Letras para o pracer

Nordesía (Ursula Heinze de Lorenzo, 15-9-2019)En Ursula Heinze de Lorenzo temos unha das escritoras máis versátiles e anovadoras da literatura galega das últimas décadas. Nunca se lle agradecerá suficientemente todo canto leva feito polas nosas letras esta galegoxermana: o seu labor pioneiro no ensaísmo en xeral e no de signo feminista en particular, a súa entrega como fundadora e presidenta histórica do PEN Galicia, as súas traducións de clásicos alemáns como Heinrich Böll, Uwe Johnson, Günter Grass, Mira Lobe, Elisabeth Heck ou Michael Ende e a súa escrita infantoxuvenil e non só, pola que ten recibido numerosas distincións como o Premio Merlín, o Blanco-Amor, o Losada Diéguez ou a Medalla Castelao.

Tras case corenta anos publicando novelas, monografías e poemarios, Heinze ten alcanzado unha plenitude creadora que deixa tras de si un ronsel de títulos referenciais que seguen acrecentándose a cada pouco. A máis recente das súas achegas é a novela Delirios de pracer, unha narración que ve luz da man de Aira Edicións.

Tal como é adoito na escrita da autora, tamén nesta novela curta explora territorios pouco frecuentados na nosa literatura por seren considerados marxinais ou mesmo tabú, abrindo así espazos para a súa renovación. Nesta ocasión o relato xira arredor dos afectos e o sexo entre as persoas de idade avanzada, unha temática da que en ben poucas ocasións se teñen ocupado as creadoras e creadores galegos.

Sara, unha muller moi vital, dona dunha admirable fortaleza interior e capacidade de resolución, vive atrapada nun matrimonio no que se sente incompleta. O seu marido, Xabier, hai anos que non ten ningún contacto físico con ela por mor dun trauma froito da témera experiencia vivida como soldado na guerra da antiga Iugoslavia. Así as cousas, Sara, andada a sesentena e coas máis excitantes pulsións perfectamente vívidas, toma unha decisión que variará o rumbo da súa vida: contratar os servizos dun masaxista erótico que aloumiñe a súa pel tanto tempo desatendida. Ao final, o que comeza como unha relación profesional cun fisioterapeuta sensual acaba derivando nunha relación amigable na que os afectos tamén se fan presentes e onde Sara descobre rexións do pracer sexual ata entón insospeitadas.

A trama da novela resulta particularmente interesante por canto convida a unha fonda reflexión arredor de realidades da nosa sociedade das que moitas propostas literarias semellan esquecerse: a sexualidade das persoas maiores, o complexo e alternante mundo dos afectos dentro e fóra da parella, a prostitución masculina e mesmo as tiránicas convencións do canon de beleza.

Escrita cunha prosa elástica, de admirable precisión, Delirios de pracer constrúese nunha secuencia de linearidade da historia que progresa sen obstáculos e convida a pasar a páxina para continuar a gozar da sensualidade zumarenta dos seus parágrafos. A visión omnímoda do narrador en terceira persoa consegue transmitirnos non só a vibración dos encontros, senón tamén todo un horizonte de referencialidades co que van tecéndose as implicaturas dun relato que vai alén da relación sexual episódica para abrirse a consideracións existenciais e éticas de máis fondo calado.

Ben feliz nova a da aparición desta novela de Ursula Heinze de Lorenzo, escritora e intelectual de extraordinaria andaina e voz da que moito aleda seguir alimentándonos literariamente. Sexan parabéns e que continúe o pracer.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 15-9-2019]