Como a andoriña que vén en tempo, o último número da revista A Trabe de Ouro (93, xaneiro-febreiro-marzo do 2013) trouxo no peteiro graúdos e saborosos froitos.
Nesta nova entrega hai valiosos traballos de xorne psicohumanista debidos ao psiquiatra e ensaísta Emilio González Fernández (“«Míreme ben… báixese ben». Do enfermo como autor ao médico como crítico literario”), textos sobre ideoloxía e política de Iván Olmos Ferreiro (“Ensaio sobre a globalización e o imperialismo cultural”), comentos a propósito de discursos académicos de Xosé Manuel Salgado (“Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas. Discurso de ingreso na RAG de Xosé Fernández Ferreiro. Reposta de Manuel Rivas”) e aínda entrevistas (de Olegario Sotelo Blanco ao Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Xesús Vázquez Abad) e mesmo programas electorais (así o “Programa para a Presidencia da Real Academia Galega” de Manuel González González).
Mais de entre todos estes materiais, quero salientar dous que, sen demérito dos outros, me resultaron de especial interese: dunha parte, a moi documentada e rigorosa investigación do profesor Antón Figueroa verbo da hispanista alemá Margot Sponer (1898-1945) no longo artigo “Sobre Margot Sponer”. Mercé á súa investigación sabemos que esta estudosa foi a primeira en presentar unha tese sobre o galego no mundo, presentada en xuño de 1935 na Facultade de Filosofía da Friederich-Wilhems Universität de Berlín baixo o título Altgaliziesche Urkunden (Documentos do galego antigo). Sabemos, igualmente, como dende o seu posto de docente na Universidade de Berlín recibiu a ilustres visitantes galegos que ata alí se desprazaron na Preguerra, como Vicente Risco ou Loís Tobío, entre outros, xeiras e contactos dos que deron conta medios da época como Nós ou El Pueblo Gallego. Finalmente, descubrimos que o labor a prol da nosa cultura que Sponer espallou dende o prestixioso Romanisches Seminar rematou cando, debido ao seu activismo antinazi, foi ‘liquidada’ polas SS por colaboracionista coa Resistencia. Todo un exemplo como estudosa e ser humano polo que, como ben di Figueroa no remate ao seu excelente artigo, “merece quedar entre nós a súa memoria”.
A segunda das achegas que coido debe salientarse é a lograda tradución que Manuel Outeiriño ofrece do longo “Poema inacabat” (1344 versos) do filósofo e poeta catalán Gabriel Ferrater (1922-1972), publicado por vez primeira en 1968 como parte de Les dones i les dies, a compilación de toda a súa produción lírica.
Metapoema nas pegadas do célebre Érec et Énide dun dos pais do ciclo artúrico, Chrétien de Troyes, Outeriño transforma a súa versión nun exercicio de memorable virtuosismo a ser quen de conservar a formulística rimada do orixinal catalán, un texto no que Ferrater verte opinións e pareceres sobre moitos dos seus compañeiros de andaina literaria (Josep Carner, Josep Vicenç Foix, Pere Bohigas, Antoni Comas, Eduard Valentí, Joan Petit, Maria Bonet, Josep Plà, Carles Riba e un longo etcétera, entre os que tamén se contan autores casteláns como Antonio Machado ou o seu grande amigo Jaime Gil de Biedma).
Mágoa que esta tan xeitosa tradución de Outeiriño non se acompañe de notas aclaratorias ás moitas alusións e implicacións do poema, que moito se terían agradecido neste caso, pois tampouco se chegou a dispor unha nota inicial que explicase de onde xurdía o poema e cal era o seu relevo.
Esta nova entrega da revista A Trabe de Ouro consolida o camiñar firme dunha publicación que, paseniño, vai aproximándose xa ao centenar de números editados, todo un logro nun país coma o noso, onde este tipo de empresas deben vencer mil e un obstáculos para proseguir a súa andaina, o que aínda engade máis valor ao traballo do equipo que a dirixe e a coordina e que, só por iso, é merecente dos maiores parabéns.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 6-10-2013]