Unha nova era

Remato de ler A noite da deusa, a última novela da profesora e escritora María López Sández que publica a Editorial Galaxia en Costa Oeste, a súa colección para lectorado mozo. Fágoo cun moi agradable saibo coma pouso: aventura, mitoloxía, feminismo, ecoloxismo e multiculturalismo amalgaman nesta historia dominada polo selo da fantasía épica, que agrada tanto polo atractivo e vertixinoso da súa trama coma polo intelixente das reflexións sociais e comportamentais ás que convida.

Unha comunidade de sacerdotisas e iniciadas vive no inframundo dende tempos inmemoriais entregada á protección e solidariedade entre as mulleres, oprimidas polos resortes violentos do patriarcal. Unha serie de elementos máxico-simbólicos axudan a que este apoio ás mulleres sexa posible por parte desta comunidade de sabias e oficiantes, mais o perverso Andros, encarnación da máis temible expresión do patriarcado, consegue arrebatar ás sacerdotisas algúns destes elementos xusto no intre no que a pitonisa da comunidade anuncia que está preto a noite da deusa, momento cósmico-mesiánico no que todo é posible, mesmo conseguir que bote a andar unha nova era de convivir igualitario entre mulleres e homes.

Velaí, en esencia, o ‘conflito’ que desata a trama desta novela gurgullante, chea de acción e poderosas personaxes que poñen en escena os conflitos que a todas as persoas nos (con)moven: o temor, a dúbida, a necesidade dos afectos, a resignación inmobilista, a ira cegadora, o sangue da memoria, a sabedoría das ancestras, a afouteza transgresora, a luz esperanzada.

Son moitas as influencias e homenaxes coas que López Sández tece este seu orixinal relato, tantas que sería prolixo tentar sequera enumeralas. Mais abondará con amentar dous títulos recentes que, no contexto literario galego, coido camiñan por vieiros paralelos: As meigas de Lupa (2012), de María Solar, e mais O ouro das lúas (2018), de Beatriz García Turnes. Con ambas comparte A noite da deusa a centralidade protagónica da reivindicación empoderada da muller dende a ficción iniciática, así como a súa xustísima loita por unha igualdade xenérica na que cómpre seguir traballando e que estas ficcións poñen de relevo de xeito tan transparente coma ameno.

Xa que logo, fronte ao imaxinario fantástico de épicas canónicas coma a de O señor dos aneis ou Harry Potter, López Sández apón unha alegoría feminista que denuncia aberracións e violencias absolutamente rexeitables: a ablación, o sometemento aos canons estéticos, a violación ou os amores de enfermiza submisión, entre outros. E todo dende unha temporalización actual e unha espacialización galega, pois non en van o telúrico Val das Mouras courelao adquire na novela unha importancia decisiva que espella a radicación ancestral e identificada desta historia tan de noso, con símbolos celtas, enclaves castrexos e árbores sagradas dos druídas abrazándoo todo.

Non menor importancia reviste tamén a reivindicación ecoloxista da obra, que en moitos treitos se volve xenuinamente panteísta e presenta as protagonistas fundidas con todos os restantes seres vivos (árbores, brión, aves…) nunha nova revisitación do mito de Xea e mesmo da moderna concreción que para el procurou James Lovelock na súa famosa Hipótese Gaia.

Escrita con extraordinaria fluidez, dona de hipnóticas descricións sensorialistas e plasticidade case que cinematográfica, A noite da deusa resultará unha lectura máis que suxestiva para aquelas persoas, mozas ou non, que anden á procura dunha historia de imparable aventura, forza simbólica e mensaxe comprometida e esperanzada. Un texto que confirma a María López Sández como unha das máis valiosas narradoras do noso momento literario.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 12-7-2020]