Letras en ronsel

mosaico lecturas 2014Abandonounos o 2014, pero non nos deixou orfos. Tras de si deitou un feixe de lecturas de valor que hoxe me presta relembrar.

O ano narrativo foi feraz e houbo apostas ben variadas: dende a escrita autobiográfica, de relato reflexivo e primíparo, que achegou Inma López Silva en Maternosofía ata a aventura maratoniana nos antípodas que propón Santiago Lopo en A diagonal dos tolos, pasando pola narración memorística e de descubrimento da vida adulta e os seus secretos feridos por un tempo gris de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, o puxilato pola supervivencia nun tempo avolto do Olimpia Ring, 1934 de Xabier López López ou as miserias dos escenarios e a vida de Máscaras rotas para Sebastian Nell de Alberto Ramos.

Tampouco os poetas ficaron a barbeito. Velaí están para demostralo A segunda lingua de Yolanda Castaño, ironía e pensamento versal de retrouso idiomático e resaibo revelador; A última música das cousas de Bieito Iglesias, memoria dun eu en tránsito melancólico; A distancia do tambor de Eva Veiga, cicatrices, Tempo de Ombre, filosofía do que esfarela; Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, poliedro de silencios, acougo na tormenta, o pensamento a autoesculcarse; As voces da máscara de Arcadio López-Casanova, o transterro, a vixilia do desposuimento, os devanceiros a guiar a palabra maxistral, o final esperanzado en Ondara; Fulguración e silencio de Xavier Rodríguez Barrio, a verba en diálogo fértil, a memoria do amigo que se foi e non se vai xa máis; ou Celebración de Gonzalo Hermo, poemas de eu post-crac, fracturas interiores que viaxan entre musgos e vísceras na queste da identidade propia.

Foi tamén, este, ano de ensaística sobresaliente. Abondaría con amentar a Historia da literatura galega. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que o profesor Xosé Ramón Pena publicou hai uns meses, volume imprescindible para revisitar criticamente tan decisivo período do noso pasado literario. Mais a este título habería aínda que sumar os Livros que nom lê ninguém de Isaac Lourido, lúcido repensar das nosas condicións sistémicas e as súas derivacións, principalmente proxectadas sobre a obra de determinado grupo autorial; a reivindicación da memoria masacrada que Francisco Xavier Redondo Abal tenta restituír en Bibliotecarios e bibliotecarias infames e que se explica transparentemente no subtítulo: A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego; ou mesmo a indagación teórica que Inma Otero Varela acometeu en A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, inestimable ensaio a propósito do xenérico e o seu valor na proxección e interpretación dos suxeitos literarios da escrita máis recente.

letras en ronsel (nordesia)Este esquemático guieiro resultaría incompleto se non se recordase que a produción infantoxuvenil brillou tamén con intensidade en obras como o poemario As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, versos de recoñecemento e agarimo ás traballadoras do mar; tamén en De como Chispo, o esquío, puido co frío de Toño Núñez, sagacidade e tenrura para superar os atrancos da vida; As noites de Xián de Concha Blanco, saudades mariñas dun mundo que non se concibe sen o rumor das ondas e, xa para os rapaces medianeiros, a magnífica Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey, memoria de tempos facareños que a ilusión e a esperanza souberon borrar. Para os máis mozos, as regalías viñeron do Reo de Xesús Fraga, días de graffiti e ritos de paso, xeiras nas que a banda sonora das xornadas acompaña o albiscar dun futuro que se ten de labrar coas decisións propias; e, no poético, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, versos contra a tiranía da moda e as trampas que ás rapazas tende, evidenciando adicións témeras, acusando a destrución das vontades. En fin, habería tamén que lembrar que o teatro e pur si mouve e ofreceu (re)edicións tan estupendas como a moi amena O achado do castro de Manuel Núñez Singala ou o máis grave e meditabundo Lapsus de Alfonso Pexegueiro, comedia do existir, infancia de moral mancada.

Letras en ronsel dun ano que esmoreceu e que serán sucedidas por novas ceifas ás que cómpre desexar nos traian tan bos momentos de lectura como deixaron estes libros que aquí pouso “coma cinza/ de rosas que onte encheron de perfume/ o mundo”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-1-2015]

A ficcionalización do eu muller

a ficcionalizacion do euDeixo lido o imprescindible ensaio de Inma Otero Varela A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, sexta entrega das Anotacións sobre Literatura e Filosofía de Euseino?  que pode descargarse de balde aquí.

Excelente coñecedora do papel que o suxeito feminino xoga na literatura galega dos últimos anos, Otero Varela reflexiona con lúcida fondura sobre as trampas do que o sistema androcéntrico alcumou como ‘literatura feminina’ ou ‘literatura de muller’ para, indo máis alá, responder cuestións claves como o que se (pre)supón escrita de muller ou mesmo o que é ser muller a través da proxección dos clixés que na escrita se levan desenvolvido e que cómpre superar.

Seguindo os postulados da ‘modernidade líquida’ de Zygmunt Bauman e sen perder de vista as exploracións do ‘real’, o ‘subxectivo’ e os ‘límites do eu’ enunciados por Katerina Kolozova, Otero Varela cuestiona o inmobilismo tradicional do eu para formular a súa radical mutabilidade, a súa inestabilidade que arrastra a un proceso de continuo (re)facerse, vida líquida, fluencia constante no individual e no seu especular social e, por ende, literario.

O ‘eu espectacular’, o exhibicionismo do propio nas Redes e outras circunstancias van levando a autora ao cuestionamento da desintegración actual do suxeito e a necesaria viraxe cara á rehumanización que se impón.

inma oteroNeste escenario, a ficcionalización do eu e, sobre todo, a potencialidade do eu muller revélase fundamental, pois, ao ver de Otero Varela, “unha protagonista feminina ofrece máis posibilidades, xa que son as mulleres as que están máis obrigadas a construírse. Así, as personaxes femininas, ou as enunciacións femininas, artellan con máis forza algunhas das temáticas literarias actuais”, e xustifica este aserto na comprobación do diferente rol que os xéneros do masculino/feminino xogan nas posicións de discursos subversivos e de contrapoder, nas temáticas do emocional e, no noso caso, como todo o anterior se codifica singularmente para unha cultura (literaria) minorizada, o que, nesa loita da identidade condicionada e subordinada fronte á imperialista e homoxeneizadora, fai a algúns cualificar as nosas letras de ‘literatura queer’.

Con independencia da centralidade única que Otero Varela concede á muller facéndoa protagonista primeira dunha actualidade que se reinventa constantemente nesa ficcionalización do eu mutable (aquí os teóricos doutros discursos xenéricos queer e negacionistas terían moito que discutir), non cabe dúbida de que este ensaio é unha contribución máis que suxestiva, que se abre ao diálogo construtivo e á revisitación de lugares comúns para superalos.

Atractiva aposta a destes cadernos de Euseino?, que chegan á media ducia de títulos con este A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura que, espero, dea moito que pensar.