Fábula quelónida

Paula Carballeira é unha das máis versátiles escritoras de literatura infantoxuvenil galega, capaz de ensaiar con igual talento a poesía infantil, a narrativa xuvenil, o álbum ilustrado, os textos de prelectura ou o teatro para nenas e nenos, ilusionantes angueiras que aínda lle deixan tempo para facer agromar versos para persoas medradas, prodigar o seu labor de contacontos e cultivar a súa faceta de actriz, o que a converte nunha auténtica todoterreo que non deixa de sorprender pola calidade e variedade das iniciativas artísticas que acomete.

Hai pouco sumou á súa longa nómina de títulos un novo volume que resulta un estimulante desafío lector. Estou a me referir a A tartaruga Amodovou, texto de pequeno formato que veu a luz da man de Oqueleo, colección que moitas alegrías literarias leva dado nestes últimos tempos e que recomenda a obra para lectorado de seis anos en diante.

A tartaruga Amodovou é a historia do quelonio que lle dá nome, da súa vida dende o berce ata o se ir, un relato que é unha andaina polo mundo adiante e tamén unha viaxe interior, pois Amodovou vai descubrindo amigos e lugares ao tempo que aprende a distinguir o accesorio do verdadeiramente esencial para unha vida feliz e plena.

Como fábula moderna, a historia de Amodovou resulta unha narración emocional e sapiencial, que convida á reflexión de xeito lúdico e que pode servir como eficaz proposta para que as nenas e nenos interioricen os valores da amizade, a capacidade de superación, a curiosidade por aprender, a importancia da vontade, o decisivo da experiencia e da sabedoría acumuladas e, por suposto, o absurdo inicuo das guerras e dos enfrontamentos humanos.

As páxinas deste libro están cheas de reveladores diálogos, de imaxes e símbolos que encarnan positivas mensaxes polas que se quere apostar, como a liberdade das aves voadoras, a beleza e inmensidade abraiantes da natureza, a diversidade enriquecedora do planeta e, sobre todo, a posibilidade dun mundo mellor, en paz e solidario.

Tan luminosas ensinanzas teñen cumprido espello nas suxestivas ilustracións que Ana Seixas creou para este relato, toda unha explosión de cores e formas que invade as páxinas e dialoga co texto de Paula Carballeira para facer de A tartaruga Amodovou un libro inesquecible, que moito presta recomendar e polo que cómpre parabenizar a ambas e a Oqueleo.

[El Correo Gallego, 25-5-2020]

Unha fábula moderna

Nordesía (Paula Carballeira, 19-1-2020)Hai moito que sigo con interese a escrita de Paula Carballeira. Tanto é así que son varias as ocasións nas que manifestei publicamente o meu parecer sobre libros seus, admirando sempre a capacidade camaleónica da autora para conectar por igual co lector infantilxuvenil e co adulto, co que prefire o escénico e o que opta polo poético, co que lle resultan agradables as narracións curtas e co que goza do álbum ilustrado. Todas estas facetas literarias confirman a súa andaina como unha das máis plurais e orixinais dos últimos anos, polo que a aparición de cada novo libro seu resulta un estimulante desafío lector.

Esta sorprendente versatilidade de Carballeira levoume estes días atrás a me debrocar na narración breve A tartaruga Amodovou, un volume de pequeno formato da colección Oqueleo ideado para o lectorado de seis anos en diante.

A tartaruga Amodovou é a historia do quelonio Amodovou dende o seu nacemento ata a vellez. Un relato que é, ao tempo, unha viaxe física e unha viaxe interior, emocional e sapiencial. Deste xeito, a tartaruga Amodovou percorre, no seu vagaroso pero incansable camiñar, os máis diversos lugares, igual por terra que por mar ou por aire, e neles coñece outros animais que a axudan, a advirten ou a aconsellan.

É, por tanto, unha fábula moderna que quere facernos reflexionar sobre cuestións axiais e servir, así, de lúdica ferramenta de aprendizaxe para os máis noviños: o valor da amizade, a capacidade de superación, a curiosidade por aprender, a importancia da vontade, o decisivo da experiencia e da sabedoría acumulada e, por suposto, o absurdo inicuo das guerras e dos enfrontamentos humanos.

Un dos moitos acertos desta proposta de Carballeira está, ao meu ver, na transparente fondura dos diálogos e situacións que se formulan, esa admirable facilidade da escritora de Maniños para abismarnos nos máis graves problemas de xeito que se volvan de comprensión diáfana para grandes e pequenos. E facelo, amais, integrando no relato o coral simbólico doutros seres e realidades que representan valores positivos polos que se quere apostar: a liberdade das aves voadoras, a beleza e inmensidade abraiantes da natureza, a diversidade enriquecedora do planeta, en fin, a posibilidade dun mundo mellor, en paz e solidario.

 Nesa vontade de conectar co lectorado máis miúdo A tartaruga Amodovou conta coas suxestivas ilustracións de Ana Seixas, unha explosión de cor e de formas, que xeometriza a visión de animais e lugares e deixa que a páxina se inunde de elementos, que se desborde en asimetrías que encaixan como nun inacabable e vertixinoso puzzle co relato escrito por Carballeira.

Publícanse cada mes ducias de libros en todo o mundo nos que se tratan, de xeito sisudo e moi académico, os asuntos sobre os que versa este libro. E claro que nesoutras obras se ha de atopar moita e moi cumprida información técnica verbo do ecoloxismo, o antibelicismo e a convivencia harmónica dos seres. Mais non hai moitos —todo o contrario, son ben escasos— os relatos nos que tan transcendentais cuestións se trasladan a pequenos e non tan pequenos con acuidade suma e sinxeleza non exenta de fondura. Por iso estou convencido de que a lectura de A tartaruga Amodovou ha de ser para moitos adultos unha intelixente e fermosa chamada á conciencia e, para os que agora medran aprendendo a vida, o espello dun mundo futuro mellor que entre todos teremos que construír, devagar, sen présas, como o paso de Amodovou, pero coa firmeza e a convicción que nos ensinan as súas voluntariosas patas nesta inesquecible historia.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 19-1-2020]