Cunqueiro é máis

Nordesía (Miguel Somovilla,15-03-2020)Cando un pensa no Álvaro Cunqueiro escritor seguramente o primeiro que se lle vén á cabeza é o fabuloso narrador, tamén o magnífico autor teatral, por suposto o extraordinario poeta, pois o mindoniense declarouse sempre, e antes nada, poeta, “que este é o meu título”, como lle gustaba lembrar.

Agora ben, o quefacer creativo ao que dedicou máis tempo, no que produciu máis obra e, para min, da mellor das que nos legou é, con certeza, a ‘literatura xornalística’. E tómese boa nota de que escribo á mantenta ‘literatura xornalística’ e non ‘xornalismo literario’, porque, ao meu ver, Cunqueiro traballou como periodista, pero non foi un periodista; foi si, un xenial escritor que toda a vida se ocupou como colaborador de prensa e que mesmo chegou a dirixir o xornal decano do país, o que non invalida que se sentise, e, o que é máis importante, que escribise decote como un poeta, fose en modulacións narrativas, teatrais, ensaísticas ou propiamente líricas.

Establecido o anterior, comprenderase mellor a importancia decisiva que adquire a publicación de calquera compilación literaria xornalística do de Mondoñedo. Se esta ofrece, ademais, unha escolma representativa tanto pola amplitude cronolóxica dos textos antologados coma pola variedade de asuntos tratados e aínda o considerable número de pezas recollidas, daquela non cabe dúbida de que nos atopamos ante un traballo maior, chamado a ficar como de consulta imprescindible.

Tal condición ostenta a escolma Al pasar de los años. Artículos periodísticos (1930-1981), antoloxía que asina o xornalista e estudoso cunqueiriano Miguel Somovilla, un traballo modélico, tanto polo prurito co que foi realizada a recolleita, selección e fixación dos textos coma pola acuidade coa que son presentados, contextualizados e interpretados no estudo introdutorio que precede á selecta.

Aínda que os cómputos varían dependendo de diversos factores (refacturas textuais, traballos sen asinar, reedición de textos…), estímase que Cunqueiro puido escribir ao longo da súa vida varios milleiros de artigos, talvez contra os vinte mil. A escolma de Somovilla recolle apenas douscentos, o que dá idea do labor titánico de filtrado que tivo que levar adiante para peneirar ese un por cento esencial.

Estes dous centos de colaboracións cobren medio século de escrita, dende os primeiros textos no mindoniense Vallibria en 1930 ata os póstumos de primeiros de marzo de 1981. Doutra parte, recollen obra aparecida nunha vintena de xornais e revistas e tratan temas e motivos recursivos na escrita cunqueiriana, que Somovilla agrupa en dez bloques rotulados con títulos do propio autor: “En el principio fue el verso” (textos sobre literatura); “Un mapa de Galicia” (arredor de lugares e viaxes polas nosas terras); “Por la ruta jacobea” (escrita de peregrinaxes); “El mar que nos rodea” (colaboracións protagonizadas polo marítimo); “Retratos y paisajes” (fundamentalmente semblanzas de persoeiros); “De varia coquinaria” (artigos gastronómicos); “Aprendiz de brujo” (adiviñacións, horóscopos e prognósticos); “Días de curación” (sandadores, menciñeiros e curacións alleas á medicina convencional); “Notas para un diccionario de ángeles” (anxeloloxía e demonoloxía) e “Al pasar de los años” (calendario e celebracións anuais).

Completa o conxunto un “Epílogo” con tres textos maxistrais sobre Cunqueiro e o seu mundo: unha entrevista que lle fixo Francisco Umbral cando gañou o Premio Nadal, un artigo de Francisco Carantoña tras o seu pasamento e outro de Juan Cueto polo seu primeiro cabodano.

A maiores, e como xa se avanzou, o volume conta tamén cun espléndido e moi amplo estudo introdutorio asinado por Somovilla, que non só analiza con detemento a articulística de Cunqueiro, senón que engade unha ben detallada e actualizada cronoloxía, un valioso álbum fotográfico e unha extensa e rigorosa bibliografía.

Se a todo o anterior lle sumamos a pulcritude na edición material da obra (encadernación en tea con letras en gravado, camisa protectora, gardas estampadas, dobre cinta de lectura e delicado papel biblia de fino acabado para as máis de oitocentas páxinas que compoñen o volume), entenderase mellor por que este Al pasar de los años resulta unha exemplar edición da obra cunqueiriana que, ademais, ofrece o atractivo de que case unha setentena dos textos que recolle non viran nunca a luz en ningunha compilación anterior.

Dicía Cunqueiro que toda antoloxía é unha aventura. Sen dúbida esta acometida por Miguel Somovilla para a prestixiosa Biblioteca Castro ten o máis feliz final: mercé ao seu denodado esforzo quenquera poderá ler o mellor Cunqueiro articulista, deleitarse coa maxia incomparable da súa imaxinación, os mil saberes que a adornan e a súa xenuína estética, virtudes que fan del un creador inimitable. Porque Cunqueiro é sempre máis e, Al pasar de los años, con maior razón.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 15-3-2020]