Radiocrítica 5-1-2015

control ames radioVelaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 5 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de A diagonal dos tolos, de Santiago Lopo  (1.07), A divina comedia, en tradución de Darío Xohán Cabana (8:00), Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza (12.20), de Aurora López e Andrés Pociña e de Erik, o construtor de soños, de Kike Gómez e Dani Padrón.

Audio

Vencer, vencerse

santiago lopoSantiago Lopo vén doutros mundos literarios. Moita literatura europea, francófona e non só, alimenta a súa escrita. Estou convencido de que ese ascendente explica, en non pequena medida, por que a súa narrativa resulta entre nós tan refrescante, sen paralelo claro, tan estimulante.

Sorpresa positiva foi a sensación que causou a súa estrea con Game over (2006), bos augurios que se fixeron firmes con Peaxes (2009) e alcanzaron sólida tintura en Hora zulú, unha das novelas máis estimables do 2012. Revalida esta notable impresión o seu máis recente título, A diagonal dos tolos, obra coa que conseguiu o Premio Repsol de Narrativa que publica a editorial Galaxia.

a diagonal dos tolosA historia que nos propón Lopo lévanos aos antípodas, concretamente á antiga Île Bourbon, hoxe Illa Reunión. Alí, un mozo informático, fillo dun potentado local da aristocracia de orixe francesa que goberna os destinos da vella excolonia, recibe a noticia de que o seu proxenitor, ao falecer, lle lega o seu herdo con condicións: deixa estipulado que o todo o seu patrimonio será para el sempre e cando participe no célebre maratón que cada ano percorre en oblicuo toda a illa ao longo de 160 quilómetros. No testamento indica, amais, que ese percorrido deberá facelo en menos de 50 horas, so pena de ficar desherdado.

Esta escusa narrativa —ben coñecida e que xa deu froitos clásicos moi estimables, poño por caso no Angel Square de Edgar Wallace ou, noutro sentido, en A soidade do corredor de fondo de Sillitoe ou en De que falo cando falo de correr de Murakami— sérvelle a Lopo para crear un relato en dous tempos: o pasado colonial no que un escravo corre fuxindo dos seus señores que o procuran para sacrificalo por desacato e o plano do presente, no que Pierre (que así se chama o protagonista) participa na competición, pois sabemos que non o fai “por pracer. Nin sequera por snobismo ou por cumprir un desafío persoal. El non competía pola medalla nin pola camiseta. El corría para vencer o seu pai e tamén, quizais, para vencerse a si mesmo”.

A diagonal dos tolos avanza cunha prosa directa, peneirada de adornos vacuos, onde, porén, non falta o recurso ás fontes clásicas (velaí a cita expresa ao inmenso Baudelaire) e 11-1-2015unha recreación plástica das atmosferas e situacións que deben moito á ollada cinematográfica que amosa os planos/situacións, os treitos/secuencia.

Vívida, sapiencial e sentida, a historia deste A diagonal dos tolos convídanos a reflexionar sobre a necesidade de ser na consciencia do que os devanceiros nos legaron, do sangue que alimenta o noso presente, da dureza, a crueldade e a devastación entre a que procuramos a preciosa xema da ledicia do vivir e o amor ao existente.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 11-1-2015]

Letras en ronsel

mosaico lecturas 2014Abandonounos o 2014, pero non nos deixou orfos. Tras de si deitou un feixe de lecturas de valor que hoxe me presta relembrar.

O ano narrativo foi feraz e houbo apostas ben variadas: dende a escrita autobiográfica, de relato reflexivo e primíparo, que achegou Inma López Silva en Maternosofía ata a aventura maratoniana nos antípodas que propón Santiago Lopo en A diagonal dos tolos, pasando pola narración memorística e de descubrimento da vida adulta e os seus secretos feridos por un tempo gris de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, o puxilato pola supervivencia nun tempo avolto do Olimpia Ring, 1934 de Xabier López López ou as miserias dos escenarios e a vida de Máscaras rotas para Sebastian Nell de Alberto Ramos.

Tampouco os poetas ficaron a barbeito. Velaí están para demostralo A segunda lingua de Yolanda Castaño, ironía e pensamento versal de retrouso idiomático e resaibo revelador; A última música das cousas de Bieito Iglesias, memoria dun eu en tránsito melancólico; A distancia do tambor de Eva Veiga, cicatrices, Tempo de Ombre, filosofía do que esfarela; Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, poliedro de silencios, acougo na tormenta, o pensamento a autoesculcarse; As voces da máscara de Arcadio López-Casanova, o transterro, a vixilia do desposuimento, os devanceiros a guiar a palabra maxistral, o final esperanzado en Ondara; Fulguración e silencio de Xavier Rodríguez Barrio, a verba en diálogo fértil, a memoria do amigo que se foi e non se vai xa máis; ou Celebración de Gonzalo Hermo, poemas de eu post-crac, fracturas interiores que viaxan entre musgos e vísceras na queste da identidade propia.

Foi tamén, este, ano de ensaística sobresaliente. Abondaría con amentar a Historia da literatura galega. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que o profesor Xosé Ramón Pena publicou hai uns meses, volume imprescindible para revisitar criticamente tan decisivo período do noso pasado literario. Mais a este título habería aínda que sumar os Livros que nom lê ninguém de Isaac Lourido, lúcido repensar das nosas condicións sistémicas e as súas derivacións, principalmente proxectadas sobre a obra de determinado grupo autorial; a reivindicación da memoria masacrada que Francisco Xavier Redondo Abal tenta restituír en Bibliotecarios e bibliotecarias infames e que se explica transparentemente no subtítulo: A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego; ou mesmo a indagación teórica que Inma Otero Varela acometeu en A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, inestimable ensaio a propósito do xenérico e o seu valor na proxección e interpretación dos suxeitos literarios da escrita máis recente.

letras en ronsel (nordesia)Este esquemático guieiro resultaría incompleto se non se recordase que a produción infantoxuvenil brillou tamén con intensidade en obras como o poemario As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, versos de recoñecemento e agarimo ás traballadoras do mar; tamén en De como Chispo, o esquío, puido co frío de Toño Núñez, sagacidade e tenrura para superar os atrancos da vida; As noites de Xián de Concha Blanco, saudades mariñas dun mundo que non se concibe sen o rumor das ondas e, xa para os rapaces medianeiros, a magnífica Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey, memoria de tempos facareños que a ilusión e a esperanza souberon borrar. Para os máis mozos, as regalías viñeron do Reo de Xesús Fraga, días de graffiti e ritos de paso, xeiras nas que a banda sonora das xornadas acompaña o albiscar dun futuro que se ten de labrar coas decisións propias; e, no poético, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, versos contra a tiranía da moda e as trampas que ás rapazas tende, evidenciando adicións témeras, acusando a destrución das vontades. En fin, habería tamén que lembrar que o teatro e pur si mouve e ofreceu (re)edicións tan estupendas como a moi amena O achado do castro de Manuel Núñez Singala ou o máis grave e meditabundo Lapsus de Alfonso Pexegueiro, comedia do existir, infancia de moral mancada.

Letras en ronsel dun ano que esmoreceu e que serán sucedidas por novas ceifas ás que cómpre desexar nos traian tan bos momentos de lectura como deixaron estes libros que aquí pouso “coma cinza/ de rosas que onte encheron de perfume/ o mundo”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-1-2015]