Letras en ronsel

mosaico lecturas 2014Abandonounos o 2014, pero non nos deixou orfos. Tras de si deitou un feixe de lecturas de valor que hoxe me presta relembrar.

O ano narrativo foi feraz e houbo apostas ben variadas: dende a escrita autobiográfica, de relato reflexivo e primíparo, que achegou Inma López Silva en Maternosofía ata a aventura maratoniana nos antípodas que propón Santiago Lopo en A diagonal dos tolos, pasando pola narración memorística e de descubrimento da vida adulta e os seus secretos feridos por un tempo gris de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, o puxilato pola supervivencia nun tempo avolto do Olimpia Ring, 1934 de Xabier López López ou as miserias dos escenarios e a vida de Máscaras rotas para Sebastian Nell de Alberto Ramos.

Tampouco os poetas ficaron a barbeito. Velaí están para demostralo A segunda lingua de Yolanda Castaño, ironía e pensamento versal de retrouso idiomático e resaibo revelador; A última música das cousas de Bieito Iglesias, memoria dun eu en tránsito melancólico; A distancia do tambor de Eva Veiga, cicatrices, Tempo de Ombre, filosofía do que esfarela; Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, poliedro de silencios, acougo na tormenta, o pensamento a autoesculcarse; As voces da máscara de Arcadio López-Casanova, o transterro, a vixilia do desposuimento, os devanceiros a guiar a palabra maxistral, o final esperanzado en Ondara; Fulguración e silencio de Xavier Rodríguez Barrio, a verba en diálogo fértil, a memoria do amigo que se foi e non se vai xa máis; ou Celebración de Gonzalo Hermo, poemas de eu post-crac, fracturas interiores que viaxan entre musgos e vísceras na queste da identidade propia.

Foi tamén, este, ano de ensaística sobresaliente. Abondaría con amentar a Historia da literatura galega. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que o profesor Xosé Ramón Pena publicou hai uns meses, volume imprescindible para revisitar criticamente tan decisivo período do noso pasado literario. Mais a este título habería aínda que sumar os Livros que nom lê ninguém de Isaac Lourido, lúcido repensar das nosas condicións sistémicas e as súas derivacións, principalmente proxectadas sobre a obra de determinado grupo autorial; a reivindicación da memoria masacrada que Francisco Xavier Redondo Abal tenta restituír en Bibliotecarios e bibliotecarias infames e que se explica transparentemente no subtítulo: A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego; ou mesmo a indagación teórica que Inma Otero Varela acometeu en A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, inestimable ensaio a propósito do xenérico e o seu valor na proxección e interpretación dos suxeitos literarios da escrita máis recente.

letras en ronsel (nordesia)Este esquemático guieiro resultaría incompleto se non se recordase que a produción infantoxuvenil brillou tamén con intensidade en obras como o poemario As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, versos de recoñecemento e agarimo ás traballadoras do mar; tamén en De como Chispo, o esquío, puido co frío de Toño Núñez, sagacidade e tenrura para superar os atrancos da vida; As noites de Xián de Concha Blanco, saudades mariñas dun mundo que non se concibe sen o rumor das ondas e, xa para os rapaces medianeiros, a magnífica Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey, memoria de tempos facareños que a ilusión e a esperanza souberon borrar. Para os máis mozos, as regalías viñeron do Reo de Xesús Fraga, días de graffiti e ritos de paso, xeiras nas que a banda sonora das xornadas acompaña o albiscar dun futuro que se ten de labrar coas decisións propias; e, no poético, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, versos contra a tiranía da moda e as trampas que ás rapazas tende, evidenciando adicións témeras, acusando a destrución das vontades. En fin, habería tamén que lembrar que o teatro e pur si mouve e ofreceu (re)edicións tan estupendas como a moi amena O achado do castro de Manuel Núñez Singala ou o máis grave e meditabundo Lapsus de Alfonso Pexegueiro, comedia do existir, infancia de moral mancada.

Letras en ronsel dun ano que esmoreceu e que serán sucedidas por novas ceifas ás que cómpre desexar nos traian tan bos momentos de lectura como deixaron estes libros que aquí pouso “coma cinza/ de rosas que onte encheron de perfume/ o mundo”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-1-2015]

O Espazo da Memoria

A viaxe de GagarinA viaxe de Gagarin é o máis recente título narrativo saído do maxín do incansable Agustín Fernández Paz, unha novela que ten un moito de libro de memorias ficcional e un non pouco de bildungsroman, de novela de aprendizaxe na que a infancia e adolescencia do mozo protagonista (un rapazolo da quinta do 1952 que, dende o 2011, lembra feitos e momentos acaecidos na década dos sesenta) son o territorio vivencial no que se desenvolve este relato.

Como pode deducirse do propio título, a paixón pola carreira espacial e a competición ruso-estadounidense que naquela década se desenvolveu é crucial na obra, que se enmarca no temporal xusto entre o primeiro voo orbital dun humano arredor da Terra (o de Gagarin o 12 de abril de 1961) e a aluaxe de Armstrong (o 20 de xullo de 1969). En paralelo a ese ir abríndose ao Espazo de cosmonautas soviéticos e astronautas ianquis vai producíndose tamén a maduración, o paso da puberdade á adolescencia do protagonista, nun xogo de espellos que se retroalimentan e cohesionan estruturalmente a narración.

Mais este marco de referencias temporais externas está ao servizo do novelado dunha historia ben recoñecible (moitas semellantes houbo) da represión franquista contra os militantes clandestinos do PC. Os pais do protagonista e algúns amigos moi próximos loitan coas armas da palabra (son escritores, impresores, mestres) confeccionando revistas por medio das cales informan á poboación da verdadeira España que padecen.

Adobiando a narración, unha romántica e intensa trama amorosa (capuletos franquistas e montescos antifascistas) e o relato dun tempo e unha sociedade que, malia a todo, progresaba daquela maneira e asistía a cambios nos modos e costumes que os ían achegando a certa modernidade dende as cavernas do autoritarismo do Ditador.

agustin_fernandez_pazA viaxe de Gagarin conta con todos os atractivos para facer da súa lectura unha agradable experiencia: unha prosa liberada de complexidades lexicais, de períodos curtos e aliviados de hipotaxes recursivas; unha arquitectura narrativa transparente, cun relato memorialístico que avanza lineal e engade dous apéndices tamén secuenciais; o debuxo de personaxes defrontados cos que resulta doado empatizar e nos que apenas hai claroscuros, pois son prototípicos no modelado; e unha deliberada simplificación de calquera recurso que puidese dificultar a interpretación, apostando por unha modalización narrativa única na que os procesos de simbolización e estratificación intertextual foron deliberadamente acomodados para que nada empecese o seguimento da trama.

Os que fiquen con ganas de saber máis sobre A viaxe de Gagarin antes de desembarcar na lectura, o que sen dúbidas recomendo, teñen aínda unha outra posibilidade: a consulta do blog agustinfernandezpaz.eu/Gagarin onde o autor foi deitando comentarios de grande interese para mellor comprender os procesos da escrita e as fontes de documentación manexadas para a redacción da novela, incluídas instantáneas e outras referencias decisivas para a comprensión do ánimo comunicativo que gurgulla en moitas pregas das súas páxinas.

Con esta nova entrega narrativa, Agustín Fernández Paz volveu confirmar a súa pericia técnica e o absoluto dominio dos recursos que todo novelista eficiente e experimentado debe saber manexar con oficio. Léndoo un decátase mellor de que esa ‘espléndida desolación’ coa que Buzz Aldrin definía a paisaxe lunar é tamén a máis lograda caracterización para un tempo e unha memoria que, porén, nas mans deste vilalbés aínda escharetaron algunhas velaíñas faíscas, tal vermes de luz ardorando na noite máis escura.

[Praza Pública, 1-8-2014]