Ríos de poesía

Nordesía (Luciano Rodríguez, 16-9-2018)A longa e celmosa andaina do profesor, investigador, crítico e ensaísta Luciano Rodríguez (A Veiga do Bolo, 1951) achegou aos estudos sobre literatura galega das últimas décadas títulos xa referenciais. Mais o que talvez non se teña destacado abondo é a súa importante contribución no eido da tradución, pois non son poucos os traballos do ourensán que axudaron a que a escrita galega dialogase coas doutras latitudes.

Pois ben, nesta mesma liña hai que lle agradecer tamén as decenas de textos poéticos procedentes de moi diferentes literaturas que ten vertido para o galego. Un labor no que recuncou frecuentemente nos últimos anos, tal como pode comprobarse nas súas habituais colaboracións coa revista Barbantia, no volume Poesía suspensa (2008) ou mesmo nalgunhas plaquettes que o autor fixo circular entre amizades e xentes do mundo da cultura.

Unha ampla recolleita dese seu labor versionador ao galego dos máis diversos poemas é a arxila coa que se conforma Auga de varios ríos, libro que tira do prelo a Editorial Medulia.

Auga de varios ríos reúne trinta e oito traducións doutros tantos textos poéticos e cancións que foron trasladados ao galego dende as linguas orixinais. O volume, que vai dedicado aos que foron os seus alumnos ao longo de case catro décadas, nace da celebración e o recoñecemento, tal como o propio Rodríguez explica no introito co que abre a obra: “Como sabedes fun profesor en distintos centros de ensino ao longo de trinta e oito anos; e esta é a razón de que sexan tamén trinta e oito os poemas seleccionados, entre os moitos que traducín e que foron utilizados nas aulas de comentario de textos, de literatura e, especialmente, nas de tradución. Recibide como agasallo un poema por cada ano”.

O resultado é un feixe de textos traducidos que fai posible que poidamos ler na nosa lingua un extenso abano de poemas e poetas do século XX e os primeiros anos do XXI, coa única excepción da sempre moderna Safo de Lesbos, quen malia escribir a súa “Oda a Afrodita” hai máis de dous milenios e medio escintila actual coma poucas.

Dispostos cronoloxicamente van tras da autora grega os poemas e cancións dos restantes autores, que inclúen outras voces gregas como a de Cavafis, pero tamén alemás como a de Hilde Domin; de expresión francesa como a do escritor galo Ives Bonnefoy, o suízo Philippe Jaccottet ou o cantautor belga Jacques Brel; e de fala inglesa como os británicos Charles Tomlinson e o beatle John Lennon, o norteamericano Billy Collins e a irlandesa Aisling Doherty. Secasí, os grupos máis numerosos constitúenos a ducia de autores hispanos (os peninsulares José Hierro, Jaime Gil de Biedma, María Victoria Atencia, José Cerezo, Teresa Ortiz, o cantante Joaquín Sabina, Luis Alberto de Cuenca, Luis García Montero, Felipe Benítez Reyes, Aurora Luque, Amalia Bautista e o chileno Óscar Hahn) e os catorce autores de fala catalá: Joan Vinyoli, Maria Àngels Anglada, Joan Margarit, Jordi Gabarró, Antoni Marí, Francesc Parcerisas, Pere Rovira, Jaume Pont, Maria-Merçè Marçal, Marina Rosell, Àlex Susanna e os cantautores Joan Manuel Serrat, Maria del Mar Bonet e Lluís Llach.

Á vista da longa e diversa nómina coido que non hai dúbida ningunha da valía desta obra, que anosa para o lectorado galego voces e textos que acompañaron de sempre ao tradutor e se contan entre as devocións lectoras ás que volve unha e outra vez.

Benia ao profesor Luciano Rodríguez por lembrarnos que, como dicía Pimentel, a poesía é o gran milagre do mundo e poder degustala no noso idioma todo un privilexio. Libros como este Auga de varios ríos, que tan ben edita Medulia cunha suxestiva cuberta de Marta Pía, confirman que Czeslaw Milosz estaba no certo cando asegura que a poesía, si, pode salvar o ser humano.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 16-9-2018]

Enciclopedia lingüística

Nordesia (Tore Janson, 9-9-2018)Lin con fruición A História das Línguas do profesor e lingüista sueco Tore Janson, un volume publicado orixinalmente en inglés pola Oxford University Press que agora chega a Galicia traducido por Fernando Vasquez Corredoira para Através Editora.

Tore Janson foi durante anos docente na Universidade de Goteburgo, onde se especializou na historia do latín e nas linguas africanas. O seu vasto coñecemento do pasado e o presente dos máis variados grupos lingüísticos levouno a asinar libros como Speak: A Short History of Languages (2002) e A Natural History of Latin (2004), volumes que en pouco tempo se converteron en auténticos supervendas.

Non menos engaiolante resulta A História das Línguas, un manual que, como advirte o prologuista da presente edición, o profesor da Universidade de Porto João Veloso, “pela informação que nos traz, pelas perguntas que nos suscita, pelas portas que nos abre, por não adotar uma mas varias perspectivas complementares acerca da linguagem e das línguas (fundindo pasado e presente, biologia e cultura, oralidade e escrita, o ser humano e os seus objectos), é um magnífico exemplo dessa forma de olhar o infinitamente grande e o infinitamente pequeno”.

Dividido en seis grandes bloques, o libro conxuga aproximacións sociolingüísticas, da lingüística histórica e, particularmente, da tipoloxía lingüística. Secasí, a amplitude no enfoque, as referencias etnolingüísticas, antropolóxicas e filolóxicas son tantas e tan vastas que fan desta obra unha “verdadeira enciclopédia linguística”.

Comezan estas páxinas tratando as orixes da linguaxe nos homínidos, recuando dous millóns de anos atrás e xogando con hipóteses reconstrutivas plausibles que nos achegan a como, cando e onde puideron xurdir as primeiras linguas ágrafas entre as sociedades de cazadores-recolectores.

Faise logo un detido repaso polos principais grupos lingüísticos próximos: o xermánico, o eslavo e o románico, tamén os seus antecedentes nas linguas indoeuropeas e, fóra xa do marco europeo, os idiomas bantas africanos.

A seguir trázase unha documentada síntese do nacemento e constitución das dúas culturas lingüísticas de referencia máis antigas e sólidas aínda con proxección actual: o exipcio en Occidente e o chinés en Oriente, visións que se completan cunha demorada revisitación da nacenza e progreso do grego, o latín e o árabe.

Ben interesante é tamén o capítulo dedicado á conformación do italiano e o inglés, moi significadamente na relectura que Janson fai do papel de Dante e dos tempos do Old English.

Agora ben, para un lector actual han ser tan ou máis suxestivas as reflexións que neste libro se verten sobre os conceptos de linguas nacionais, a relación de Estado, escola e linguas, as realidades do idioma e a política, as linguas en concorrencia, os crioulos ou os procesos de substitución lingüística.

A admirable sapiencia de Janson achega a maiores información prolixa verbo da historia do español e o portugués, tanto nas súas orixes peninsulares coma na súa expansión transatlántica, pero, sobre todo, faise luminosa no cuestionamento do papel actual do inglés a nivel planetario e do rol que o chinés ten como alternativa ao seu avance como lingua franca.

O libro remata cun capítulo de prognose panlingüística especulando o que pode acontecer cos idiomas a nivel mundial no escenario de douscentos, dous mil e dous millóns de anos vista.

Espléndido manual A História das Línguas de Tore Janson, máis de tres centos de páxinas cheas de mapas, figuras e tabelas ás que se dá cabo cunha completa cronoloxía e bibliografía, amais dun índice de temas tratados. Unha obra que debería ser de lectura obrigatoria nas facultades de estudos lingüísticos e humanísticos e que moito recomendo a todas as persoas que queiran profundar no coñecemento do pasado e o presente do homo loquens que somos para entender mellor cara a onde parece que camiñamos no falar dos tempos que han de vir.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 9-9-2018]

No pór do sol

Nordesía (Susana Moreira Marques, 19-8-2018)Os camiños da lectura son inescrutables, así que chego de primeiras a Agora e na hora da nossa morte, libro da escritora e xornalista portuguesa Susana Moreira Marques, a través da súa tradución ao castelán. Cómpre dicir que non nunha tradución calquera, senón nunha excelente versión de María Alonso Seisdedos, unha das mellores tradutoras que coñezo, quen leva a cabo aquí un traballo impecable, merecedor de toda gabanza. Ahora y en la hora de nuestra muerte, que así se titula en castelán a obra que publica Libros del K.O., é un dos libros máis emotivos e delicados sobre o final da vida que levo lido.

Moreira Marques acompañou durante meses a un equipo de coidados paliativos por Trás-os-Montes adiante e aproveitou para se entrevistar cos doentes e os seus familiares, conseguindo que estes lle confesasen infinidade de vivencias, lembranzas e reflexións.

Dividido en dous grandes bloques e unha lazada final, o libro integra fórmulas narrativas diversas, que amosan o amplo dominio de múltiples rexistros escriturais por parte da autora, quen fai converxer nas súas páxinas a mestría estilística da narradora coa solvencia diáfana da periodista.

“Notas de viaje sobre la muerte”, a primeira das seccións, componse dunha morea de textos mínimos de apenas unhas liñas que, en non poucas ocasións, acaban por se converter en auténticos poemas en prosa que alternan con aforismos, retallos definitorios, microrrelatos e mesmo un xenuíno manual de supervivencia de enumeración descontinua.

A forza inusitada das imaxes destas prosas, a fulguración que escintila nas súas metáforas e símbolos (poño por caso, o das omnipresentes aguias) e, sobre todo, a abraiante limpidez do seu fraseo fan destas planas un portento estético para ler e reler. Botón de mostra: “Cuando las piernas dejen de andar, caminaremos por los recuerdos. Cuando las piernas dejen de andar y los ojos dejen de ver, caminaremos por los recuerdos y estos serán nítidos. Cuando las piernas dejen de andar y los ojos dejen de ver y los oídos dejen de oír, caminaremos por los recuerdos y estos serán nítidos y habrá voces olvidadas que lo contarán todo de nuevo”.

O segundo dos bloques, “Retratos”, é eminentemente máis xornalístico e reúne tres evocacións da experiencia doutras tantas familias con enfermos terminais arredor das cales Moreira Marques traza un relato-crónica que logo complementa coa transcrición dalgúns extractos das entrevistas que mantivo con estes familiares e doentes.

Botando o cadeado á obra unha páxina de sapiencial conclusión: “Cuando vuelvas del viaje que ninguna persona quiere hacer, vas…”, sorte de corolario ou decálogo de ensinanzas que optimiza a filosofía que latexa en todo o libro.

Ler a Susana Moreira Marques é unha experiencia radical. A ollada sobre o pór do sol, o pensar verbo do apagarse derradeiro das luces da vida fica redefinido tras este fantástico Ahora y en la hora de nuestra muerte que sería un desatino seguir descoñecendo.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 18-8-2018]

Loisista, sempre

Nordesía (Lois Pereiro, 1-7-2018)Hai máis de vinte anos, poucos meses despois de el se nos ir, escribín sobre Lois Pereiro que os seus eran “poemas de amor e morte, esperanzados pero feros, arestados embates do corazón que sofre, que ama e loita contra a fatalidade dun destino adverso e destrutivo”, pero que, á fin, “ofrecen un alento solidario que cifra no amor á especie humana, no sacro valor da amizade, a salvación e superación do final biolóxico do individuo creador”.

Sigo pensando, no esencial, o mesmo que hai dúas décadas. Talvez porque a poesía de Pereiro lograra entón conmoverme fondamente, abraiado pola modernidade dunha escrita que xa daquela estaba nunha dimensión outra de todo o que ía publicándose.

En Pereiro aprendín o eclecticismo integrador de obras, nomes e culturas, que igual dialogaban con Carver que con Valèry, Dillinger e Chiapas, Octavio Paz e Rilke, os simbolistas e románticos alemáns e o Baghavad Gita, Sartre e Camões e aínda Joyce e Hölderlin. Todo para crear un mundo de persoal e inconfundible selo, no que tamén tiña cabida o ensaio e un afouto experimentalismo formal e temático.

A súa foi decote unha escrita “sudario de radicalidade e precisión lírica”, unha obra na que, como el deixou dito, “hai desolación, hai soidade, mais tamén hai desexos de vivir, hai amor. Non amor con maiúsculas. O amor que se vive habitualmente. E esa tenrura que sinto polas persoas que amo, que sempre permanece”.

Por iso, cando souben da aparición de Poesia ultima di amore e malattia (1992-1995), a tradución ao italiano do seu derradeiro e máis coñecido poemario, Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995), regresou a min a lembranza do sismo interior que provocara a súa primeira lectura. E quixen volver lelo. E prestoume, moito, facelo a través da voz ventrílocua de Marco Paone, quen lle deu vida na lingua do Dante, el, que tamén é poeta ademais de excelente tradutor.

A Poesia ultima di amore e malattia (1992-1995) vén á luz no seo do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Perugia, do que é director Paone. Foi alí onde se xestou este volume, que tirou do prelo Aguaplano (www.aguaplano.eu), responsable dunha edición exquisita, magnificamente impresa.

As composicións de Pereiro vertidas ao italiano acompañáronse de dous textos prologais de mérito. Dunha parte, o brillante proemio que baixo o título “Il ragazzo che scriveva dietro agli specchi” (“O rapaz que escribía tras os espellos”) asina Manuel Rivas, autoridade na biobibliografía do poeta, do que foi tamén grande amigo. Doutra banda, o precioso e preciso estudo introdutorio “Oltre la vita, oltre la morte” (“Alén da vida, alén da morte”) que rubrica o propio Paone, valioso guieiro para se aventurar na volcánica escrita do monfortino.

Como grato colofón, esta edición engade un capítulo coas traducións ao italiano das abondosas citas dos poemas de Pereiro, que incorporou ás súas composicións textos en francés, alemán, portugués, castelán e inglés, o que dá idea do cosmopolitismo da súa escrita e tamén do mérito do traballo de Paone, quen non só tivo que esforzarse por acomodar a complexidade semántica e retórica do autor, senón tamén as numerosas alusións e homenaxes, máis ou menos explícitas, que encerran os seus versos.

O resultado de todo este afán é unha óptima Poesia ultima di amore e malattia (1992-1995), que nos dá a alegría de ver trasladada a un novo idioma a escrita dun Lois Pereiro que xa fora antes traducido ao catalán, éuscaro, castelán, inglés e búlgaro.

Estou seguro de que en todas esas linguas os que o xa leron houberon de experimentar unha conmoción semellante á que agora vivirán os que o gocen en italiano, a mesma vibración que eu experimentei hai vinte anos cando visitei estes poemas por vez primeira, un estremecemento que me gañou sen reservas e que levo dende aquela como unha divisa: loisista, sempre.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 1-7-2018]

Casa aberta

Nordesía (João Manuel Ribeiro, 4-3-2018)Téñome referido xa nalgunha outra ocasión á escrita do portugués João Manuel Ribeiro significándoa como unha das máis sobresaíntes do panorama infantoxuvenil (e non só) ibérico. Pois ben, a mellor confirmación do que afirmo atópase no feito de que moitos dos seus títulos foron xa traducidos a moi diversas linguas, por suposto tamén ao castelán e o galego. Entre eses destacados títulos vertidos ás linguas cooficiais no noso territorio cómpre contar dende agora A casa grande, un fermoso álbum para o lectorado máis novo que publica Hércules de Edicións da man de Ánxela Gracián, encargada de versionar o texto portugués aos idiomas de chegada.

A casa grande achéganos unha proposta cativadora e moi imaxinativa, que parte dun desafío inicial tan utópico coma ilusionante: “Un día, un home tivo o soño de construír unha Casa Grande, sen portas nin ventás, onde puidesen vivir os homes e as mulleres de todas as linguas, cores, razas, relixións e latitudes”. O resultado é a descrición, en fermosa prosa lírica, dun construto soñado no que ningunha discriminación, exclusión ou inxustiza pode ter lugar, pois nesta Casa Grande calquera persoa pode habitar sempre que o faga con espírito solidario e respectuoso, integrador e positivo, e adopte a palabra común: “a lingua universal da verdade”, “a lingua fraterna do amor”.

Nesta Casa Grande anhelada “o silencio e a palabra son o pan de cada día para a fame de paz e de honestidade” e a nenez é imperecedoira porque “xogar é a forma feliz de vivir, de ollar e de entenderse”. Máis aínda, na Casa Grande “cadaquén sabe o que vale e o valor no se mide polo que se posúe o polo que se fai, senón polo modo como se está, se xoga e se vive”.

Neste reino ideal, “a poesía é a música de todas as horas” e “o soño é a respiración de cadaquén”, por iso o remate do libro non pode ser máis exhortativo: a Casa Grande é un fogar aberto a todo o mundo, “pode ser a túa Casa, pode ser a nosa Casa”. De nós depende, por tanto, habitala, darlle vida e “perseguir sempre o que é xusto, verdadeiro e belo”.

jmrAsí pois, A casa grande é unha óptima mostra do que, dende hai un tempo, vimos chamando literatura para a educación emocional e noutros momentos se coñeceu como educación en valores. Tanto é así que, alén da innegable plasticidade e lirismo desta escrita, musical e harmónica, esteticamente moi ben traballada, non cabe dúbida de que o que nela predomina é a súa mensaxe, o esforzo por convidarnos a unha convivencia integradora, pacífica e amigable.

En perfecto diálogo co texto de Ribeiro comparecen as suxestivas ilustracións de Ricardo Rodrigues, unha outra lectura deste emotivo “manifesto de cidadanía”, imaxes que non só complementan a escrita, senón que en non poucas ocasións a implementan, engadindo nova información visual suplementaria que estimula a interpretación enriquecida do tecido verbal.

Non merece menor aplauso o excelente traballo de traslado ao galego e castelán (La casa grande) levado a cabo por Ánxela Gracián, tamén ela creadora infantoxuvenil amais de avezada tradutora, como aquí se demostra na fluencia incuestionable das secuencias e períodos, na acaída escolla de adxectivos e ilativos, na consecución dunha pauta rítmica que transmite sonora rotundidade ao conxunto.

Novo acerto, e notorio, o de Hércules de Edicións ao apostar pola dobre tradución de A casa grande, álbum magnífico, que non debería faltar en ningunha biblioteca escolar e, a poder ser, tampouco en casa ningunha aberta á boa literatura sen límite de idades.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-3-2018]