O outro lado

manoeleelunaA escritora, violinista e musicóloga Luísa Villalta escribiu no seu día unha monografía referencial que titulou, clarividentemente, O outro lado da música, a poesía. Non pode expresarse dun xeito máis acaído: a poesía é, en moitos sentidos, o reverso do espello da música e viceversa. Tanto é así que ambas naceron da man e a primeira poesía das colectividades humanas destinouse ao canto comunal. Velaí o sentido duplo do termo lírica, a arte verbal que nace destinada ao canto.

 Vén todo isto a conto pola recente aparición do libro-cd A Estrada da Vida, obra do cantautor Manoele de Felisa e o escritor Xosé Luna, quen uniron os seus talentos neste traballo que ve luz baixo o selo Arteson Producións.

 A Estrada da Vida reúne trece temas con letra de Xosé Luna (agás unha, da autoría do seu compañeiro de aventura) e música de Manoele de Felisa e un corte final escrito e recitado por Luna. A maiores, un moi labrado proemio de Xosé Manuel Lobato, unha presentación de Manoele de Felisa e diferentes intertextos de Luna que van explicando no libro o sentido e intención de cada canción.

O resultado é un libro-disco do máis interesante, que incorpora como letras das cancións textos tirados de diversas obras de Luna (Da lectura e outras cousiñas, Memorias do Cairo, Sol rebuldeiro, O libro dos bicos, 90 cousiñas e Stradapop) ou incluídos por este nalgunha outra publicación (así os poemas “A Rosa dos Ventos” e “A Estrada da Vida”, tomados do libro Pereiriños). Acompañando estes textos figuran as suxestivas ilustracións de Amalia López Brea ‘Luchi’, que dan coloratura e poñen rostro ás emotivas e fondas composicións de Luna.

Proporcionando músculo sonoro a este esqueleto textual a voz de amplo rexistro de Manoele de Felisa envólvese en todo un festival de ritmos nos que están presentes, en maior ou menor medida, depende dos casos, o fado, a bossa e a bossa nova, o pop fusión, o funky, o rapp, o jazz, o hip hop, o reggae ou a cumbia, entre outros, deixando sentir ben diversas e complementarias influencias, dende Bruce Springsteen ata Mark Knopfler, pasando por Amancio Prada, Andrés do Barro, Emilio Batallán, Pablo Milanés, Xil Ríos ou Suso Vaamonde, entre outros cantautores máis próximos.

lunaemanoeleMais se houber que sinalar tan só un trazo definitorio neste A Estrada da Vida eu apostaría para a súa literariedade, que deixa sentir a súa pegada non só no carácter poético dos textos musicados, senón tamén nas prosas poéticas que constitúen os intertextos (onde se citan múltiples autores, dende Shakespeare, Valle-Inclán e Cervantes a Xosé Neira Vilas, Xosé Vázquez Pintor ou Avelino Pousa Antelo) e nos paratextos que arroupan a obra, como os escritos prologais de Lobato e Manoele de Felisa xa amentados, as citas iniciais dos temas (Manuel Antonio, García Lorca) ou as dedicatorias das cancións a autores (Olimpio Arca, Rosalía Morlán).

Por se fose pouca tanta regalía, a obra conta cunha moi coidada edición en tapa dura, papeis de alta calidade, tintados polícromos, magníficas instantáneas de Anxo Rodiño Millán e un atractivo traballo videográfico incorporado ao cd que coasinaron Pepe Castro e Ukaná Films.

Para sentir o pulso dos días, encher os pulmóns do ar da leda chuvia, pousar os beizos na boca amada, desatar os soños na rosa dos ventos, repinicar na maior das pandeiradas solares e deixarse estar no quentiño do sol e as apertas mornas esta lírica de Xosé Luna e Manoele de Felisa é a mellor das maxias. Porque do outro lado sempre agarda a beleza e convén poñerlle banda sonora ao noso camiñar por A Estrada da Vida.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 24-2-2019]