A implacable maquinaria do Poder

Sigo atentamente a carreira literaria de Xesús Constela dende os seus inicios. Son dos que vibrou, emocionado, con varios dos excelentes relatos do volume As humanas proporcións (2003), dos que deixou voar a imaxinación co Libro das alquimias (2007), dos que sorriu complicemente coa deconstrución metaliteraria do seu Shakespeare destilado.

Non é novidade ningunha, por tanto, que a saída ao mercado de 15.724, a súa máis recente novela, espertase en min curiosidade e devezo de lectura, sabedor, como son, da calidade e oficio que sen dúbida caracterizan o quefacer deste escritor ferrolán radicado en Poio.

E o meu olfacto non me enganou cando ventou que en 15.724 podía haber unha moi boa novela. Os case dous centos e medio de páxinas desta metafórica historia confirmáronme, máis unha vez, na opinión positiva que me mereceu de sempre o labor deste autor.

Constela, fiel a esa particular mestizaxe do fantástico e o real que nutre toda a súa escrita, presenta nesta novela unha narración de atmosfera en non poucos treitos alegórica, unha historia na que se produce un cuestionamento radical dos conceptos de liberdade, xustiza e ben social.

15.724, trailerizadamente, debuxa unha sociedade en aparencia exemplar na que reina a equidade e se traballa, con irreprochable xusteza e convicción ética, pola feliz existencia dos cidadáns. Mais é precisamente a falsidade desa omnímoda maquinaria de poder autoconsistente e aniquilador do pensamento crítico e a disidencia a que este libro pon de relevo, así como a flagrante conculcación dos dereitos máis básicos por parte do Poder, da engrenaxe do Poder, da grande, inmensa, descomunal estrutura de sedación que as oligarquías inoculan nas masas aboubadas ata controlar as súas mentes e a resposta individual e colectiva que producen.

Logo, que na novela toda esta crítica de moi longo alcance se concrete no seguimento da actuación da xustiza á hora de xulgar un crime cometido por un ser psicoloxicamente afectado, non é senón un dos vieiros posibles escollidos polo autor para presentar unha fonda revisión de realidades sangrantes como a manipulación informativa, a propaganda encuberta, as conivencias e prevaricacións ou a exasperante inoperancia dos mecanismos administrativos, xurídicos e legais que, en teoría, deberían velar pola igualdade de trato e oportunidades.

Ensamblada cunha peculiar arquitectura na que se suceden fragmentos puramente narrativos con reproducións de textos periodísticos e aínda de literatura protocolaria e xudicial, 15.724 non oculta a súa familiaridade con outros textos que ecoan, máis ou menos evidentemente, ao longo das súas planas. Tal parentela asoma na xenuína caracterización do proceder do personaxe de Gordo, ese mangallón trastornado que acaba por perder o sentido da realidade e crear un mundo paralelo non que habita mentalmente como o Ramón de Así nacen as baleas, de Anxos Sumai (quen, non por casualidade, figura como unha das beneficiarias do capítulo de “Agradecementos” co que Constela pecha o libro). E cando un le as insercións e textos xornalísticos cos que esta obra se vai tecendo acódelle presta á memoria a cordame semellante coa que Xosé Monteagudo atou o argumento da súa As voces da noticia. E outro tanto podería dicirse desa preferencia por denominar os personaxes con apelidos que só amosan unha inicial, poño por caso, o periodista Leo K., exactamente igual que fixera Antón Riveiro Coello na memorable Os ollos de K e, antes deles, o mestre Kafka, que ten moito que dicir a propósito dese esperar eterno pola xustiza observable en 15.724 coma na maxistral O proceso ou no insuperable Ante a lei, toda unha batalla dialóxica entre a conciencia moral e a asunción dos sucesos que o gran Dostoievski deixou paradigmaticamente novelada en Crime e castigo e que volve aquí con nova e poderosa formulación.

15.724 é a mellor das novelas de Xesús Constela. Éo pola complexidade compositiva que encerra, pola fondura psicolóxica que amosa, pola reveladora análise das trapelas que as democracias tenden ata crear o grande espellismo da liberdade e, tamén si, pola súa abraiante capacidade de evocación e recreación de espazos hibridados entre o fantástico e o real que, como en Retorno a Tagen Ata, andan a nos falar decote de sociedades lonxincuamente próximas.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 12-8-2012]