Da brava costa

Nordesía (Miro Villar, 17-6-2018)A figura do laxense Antón Zapata García (1886-1953) segue a ser hoxe relativamente descoñecida alén do círculo máis ou menos restrinxido dos estudosos e frecuentadores da literatura histórica galega. E isto malia a calidade indiscutible de moitos dos seus versos e as palabras que lle dedicaron voces clásicas, como as de Ramón Otero Pedrayo, Ricardo Carballo Calero ou Alberto Vilanova, e modernas, tal Manuel Amor Couto, Francisco Fernández Rei e, sobre todo, Miro Villar.

É precisamente este último crítico e poeta o que con maior determinación e entusiasmo se ten debrocado no estudo e exhumación da poesía do de Laxe, ao que dedicou unha moi extensa e rigorosa tese doutoral no 2007.

Froito dese intenso traballo ve agora a luz Dorna saudal, que dende o seu subtítulo anuncia a súa razón de ser: Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García.

Por tanto, nos tres centos e medio de páxinas que abrangue este estudo e antoloxía quen a eles se achegue atopará, dunha parte, unha nota biográfica breve mais moi documentada do autor, unha descrición exhaustiva dos seus textos dedicados ao mundo do mar e o léxico mareiro que estes ofrecen e, doutra banda, un compendio de practicamente todos os poemas por el escritos con esta temática.

Dorna saudal é o título que Zapata García deu á segunda parte do volume A Roseira da Soidade (1954), poemario no que se recollen os versos do autor aparecido poucos meses despois do seu falecemento. Nesta edición de Miro Villar recupéranse aqueles trinta e catro textos da sección homónima, engadíndoselles case outra vintena da súa obra poética dispersa que tamén teñen o mar como eixe central e aínda unha escolma de varios fragmentos doutras catro poesías longas nas que esta presenza é significativa.

O libro péchase cunha completa bibliografía arredor de Zapata García e un xenerosísimo capítulo de notas que supera o milleiro de entradas.

Considerado no seu conxunto, Dorna saudal constitúe un inmellorable guieiro para se internar na cerna da poética do laxense e tamén un manual revelador dos valores lexicográficos da súa escrita. Así, quen se achegue a estas planas saberá todo do vocabulario que en Zapata García hai referido ao mar en xeral, á súa xeomorfoloxía, meteoroloxía, aos astros e fenómenos con el relacionados, á navegación e manobras no mar e na terra, as embarcacións, o comercio, natación, pesca, fauna, flora e mesmo fraseoloxía e onomástica mariñeiras.

Agora ben, esta é, antes nada, unha selecta poética, pensada para saber e apreciar mellor a escrita mareira de Zapata García, abraiarse co seu incondicional amor pola brava costa fisterrá, a súa mar natal de Laxe e de toda aquela bisbarra e admirarse do labor heroico dos seus mariñeiros, da beleza incomparable da súa ribeira, da historia que atesouran as súas furnas, as súas mareas, os seus ventos.

De indubidable interese, esta Dorna saudal que estuda, edita e anota o tamén fisterrán Miro Villar é unha escolma de valor tirada do prelo de Edicións Fervenza, responsable da publicación doutros títulos de importancia nos últimos tempos. Deixémonos, pois, arrolar por ela, subamos á súa dorna e proclamemos, como o poeta, “Non che importe se chove ou se lostrega,/ que a destra no timón, en tí confiada,/ agarímate, morna,/ ¡e lévate a Galiza de arribada!”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 17-6-2018]

Arredor de Fernando Pérez-Barreiro Nolla

O luns día 5 de febreiro a xornalista Patricia Hermida tivo a xentileza de me entrevistar a propósito da aparición dos Poemas do carricanto, a recolleita lírica da escrita do ferrolán Fernando Pérez-Barreiro Nolla que preparei para Espiral Maior. A conversa, que reproduzo tras estas liñas, emitiuse en RNE-Radio 5 e, malia a súa brevidade, houbo nela tempo para trazar un breve perfil do intelectual e significar o relevo da súa poesía e o que significa a súa recuperación. Moi agradecido a Patricia Hermida pola súa dedicación e profesionalidade.

Dezaoitesca

Un dos tópicos máis enraizados da literatura galega é o que espallou a falsa idea de que entre os séculos XVI e XVIII a nosa escrita “practicamente desapareceu” e que a produción literaria dese período é o espello dun ermo ou deserto no que letra ningunha solece, ata o punto de que durante moito tempo se denominou —e aínda hai quen teima en seguir facéndoo— “Séculos Escuros” a esa etapa da nosa historia.

A verdade, toda a verdade e nada máis que a verdade é que durante eses trescentos anos o cultivo escrito da nosa lingua foi a menos, pois as condicións de todo tipo non o favoreceron. Mais de aí a proclamar estados preagónicos ou de case extinción media un mundo.

Por fortuna, as investigacións dos últimos anos están axudándonos a descubrir e recuperar moito dese legado ata agora perdido ou esquecido, demostrando que os “Séculos Escuros” non eran nin un buraco negro nin tan escuros como nolos quixeron pintar e que se é verdade que non foron abondosos os textos que se publicaron daquela en galego iso non quere dicir que non se escribira un número considerable dos mesmos, por iso mesmo os mellores especialistas prefiren falar de Galego Medio para ese período, amosando así a continuidade do noso discurso literario e paralelizando a nosa tradición terminolóxica coa doutras culturas europeas.

Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, o volume que acaba de publicar o profesor Xosé Antonio Fernández Salgado en Edicións Laiovento, é unha boa mostra do que veño de dicir. Este estudoso recupera aquí unha longa carta en verso datada entre 1760 e 1777 que é, pola súa extensión, calidade literaria e coidado rexistro lingüístico, un dos textos máis importantes do Galego Medio.

Non consta neste documento que agora se exhuma o seu autor, pois o manuscrito que durmía nos fondos da Fundación Penzol non contiña esa información. Sábese, si, que debeu ser un ilustrado próximo ao círculo de Diego Antonio Zernadas e Castro, Cura de Fruíme (1702-1777), a quen vai dirixida esta epístola versificada, toda unha invectiva contra a explotación dos petitorios que este crego cursaba para recadar cartos cos que engordar o culto da Virxe das Dores de Fruíme.

A monografía de Fernández Salgado ofrece un moi amplo estudo introdutorio no que dá conta das características deste valioso manuscrito dezaoitesco e analiza as claves socioliterarias que o explican, particularmente a acción pastoral de Zernadas, a súa musa poética, a formación académica coa que contaba, os trazos físicos e de carácter aos que se alude criticamente nas décimas contra el dirixidas e un moi extenso estudo lingüístico destas.

Agora ben, a columna vertebral da obra represéntana a edición paleográfica e a edición actualizada e anotada das cincuenta décimas, mercé ás cales os investigadores e curiosos poderán acceder non só ao texto orixinal con total fidelidade, senón tamén á súa lectura contextualizada a través das abondosas notas a pé de páxina explicativas de múltiples cuestións suscitadas polo texto.

Grazas a esta recuperación modélica Fernández Salgado —que vén engadirse a outras recentes de Ramón Mariño, X. Pardo de Neyra, Rosario Álvarez e X. Xove ou Damián Suárez— temos a posibilidade de ler un texto capital do Galego Medio e comprobar, así, que somos unha cultura milenaria e fulgurante, que resiste os máis duros neboeiros e segue en pé dando o mellor de si.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 10-9-2017]

Xeoliteratura mítica

xeoliteraturaA xeografía galega está chea de cumes míticos, alturas nas que condensa toda a materia lendaria dun pobo que habita algúns dos cordais máis antigos do planeta. De norte a sur, de leste a oeste, nomes como o Xistral, o Pindo, Irimia, os Tres Bispos, o Monte da Cova da Serpe, o Xiabre, o Monte Aloia, a Curota, o Pedroso, Santa Trega ou Monte Siradella, entre moitos outros, tráennos á mente a memoria toda das xeracións, episodios históricos transcendentais e o esteso imaxinario popular concentrado neles, naturais imáns da nosa máis feraz cultura espiritual.

Pois ben, entre todos eles adquire especial relevo, polo que de emblemático ten, o Pico Sacro. Non é, nin moito menos, dos máis outos, mais os seus 533 metros fan deste cumio situado no Concello de Boqueixón unha sorte de balcón aéreo que se abisma sobre as terras de Compostela, Helicón privilexiado no que ecoan resonancias celtas e pagás que nos devolven a un mundo de lumes sagros, ofrendas rituais e seres máxicos.

Moita é a literatura que ten feito correr o Pico Sacro, vixía de pedra da capital de Galicia. Tanta que non se pode entender a nosa escrita do último século e medio sen acudir á presenza deste simbólico cimo.

Conscientes da importancia xeoliteraria do enclave, o profesor Xosé Manuel Lobato e mais o poeta e investigador Miro Villar reuniron en Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda ducias de textos nos que este monte se erixe como protagonista, xunguindo historia e ficción para retratar, en múltiples voces, a singular paisaxe, a realidade alegórica e o emblema identitario dos que participa este cume, do que no seu día Camilo Díaz Baliño fixera un debuxo que tamén se reproduce no volume.

Poemas, relatos, ensaios, crónicas xornalísticas e contos infantís que xiran arredor do Pico Sacro e que inclúen tanto textos éditos coma escritos para esta edición, nun número final que se aproxima ao centenar, cubrindo un lapso de tempo que arrinca co Rexurdimento e chega ata este século XXI.

Marcial Valladares, Antonio López Ferreiro, Valentín Lamas Carvajal, Manuel Murguía, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel R. Castelao, Florentino Cuevillas, Xosé Neira Vilas ou Manuel María partillan tema con outros creadores de xeracións posteriores e da actualidade, rendendo honores todos a este picouto lendario que simboliza non pouco das nosas esencias.

O resultando é unha colectánea de máis de tres centos de páxinas, con textos galegos ou traducidos ao galego ―tamén algún en portugués― dos que os editores anotan pulcramente as fontes bibliográficas, ao tempo que identifican o lugar e tempo de nacenza e pasamento de cada autor. Fóra quedan, como advirten Lobato e Millar en pertinente limiar, alusións puntuais do Padre Sarmiento e lendas e cántigas da literatura galega de tradición oral nos que o Pico Sacro tamén está presente, mais que non encaixaban nesta escolma de creadores que asinaron textos nos que esta cumieira foi o centro do seu discurso.

Cumprido recoñecemento merece este Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, no que moito axudou o auspicio da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo e tamén a complicidade de Alvarellos Editora, selo responsable da súa publicación. Mais sobre todo é de xustiza o aplauso para aqueles que prestaron os seus textos para que aquí se editasen por vez primeira, para os que axudaron a localizar escritos xa éditos de difícil acceso e, xaora, para Xosé Manuel Lobato e Miro Villar, mercé aos cales podemos hoxe celebrar que o Pico Sacro siga a acubillarnos coa súa benéfica “sombra de alcipreste”, como lle chamara luminosamente o grande Otero Pedrayo.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 20-8-2017]

Novoneyra en xaponés

A gran literatura é patrimonio universal. É sabido que a escrita de quilates resulta sempre un galano para calquera lector, sexa este de onde sexa, pero non é menos certo que para que tan feliz circunstancia teña lugar hai que ser quen de entender o idioma no que esta ou aqueloutra marabilla literaria foi codificada e a maioría dos mortais apenas se dominamos unha, dúas, tres ou catro linguas, no mellor dos casos. Por iso é tan valioso o papel dos tradutores, eles son o lázaro que nos guía na nosa cegueira idiomática, abríndonos a posibilidade de acceder a obras creadas en falas que descoñecemos.

Se o anterior serve para explicar a importancia do traslado de clásicos de toda parte á nosa lingua tamén funciona pola viceversa: só será posible que os lectores de todo o mundo descubran e aprecien a innegable calidade de moitos dos nosos autores se eses mediadores heroicos que son os tradutores tenden as pontes necesarias para darnos a coñecer.

Vén isto ao caso pola recente tradución do poemario Os eidos ao xaponés da man de Takekazu Asaka, o mellor coñecedor da nosa literatura nas terras do sol nacente. Asaka, profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku (Kodaira, Toquio), leva en contacto coa nosa lingua e a cultura dende mediados dos anos 70 e xa vai para as tres décadas que vén visitando todos os veráns a nosa terra. Froito da súa galegofilia teñen nacido diversos traballos de carácter lingüístico e, sobre todo, o primeiro vocabulario galego para xaponeses e a primeira gramática de noso para nipóns, da que acaba de se publicar unha nova versión co título Nova gramática galega (2016).

Pero ao profesor Asaka debémoslle moito máis. Mercé ao seu infatigable labor poden hoxe lerse en xaponés os Cantares gallegos (2009) e os Contos da miña terra (2014) de Rosalía de Castro, a Cantata a Ramón Cabanillas (2013) ou os versos do Xograr Martín Codax (2015). Pois ben, a este poderoso florilexio literario sumouse hai nada a poética de Novoneyra a través da tradución da que é, sen dúbida, a súa obra máis emblemática: Os eidos.

Obra cimeira da poesía galega de Posguerra publicada orixinariamente en 1955, Os eidos condensa o máis característico da escrita do autor, quen espella nela a súa visión da natureza e o ser antropolóxico do Courel e, por extensión, de toda Galicia, e isto tanto na súa dimensión material coma inmaterial, igual no que di da xeografía que da meteoroloxía, botánica ou zooloxía, sen desbotar tampouco a dimensión cósmica e pannaturista.

Esta edición vertida por Asaka incorpora, amais, un excelente prólogo dun dos máximos especialistas na obra do courelao, o tamén poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer, quen en breves pero acaídas liñas traza un precioso mapa para ben nos situar no universo novoneyriano.

A maiores, Asaka enriquece a súa tradución cun glosario final de termos de difícil comprensión para o público nipón e unha “Coda” na que explica a súa xenuína visión da escrita do do Courel e dá razón do trato amigable que a el o uniu.

Publicada baixo o selo de Kakenhi, esta edición ―que conta cunha moi suxestiva cuberta do artista Xosé Vizoso― non fai senón deitar en xaponés uns versos que, como teñen analizado varios estudosos, amosan connaturalmente unha innegable conexión coa lírica oriental dos haikai. O propio Novoneyra ten salientado isto en diversas ocasións e mesmo se achegou na súa escrita ao espazo literario de Oriente; así en 1995, cando publicou Camelio xaponés, onde tres poemas seus foron traducidos a esta lingua por Ayako Sugitani, de quen el versionou en galego sete ‘xiikas’.

Por tanto, a presente tradución do poemario Os eidos é unha outra regalía que cómpre agradecerlle por sempre a Takekazu Asaka, o ‘embaixador da cultura galega en Xapón’, como certeiramente o definiu o seu amigo e colega Francisco Fernández Rei. O seus desvelos por darnos a coñecer como pobo e como literatura en tan lonxincuas terras teñen de ser recoñecidos por todas as galegas e os galegos de ben. Así o fixo recentemente a RAG, quen atinadamente o nomeou académico correspondente. Oxalá tras deste veñan outros moitos recoñecementos. Beizón, profesor Asaka, por todo canto pola irmandade nipogalega leva feito. Que non nos falten as súas traducións e traballos nos vindeiros anos, nin tampouco a súa presenza nas nosas terras, onde os seus amigos e admiradores sempre han saber recibilo.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 6-8-2017]