Co temporal que atravesamos, ter un libro novo nas librerías é para case calquera autor motivo de celebración, ter dous é un auténtico luxo, pero ver tres títulos dun mesmo creador como novidades literarias da tempada é un privilexio só ao alcance dos benamados pola deusa Fortuna.
Entre ese escolleito grupo de elixidos cóntase Ramón Caride Ogando, quen acaba de pór en circulación un pequeno álbum para primeiros lectores autónomos (A pomba dona Paz), un relato para lectorado de cursos medios de Primaria (Catro amigos pillabáns) e mais un poemario para público adulto (A chuvia humana), todos tres, como se verá, textos de interese e apostas literarias que resultan enriquecedoramente complementarias.
A pomba dona Paz é unha emotiva e comprometida historia ilustrada por Pepe Carreiro. Nela, a través dos ollos da pomba Paz, téntase concienciar os máis pequenos da necesidade de ser solidarios, o inxusto das desigualdades sociais, do perigoso urbanismo antiecolóxico, do desastre da biodegradación planetaria, da loucura de morte e destrución que arrastran os conflitos armados, da dureza da emigración, do terrible da discriminación sexual e o maltrato e explotación infantís e, sobre todo, este libro deposita nas nenas e nenos do mundo a esperanza de que sexan eles os que consigan no futuro mellorar este caos global que crearon os seus maiores.
Máis alá das mensaxes benintencionadas e literariamente abondo coñecidas do volume anterior, Catro amigos pillabáns ofrécenos unha narración aventureira na que, a xeito de moderna fábula, catro —logo cinco— amigos inician unha fantástica viaxe na que irán descubrindo seres e salvando obstáculos.
Deste xeito, Mamporquiño (un suíno), Murrigato (un gato), Caracol Col (un cosco) e Murrato (un roedor) —cal novos Winnie Pooh e compañía— van coñecendo territorios e experiencias que os farán medrar na súa amizade e capacidade de superación.
Agora ben, sendo as dúas anteriores propostas de calidade para as idades e comprensións lectoras que lles acaen, non me cabe dúbida de que a máis acabada das tres publicacións é A chuvia humana, poemario bipartito onde a aforística de condensación epigramática alterna cos versos rememorativos de tempos e lugares idos.
Así, en “Arte de chover” Caride Ogando desprega toda a súa inven(c)tiva retranqueira, xogando cos dobres sentidos, ambigüidades, anfiboloxías, oxímoros e outros recursos afíns, que vai salferindo en apotegmas, máximas, sentenzas e adaxios de indubidable poder revelador, nos que o humor e a ironía se fan omnipresentes.
Moi outra é a fasquía de “Pegadas e ronseis”, unha ducia de composicións nacidas da lembranza do Ourense da infancia e doutros espazos vencellados á biografía do autor, ben por ter pasado neles un tempo (Valencia) ben por residir neles nalgún momento (Cambados) ou mesmo por terse achegado a estes de visita (Irlanda, O Courel). En conxunto, preside estes versos un ton de íntima confesión, evocador e elexíaco, que tenta atrapar no imposible trueiro do tempo fuxidío instantes felices do pasado que regresan á luz da memoria.
Tres propostas, por tanto, nas que Ramón Caride Ogando amosa a súa versatilidade e bo facer, convidando á (re)visitación da súa restante obra, agora aínda máis celmosa grazas a esta nova tripla esmelga.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 11-3-2012]