicais foron indo as miñas palabras sobre “A vida de Xosé María Díaz Castro: unha viaxe circular”, nas que aproveitei para amosar ao público unha presentación de materiais visuais e multimedia elaborada a partir da documentación gráfica conservada do autor. Tamén a proxección, en versión abreviada, do magnífico documental O instante eterno que Xosé Antón Cascudo preparou arredor do escritor guitiricense. Logo viñeron as palabras, sempre informadas, de Alfonso Blanco Torrado, quen nesta ocasión nos ilustrou verbo da súa “Andadura con Díaz Castro”, lembrando para todos como soubo del como lector nos tempos mozos de seminarista en Salamanca, como, ao ser destinado en 1976 a Guitiriz, fixo por contactar con el e como, finalmente, unha vez establecido ese contacto, acabaron sendo amigos inseparables nunha vida compartida na que abrollou a súa admiración tanto polo poeta coma pola persoa.

Complementando o anterior, contouse co recitado de diversos poemas por parte dos alumnos Óscar López, Óscar López Felpeto, Noa Pena Bodenlle e Noemí Romero do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, quen interpretaron con auténtica emoción uns versos con certeza interiorizados.

Aínda houbo ocasión para que, noutra fugaz intervención, dixese dúas palabras a propósito de “A escrita de “Xosé María Díaz Castro: Nimbos e outras auras”, igualmente acompañadas de material multimedia, ás que deu cabo Mario Outeiro, deputado e delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, quen tivo verbas de recoñecemento para a figura do homenaxeado no Día das Letras Galegas nun discurso no que soubo entretecer habelenciosamente os seus versos con acaídas reflexións sobre a actualidade da súa escrita, que vencellou coa memoria da súa vida e amizades, entre estas últimas, de xeito significado, a que o uniu a Ricardo Carballo Calero e Manuel María, para os que pediu publicamente se lles dedicasen vindeiros días das Letras Galegas.

Presenciou, coido que con gozo, todo o descrito numeroso público anónimo, mais tamén diversos intelectuais lucenses entre os que se contaron diazcastrianos confesos como Carmen Blanco ou Paco Martín e outros protagonistas da escena cultural da cidade amurallada como Tonina Gay Parga, Paco Rivera ou Manuel Celso Matalobos, voces do noso xornalismo radiofónico como Cristina Lombao, escritores como Isidro Novo e mesmo novos valores da investigación literaria como Iago Rodríguez Yáñez, entre outros que talvez non lembre e saberán desculpar que non os traia agora a esta crónica.

Un día máis de festa diazcastriana, desta volta propiciada polo bo quefacer de Antonio Reigosa, quen mantén viva dende hai case unha década esa marabilla das xuntanzas culturais do país que son as revistas orais ás que puxo un nome á altura: O Pazo das Musas.

Diario DC: os Nimbos de Luz viaxeiros

A exposición ‘Xosé María Díaz Castro. Nimbos de Luz’ comeza a itinerar logo dun tempo radicada en Guitiriz, terra natal do autor. Alí estivera aberta ao público na Casa Habanera da vila dende que se inaugurara o pasado día 19 de febreiro, data na que conmemoramos o centenario de nacemento do escritor.

Chega agora a Vigo, onde permanece dende onte e onde estará ata o vindeiro día 24 de marzo nas dependencias da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo (R/ Concepción Arenal, 8).

A través de 14 paneis explicativos, os visitantes poderán achegarse de forma visual a todo o universo diazcastriano, coñecendo de xeito ameno e sinóptico os principais socalcos biográficos e literarios dun autor do que se ofrece gran cantidade de fotos e documentos ata agora inéditos.

Unha moi boa oportunidade para todas as viguesas e vigueses e os que por preto de alí andades para informarvos e familiarizarvos coa vida e obra do guitiricense máis universal.

A exposición, producida pola división Merlín Comunicacións de Galaxia, coordinada por Xosé Soutullo e patrocinada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, é de visita gratuíta e ofrece tamén de balde a todos os que a ela se acheguen un completo programa de man despregable en acordeón, onde se reproduce a escala a integridade da mostra, valioso material de ben doada consulta e moi didáctico, tanto para interesados en xeral coma para escolares. Acompaña á mesma a proxección do documental ‘O instante eterno’, de José Antonio Cascudo.

Para os comisarios da mostra, Alfonso Blanco Torrado, Luís González Tosar e eu mesmo, é un motivo de ledicia saber que ao longo de todo este ano ‘Xosé María Díaz Castro. Nimbos de Luz’ se achegará a moi diversos recantos da nosa xeografía, itinerando a través de cidades e localidades nas que poderá ser visitada. A folla de ruta da exposición figura baixo estas liñas para a vosa información. Boa visita!

Diario DC: O gaiteiro de Lugo

Con máis de século e medio ás costas, O gaiteiro de Lugo regresa como cada ano aos quioscos e librerías do país. Dende que en 1857 se tirara o primeiro número e logo de diversas lagoas, este popular almanaque lucense (un dos máis antigos do Estado) segue a contar co práceme dos nosos traballadores do agro, que o procuran para se informar de cuestións diversas e o teñen nas súas casas como unha sorte de misal laico.

O gaiteiro de Lugo publícase hoxe co patrocinio da Área de Cultura da Deputación desta provincia, capitaneada por Mario Outeiro, e ten a nada desprezable tiraxe de dous mil exemplares. Tal como hai anos, a publicación continúa presentándose como un volume “relixioso, profético, astronómico, recreativo, patriótico, popular e barato”, características todas elas que cumpre sen falta: é relixioso porque ofrece detallada noticia do santoral diario; profético porque inclúe un prognóstico rimado da meteoroloxía mensal prevista para o ano en curso; astronómico tamén, xa que informa das fases lunares; recreativo, pois os textos que acompañan as informacións afondan nun ludismo explícito; popular igualmente, que nada hai nel que non poida ser lido —e comprendido— con agrado por un paisano de noso; e, xaora, barato, cun formato e calidades materiais que favorecen que se achegue a prezo máis que módico.

Esta cabeceira ten para a nosa literatura un interese certo, posto que é tradición secular que a publicación incorpore textos de escritores galegos, por veces simples reproducións, mais en moitas ocasións redactados ex professo para a cabeceira. Foron pasando así ao longo dos anos polas súas páxinas obras de diversos creadores, entre os que sobrancean os autores mindonienses de nacenza ou da súa escola literaria, tales como Antonio Noriega Varela, Eduardo Lence Santar, Xosé Crecente Vega, Xosé Díaz Jácome ou Álvaro Cunqueiro.

Neste 2014 O gaiteiro de Lugo prosegue a tradición e centra a entrega no autor do Día das Letras, o tamén lucense de Guitiriz Xosé María Díaz Castro, ao que vai dedicada en homenaxe esta edición. Con tal motivo, reprodúcense unha ducia de poemas seus acompañando a información de cada mes, textos deliberadamente escollidos pola súa temática estacional, varios deles tirados de Nimbos, mais outros non recollidos no poemario, o que engade un indubidable valor documental á publicación. A canda eles, e intercalados polo volume adiante, van tamén uns miniartigos arredor de Díaz Castro asinados por quen foi o responsable da escolma poética, Alfonso Blanco Torrado, que cedeu, amais, as varias fotografías diazcastrianas que salfiren as planas do almanaque.

Excelente nova, por tanto, esta de que un novo O gaiteiro de Lugo circule xa polas nosas parroquias. Con el a nosa veciñanza non só saberá da táboa de mareas, as feiras do país e o valor dos ferrados galegos por municipios, senón tamén, desta volta, dos versos de Díaz Castro, un poeta no que o paisaxístico e o telúrico tiveron forte presenza e que soubo captar como poucos o sucederse do tempo cíclico de anos e meses a se repetir.