O inaudito

albumdacuartadimensionLeo o Álbum da cuarta dimensión de Carlos Lema a brazo partido, loitando coa poética conceptual, ontolóxica, densificada, implicatoria e estratificada á que convida.

Aquí o verso non dá descanso, reprégase sobre si mesmo para profundar nunha filosofía do dicir que tenta explicar o ser dende o realismo especulativo, rabuñando na falsa superficie do aparencial ata deixar ao ar as vísceras do pensamento radical. Cómpre superar a definición do existente dende unha esencia limitada, filla cativa da tridimensionalidade, volátil refén das coordenadas. É na cuarta dimensión, no reino do espazo-tempo, onde a variable do humano adquire sentido pleno. Somos fillos dunha xeometría curva, un espazo de gravidade no que a materia de palabra e soño que nos configura se deforma e redefine nunha trenza de luz que vai sempre alén.

Nas páxinas deste Álbum da cuarta dimensión hai unha batería de poemas iniciais que son un canto á ruína dos lugares amados da memoria, aos espazos que se habitaron e agora esboroan. Unha elexía á casa baleira, invadida polo brión, á sombra orfa dos corredores baleiros, ás lacenas defuntadas e os leitos avellentados. Aquí todo son “serraduras, retrincos desfeitos,/ pulverizadas opcións da materia”. E hai “zapatos nos azulexos/ rotos do corredor”. E tamén “círculos/ onde as cascudas/ son lampexos/ de viño e outras miserias”. En fin, “hai recunchos onde/ a parede se fai vento e límite/ das sombras, un lugar para gardar/ as vedrañas deturpacións do vivido”.

No centro do poemario a música deslízase creando volutas harmónicas. Un feixe de poemas dan a altura, intensidade, duración e timbre da sonoridade lírica. E velaí os “Instrumentos musicais” ao pé do “Tintinnabuli” de Arvo Pärt e as súas creaturas de sinos de tempo lento e meditativo. Mesmo a “Guinnevere” de David Crosby, melodía serena, amor devoto á “señora, coma ti”.

O último bloque do libro concentra os poemas nos que a reflexión sobre o paso do tempo e as súas cicatrices e o pensamento verbo do cotián da insoportable levidade do ser se fan máis presentes.

A de Lema é unha escrita outoniza, arredada de ledicias exultantes, todo o máis de puntuais concesións a unha esperanza incerta. O resto son cascallos, cinza dos días que pasan, lembranzas de gume cortante e recantos do presente nos que nada medra porque a desolación o invade todo. É “A ceifa do nada” cando un vai “Cos petos cheos de tristezas” e se sente “O cazador da dor”.

Para os degustadores da metapoesía paga a pena advertir que hai aquí moito diálogo subterráneo coa poética de Chus Pato e que o impropio desta é primo irmán do inaudito de Lema. Mais tamén son amentados dende clásicos ingleses do XVII como John Aubrey ou poetas románticos como Keats ata iconas feministas como Simone de Beauvoir. Á fin, cuns e con outras, a pregunta definitiva segue a ser a mesma: “¿Como se aprende a mirar/ se o íntimo inunda sempre/ as acuosas cristaleiras do mundo?”.

Cumpriría dicir aínda neste Álbum da cuarta dimensión das moitas alusións culturais e panartísticas que encerra, da estilística eufónica da que se reviste e das fórmulas versais apositivas, encabalgadas, enumerativas e contrastivas que fan da escrita do de San Sadurniño un exercicio de lectura esixente ao oído e ao intelecto.

Entre “partículas subatómicas, tacto e conceptos”, a poesía de Carlos Lema enúnciase como unha “industria do inacabable”, a melancolía que nace do recoñecemento da decadencia e da caída, un “dexergar no tempo que abeira o inaudito”.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 21-6-2020]