A traxectoria literaria de Claudio Rodríguez Fer é unha das máis intensas e extensas das últimas décadas en Galicia. Máis de medio cento de obras confírmano como un dos estudosos e creadores de máis relevo, con obras que son referenciais tanto no eido da poesía coma no ámbito do ensaio, tendo tamén publicado teatro e narrativa.
De todo este inxente labor, talvez sexa a súa dedicación á poesía a que mellor o define, pois son xa corenta os anos de escrita, tempo longo no que viron luz volumes de verso erótico, triloxías de memoria antifascista, títulos de poesía visual e cinematográfica e incluso outros de xorne viaxeiro e cosmopolita.
A todos os anteriores súmase agora A muller sinfonía, subtitulado ‘Cancioneiro vital’, poemario no que se conxugan os amores e clamores, o erótico e a memoria civil co elemento musical, auténtica trabe mestra desta obra.
A música, as músicas son a cerna das case duascentas páxinas do libro, dividido en catro amplas seccións (“Cantos rodados”, “Ortos sen ocaso”, “Viaxes ao paraíso” e “Materia de mañá”) delimitadas por un prefacio e un posfacio. Un conxunto, cómpre dicilo xa, que amosa nidias e abondosas referencias intertextuais, que conectan a obra con outros títulos anteriores do autor.
O eclecticismo das propostas sonoras a partir das que aquí se poetiza é evidente. A multiplicidade de nomes e estilos explica que por estes versos desfilen Ferré e Cohen, Vysotski e Brassens, Theodorakis e Yupanqui, Vinícius e Stivell, Dylan ou os Rolling, pero tamén Makeba, Mercouri, Parra, Kalsoum, Simone, Baez, Joplin, Smith, Hagen, Nyman, Brown, Gardel, Led Zeppelin ou Brel.
Por tanto, variedade de estilos e de rexistros, de voces e de acordes, espello sempre tanto dos vastos coñecementos musicais do poeta como das súas adhesións harmónicas, pois este A muller sinfonía é, en moitos sentidos, a banda sonora do propio decorrer vital e literario de Rodríguez Fer.
O jazz, a música étnica en xeral e celta en particular, o blues, o pop e o folk, o rock e o heavy e todo tipo de ritmos latinos van permeando polas estrofas, creando ritmos e sonoridades, entrelazando cadencias e sintagmas, notas e figuras retóricas para compor un vigoroso mosaico que ten como fondo toda a música da contemporaneidade.
Dende a cita coa que se inicia o libro (“A quen mellora o mundo con música vital”) ata o dístico de remate (“Baila comigo, amor,/ ata a fin do amor”) un danzar dervixe de vida e experiencia ecoa en concerto, inzándoo todo de melodías e cánticos, polifonía versal que fai do libro un prodixio de solfexo poético.
Este recital sen fin ten a súa plasmación material nas cubertas deseñadas por Ideiagrafica para esta edición, que reproducen dous discos estampados nas tapas, imitantes dos vinilos ata o punto de que sobre deles tamén figuran impresos títulos de poemas tal se o fosen de singles do propio disco, pechando así un círculo de fondo e forma que fai deste libro un poemario tan musical coma integral.
Melómanos e letraferidos están de noraboa. Teñen no presente A muller sinfonía o libreto versal do mellor concerto poético. Un agasallo para regalar e regalarse. O tema do verán e de todo verán, literatura de altura ao mellor compás.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 15-7-2018]