Francisco Piñeiro e o teatro mariñao

Nunca cansarei de repetir que hai deficientes distribucións de determinadas publicacións que moito mal lle fan a algúns excelentes libros. Estou convencido de que dese andazo padece tamén a monografía Historia do teatro afeccionado na Mariña Lucense, do escritor, actor, director e autor dramático Francisco Piñeiro González.

Publicada con innegable corrección material pola Deputación de Lugo, esta obra ben merecía unha maior visibilidade nos andeis das nosas librerías, ás que ben seguro que chegou escasamente.

Mais como estas penas son endémicas entre nós e, malia o que aquí se diga, seguramente non van corrixirse en breve, dedicarei os seguintes parágrafos ao moito máis fértil empeño de descubrir e valorar a importante achega de Piñeiro González.

No cuarto de século que este mindoniense leva entregado en corpo e alma ao teatro amador mariñao (entendo aquí o xentilicio como designación da pertenza á actual demarcación comarcal e, polo mesmo, insiro nela non só a costa norlucense senón tamén as terras interiores valecas ata os seus lindeiros coas serras da Corda e o Xistral) foi documentando gráfica e textualmente toda a actividade producida por grupos afeccionados nesas zonas, labor que está na base do presente título, no que foi axudado por María Paz Rodríguez Silva.

O resultado deste inxente traballo é un volume de case trescentas páxinas onde se dá conta da práctica totalidade dos espectáculos, grupos, actores, institucións, escenógrafos, músicos, alfaiates, directores e escritores teatrais da Mariña dende os seus comezos históricos ata o presente. Desfilan, así, por estas páxinas centos de títulos e ducias de grupos que representaron en Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro, Foz, Lourenzá, Ourol, Alfoz, A Pontenova, Riotorto, Burela, Xove, O Vicedo, O Valadouro, Barreiros, Trabada, Cervo e San Cibrao obras algunhas —as menos— editadas como novidades da escrita de noso, se ben a grande maioría permanecen inéditas e, en bastantes outros casos, son pezas doutras latitudes que foron traducidas e adaptadas para a súa representación por compañías non profesionais como O Bordelo de Cervo, A Adala de Fazouro, Ardora de San Cibrao ou O Batán de Cangas de Foz, todas elas vencelladas (cando non dirixidas) polo propio Piñeiro González, asombroso factótum do dramático mariñao.

Historia do teatro afeccionado na Mariña Lucense leva un breve pero substancioso prólogo do admirado Manuel Lourenzo, tamén el conterráneo do autor na súa república de Vilaúde, quen salienta o valor destas páxinas, ao seu ver non só un completísimo dicionario de grupos, actuacións, actores, directores e demais —que tamén—, senón “unha auténtica ‘revista’ posible ao que foi e é o teatro na comarca mariñá”, apreciación que comparto sen fisuras.

Con Francisco Piñeiro González, mindoniense do 56, tiña que isto escribe unha débeda, pois por descoñecemento da súa persoa e traxectoria non o incluín, como debera, entre o máis dun cento de autores historiados en Escritores mindonienses (1998). Moito me temo que coa publicación desta meritoria obra esa débeda medrou considerablemente, mais non perdo a esperanza de, algún día, o compensar. Non entanto, vaian dende estas liñas o meu recoñecemento e beizóns como mindoniense e amador do noso teatro polo seu impagable labor a prol da popularización e vivificación desta arte de artes entre as nosas xentes ao longo de máis de vinte anos; xa que logo, caia o pano e sigan millenta aplausos, con bises innúmeras.

[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 9-1-2013]

Teatro recuperado

Da man de Antonio Rey Somoza, máximo especialista na biobibliografía de Xesús San Luís Romero, publícase na Editorial Toxosoutos a peza de teatro Foliada no rueiro, paso cómico folclórico en dous actos que o autor de Carballo escribira en 1959 e que permanecía ata hoxe inédita.

No breve pero documentado estudo introdutorio que precede á obra, Rey Somoza dá conta dos principais riscos da vida e produción do autor para deterse, con maior detalle, na descrición da súa escrita teatral e, máis particularmente, da peza editada e a súa relación co drama costumista e de crítica social Rosiña, tamén da súa autoría.

Unha recuperación acaída esta de Foliada no rueiro, realizada por un competente Rey Somoza, grazas ao cal hoxe figura en volume tamén a amentada Rosiña, ás que aínda habería que sumar as recentes edicións de Alfonso Rey López do drama Xenreira e mais os Versos escritos en Buenos Aires e outros poemas de San Luís Romero.

Como queira que aínda fica abonda obra teatral do escritor por recuperar, non ha ser mala idea a de ir debrocándose na lectura desta divertida Foliada no rueiro na espera de futuras exhumacións tan oportunas como a presente.