Dávila e Sumai Premios da Crítica

Como cada ano por estas datas, as compañeiras e compañeiros da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) deron a coñecer os Premios da Crítica nas distintas modalidades (poesía e narrativa) e idiomas (catalán, vasco, galego e castelán).

Desta volta a xuntanza da AECL tivo lugar en Logroño, onde se souberon os gañadores para as obras en galego do ano 2013 que previamente votaramos e propuxeramos os membros da Sección Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en reunión que tivo lugar o pasado venres día 4 de abril na Aula 16 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago.

Naquela sesión, os nove críticos alí presentes, logo de diversas roldas de votación (na primeira das cales se tiveron en conta os votos dos que os fixeron chegar por correo), decidimos por maioría que o Premio da Crítica na modalidade de Poesía Galega fose para Raíz da fenda, obra de Berta Dávila publicada por Edicións Xerais. Así mesmo, tomouse tamén o acordo maioritario de distinguir como Premio da Crítica na modalidade de Narrativa Galega á novela A lúa da colleita de Anxos Sumai, publicada pola Editorial Galaxia.

Como teño manifestado o meu parecer verbo de ambas as dúas obras galardoadas con anterioridade, deixo o enlace ao que sobre delas escribín na cita dos propios títulos, aproveitando para parabenizar tanto a Berta Dávila como a Anxos Sumai polo éxito obtido.

Radiocrítica 20-1-2014

Velaquí a primeira Radiocrítica do 2014, emitida o pasado luns día 20 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM).

Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o Dessertstorm. II de Laura Luna e José María Picón (I, 2’34); a peza de teatro infantil O refugallo de Paula Carballeira (I, 7’12 e II, 0’00); a tradución do Ulises de James Joyce (II, 5’01 e III, 0’00); o ensaio Presenza dunha Ausencia de Anxo R. Ballesteros (III, 1’41) e mais a novela A lúa da colleita de Anxos Sumai (III, 5’00).

       http://www.goear.com/embed/sound/1ac4b3f

a     http://www.goear.com/embed/sound/69c7a75

a     http://www.goear.com/embed/sound/d151d24

Anxos Sumai en plenilunio

Hai algo na narrativa de Anxos Sumai que nunca deixa de sorprender: a súa capacidade para profundar nas simas da consciencia, para facer que nos lancemos, en caída libre, no foxo sen fondo das sombras do eu máis íntimo.

Moitas veces nese descenso aos infernos a voz que nos guía é a daqueles que, no límite da cordura, atopan a estraña lucidez de ver máis alá. Seguramente esa sexa a causa de que en Sumai os doídos, os que perderon a razón, loucos luminosos, acaben sendo os que nos revelen as verdades derradeiras. Hai moito do que digo na súa última novela, A lúa da colleita, gañadora do Premio García Barros convocado polo Concello da Estrada. Unha obra na que a cuestión axial da identidade é un imán que todo o atrapa.

Unha muller regresa ao territorio da infancia para pasar as vacacións de 1992 nun apartamento dunha praia da Arousa. Alí hase reencontrar con moitas pantasmas do pasado, tamén con verdades dolorosísimas, pero, sobre todo, deberá resolver un lacerante e autodestrutivo conflito interior que a aboca á desaparición.

O Eu e o Outro, o que somos e o que cremos ser, o que pensamos que os máis ven de nós e o que realmente estes perciben. Todo vai neste A lúa da colleita compondo un puzzle de tempo remansado e espazo diluído, unha sorte de cronotopo mental no que as cousas son o que parecen e o seu contrario e as certezas esvaecen a cada paso.

A memoria, as súas presenzas sangrantes e os seus esquecementos ominosos, a forza imparable e determinista das realidades e feitos máis miúdos. Tamén si, a cambiante paisaxe lumínica que brilla sobre a ánima, a constante inconstancia coa que os días pulan por nós ou nos derrotan.

Quen se atreva con A lúa da colleita —ese plenilunio de cambio, mítico en moitas culturas, sempre sinal de trauma, de troco de paradigma, levedar do que en agromo estaba— debe saber que non se trata dunha novela amable. Hai nela unha violencia de nápalm emotivo, detonadores en cadea de calquera seguranza sentimental, pois en Sumai a linealidade compracente do vital non interesa e si as súas disrupcións que provocan tsunamis individuais e colectivos.

Como a onda que xorda medra e medra dende os fondos oceánicos, A lúa da colleita rompe, desatada, nas praias dunha escrita tifónica, un maremoto literario que rebenta as escalas.

[Publicado nos xornais El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 19-1-2014]

Anxos Sumai, Premio García Barros de Novela 2013

Na mañá de onte reunímonos o editor e ensaísta Carlos Lema, a crítica e profesora Inmaculada Otero Varela, o profesor Carlos Loureiro, o investigador e crítico Luís Alonso Girgado e mais o que escribe para decidir o Premio de Novela Manuel García Barros deste ano, inmellorablemente organizado, ano tras ano, polo persoal da área de Cultura do Concello da Estrada.

Tras dúas horas de deliberación e logo de estimar as valías das vinte e unha obras presentadas a concurso, ficaron para as roldas finais de consideración catro novelas de interese, que logo foron dúas e que, finalmente e por unanimidade, ficaron nunha única que resultou gañadora co título provisional de “Neve de abril sobre o río Arakawa”.

Aberta a plica, soubemos correspondía á celebrada escritora Anxos Sumai, ben coñecida por anteriores textos seus moi aplaudidos pola crítica e lectores como Anxos de garda (2003), Melodía de días usados (2005) ou Así nacen as baleas (2007), este último Premio de Narrativa Breve Repsol YPF e Premio Arcebispo San Clemente.

Facíase, así, Sumai co galardón nun ano no que se alcanzan, precisamente, as vinte e cinco convocatorias deste veterano premio, consolidado dende hai anos como un dos máis importantes do panorama novelístico galego, onde é considerado toda unha referencia tanto pola súa longa traxectoria da man do Concello da Estrada e a Editorial Galaxia coma pola importancia e o relevo das novelas e autores distinguidos.

A novela premiada nesta ocasión levará o título final de A lúa da colleita e presentarase no Teatro Principal da Estrada nos finais do vindeiro novembro ou primeiros de decembro, nun acto que cada ano acaba por se converter nunha auténtica festa da palabra de grande concorrencia, á que asiste o máis graúdo dos nosos axentes culturais amais de numerosos lectores.

A lúa da colleita é, tal como redactamos na resolución da acta do xurado, unha novela na que destaca o elaborado traballo de caracterización dos personaxes, nunha historia onde o cuestionamento da identidade e a alteridade se vencella coa memoria e o pasar do tempo. A trama propón fortes doses de intriga, simbolismo e unha arquitectura perfecta, de linguaxe moi visual, que arrastra os personaxes a finais inesperados, pero de implacable lóxica. Todo este mundo, moi cambiante, é recreado a través dunha prosa limpa, da depuración extrema que flúe maina e imparablemente.

Non espoleirizarei aquí o argumento, pero talvez axude aos interesados saber que a novela está ambientada nos nosos tempos (a acción principal transcorre no verán do 1992) e que se localiza nun espazo identificable co remate da desembocadura do Ulla e os comezos da Ría de Arousa (Vilagarcía-Catoira) ao que chega unha muller que padece de bipolaridade e mantén unha denodada loita consigo mesma por recuperar a memoria, as pegadas do seu pasado que axuden a liberala da tiranía amnésica á que esoutra súa personalidade a arrastra. Polo medio, unha historia chea de personaxes poderosísimos, moi ben perfilados, de sombras crueis dunha vida anterior que gravitan sobre o presente e de inquedantes presenzas que van reconfigurando os días da protagonista, das protagonistas, cheos de intensa intriga e final sorprendente.

Non quero rematar sen parabenizar a gañadora e os responsables municipais e editoriais deste Premio de Novela Manuel García Barros, quen coa súa colaboración fixeron posible que o evento chegue xa ao cuarto de século de andaina e ao que se lle desexa siga a acompañarnos durante moito tempo.