Ars dedicandi: Xosé Pérez Ballesteros

perez_ballesteros_ars_dedicandiHoxe é o cabodano de Xosé Pérez Ballesteros (Santiago de Compostela, 1833-A Coruña, 1918), un dos intelectuais galegos máis destacados entre aqueles que os historiadores da literatura adoitan denominar Precursores.

Ensaísta e articulista en diversos medios da época, contertulio da Cova Céltica e membro fundador da Real Academia Galega, Pérez Ballesteros é lembrado, sobre todo, polo seu labor como folclorista, pois nese eido xogou un papel fundamental ao erixirse nun dos compoñentes máis activos da Sociedad El Folklore Gallego, creada na cidade herculina en febreiro de 1884 baixo a dirección de Emilia Pardo Bazán, institución da que Pérez Ballesteros formou parte como vogal da súa xunta directiva, ao abeiro da cal se alentou o traballo de recolleita que logo deu lugar á publicación dos tres volumes do seu referencial Cancionero Popular Gallego (1885-1886).

Mais Pérez Ballesteros foi tamén poeta e, como tal, figura xa no Álbum de la Caridad (1862) coa composición “Un soño”. Logo, publicou dous poemarios: Versos en dialecto gallego (1878) e mais Foguetes (1888).

Precisamente unha dedicatoria deste seu primeiro libro é a que se recupera agora aquí. A obra ofréceselle a un outro poeta coetáneo, Josep Francesc Sanmartín i Aguirre (Valencia, 1848-Madrid, 1901), co que presumiblemente coincidiu na capital do Estado, onde o compostelán se doutorou na Universidade Central e publicou varios dos seus libros e o valenciano viviu moitos anos. Polo demais, unía tamén a ambos a súa querenza polos idiomas propios das súas terras e o aprecio cruzado destes, pois non debe esquecerse que Pérez Ballesteros foi un dos cinco autores galegos que participou na edición políglota de Lo Gayter del Llobregat (1888) e que Sanmartín i Aguirre é recoñecido como autor non só en lingua castelá, senón sobre todo por obras como Cuentos vells y baralles noves (1876), Jagants y nanos (1895) ou Del agre dols (1900).

Ars dedicandi: Xosé Trapero Pardo

ars_dedicandi_trapero_pardo

Hoxe é o aniversario de Xosé Trapero Pardo, que se nos foi en 1995. Os mindonienses sentimos a súa perda como propia, pois, aínda que era por nacenza de Castro Ribeiras de Lea, criouse de mozo na nación valeca e no Seminario de Santa Catarina adquiriu a súa formación.

A Trapero Pardo débenlle as letras mindonienses non pouco do seu esplendor: dirixiu semanarios emblemáticos da cidade como Justicia, Renovación e, sobre todo, Vallibria, onde publicaron por vez primeira Álvaro Cunqueiro ou Francisco Fernández del Riego; publicou estudos e monografías sobre as principais figuras históricas e literarias de Vilamaior, como Pedro Pardo de Cela, Antonio Noriega Varela ou Manuel Leiras Pulpeiro; e deu á luz o seu primeiro poemario —Lóstregos e moxenas (1926)— na Tipografía do Centro de Acción Social Católica de Mondoñedo.

Este fillo adoptivo da cidade tratou estreitamente, como non podía ser doutra maneira, os escritores e artistas que nela foron, tamén as súas familias. De entre toda, talvez a relación cos Cunqueiro fose unha das máis prolongadas no tempo e tamén unha das máis queridas. A Álvaro, como dixen, axudouno a comezar a publicar. Con Pepe, seu irmán, tivo de sempre un trato moi amigable e con Carmiña uniuno un aprecio e admiración que se estendeu ao longo de case un século, pois el marchou con noventa e cinco anos (nacera no 1900) e ela con noventa e seis (finou a primeiriños de maio do 2006).

O Ars dedicandi que hoxe recupero amosa ás claras ese agarimo que se profesaron. Figura estampado nun exemplar de Non chores Sabeliña, a zarzuela galega que Trapero Pardo escribira e o mestre Gustavo Freire musicara, unha obra histórica, pois foi a primeira publicada en galego despois da Guerra Civil.

A edición príncipe desta peza aparecera en 1943, a segunda en 1969 e a terza, que é a que recolle a dedicatoria, en 1992, ano no que a reeditou o Orfeón Lucense, quen foi o responsable tamén de musicar a primeira gravación da zarzuela ese mesmo ano en que saíu dos talleres lucenses de La Voz de la Verdad.

Sirva este Ars dedicandi que amablemente me cedeu Alicia Tella-Villamarín, legataria da receptora da dedicatoria, como homenaxe a Xosé Trapero Pardo no seu cabodano e tamén como afectuoso recordo a Carmiña Cunqueiro.

Ars dedicandi: ‘Advento’ de Manuel María

advento_ars_dedicandiHoxe hai oitenta e seis anos que viña o mundo Manuel María, un dos poetas máis destacados e prolíficos da literatura galega da segunda metade do século XX.

Os seus comezos inscribíronse na lírica da anguria tebreguenta con títulos como Muiñeiro de brétemas (1950) ou Morrendo a cada intre (1952). Veu logo Terra Cha (1954), que marcou un cambio de rumbo na súa escrita que confirmaron libros posteriores.

No mesmo ano no que vía luz aquel volume darredor do mundo chairego publicábase tamén Advento, poemario que acolleron as Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires nunha lucidía edición para a que Luís Seoane creou a cuberta.

Este Ars dedicandi recupera as palabras que nun exemplar daquela primeira edición estampou Manuel María para os seus amigos Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, estudoso este último que lle dedicaría unha ben ampla análise baixo o título “Manuel María e a cultura popular” no libro Poesía galega. Crítica e metodoloxía (1989).

O “corazón ilusioado” do Manuel María que lembraba en 1984 a emoción coa que estreara aqueles versos trinta anos antes é o que agora contaxia estas liñas, que queren ser un pequeno testemuño para un home grande.

Ars dedicandi: Manuel Luis Acuña

ars_dedicandi_acuñaFica memoria de Manuel Luis Acuña pola publicación dun único poemario: Firgoas. Se atendemos ao colofón da obra, saíu do prelo da Editorial Nós de Ánxel Casal o 6 de setembro de 1933 e foi pronto recibida con aplauso en cabeceiras como A Nosa Terra, La Región ou Heraldo de Galicia, nalgunhas das cales o autor era tamén colaborador.

O exemplar da primeira edición que se amosa (e que reproduce a cuberta que para esta deseñou un daquela ben mozo Manuel Prego de Oliver) vai dedicado ao Seminario de Estudos Galegos, institución de prestixio á que pertencían moitos galeguistas que Acuña admiraba e dos que mesmo era correlixionario no PG, como os tamén ourensáns Risco e Otero Pedrayo ou o rianxeiro Castelao, o que xustifica o obsequioso envío do libro ao SEG.

Ás cinco da madrugada doutro 19 de agosto, o de 1975, diluíuse no “Gris” Manuel Luis Acuña:

Nin branco nin preto.
Eso
Sin tremores de ríos
nin badaladas de páxaros.
Sin ritmo de astros
nin estraligos de noite medoñenta.
Sin oubeo de lobos
cando o vento galga por cómaros e crevadas.
Sin salaios de arbres
cando asolagan rosas nos remuiños do solpor.
Periférico.
Sin cerne nin miola.
Chairo.
Sin apertas de curvas nin adeuses de penedías.
GRIS.

 

Ars dedicandi: Ánxel Fole

Ánxel Fole. Terra bravaO 11 de agosto de 1903 naceu no número 1 da Praza de Campo Castelo en Lugo Ánxel Fole, voz fundamental da narrativa galega de Posguerra e xornalista de longa e recoñecida traxectoria.

Moitos foron os amigos do mundo literario que este clásico das nosas letras tivo ao longo da súa vida, que deu de si, pois aínda nos deixou en 1986.

Entre as máis próximas e queridas amizades dos últimos lustros atópase a parella formada por Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, quen trataron dende moi novos o escritor e compartiron con el moitas vivencias, principalmente o autor de Tigres de ternura, quen lle dedicou varias monografías e numerosos estudos.

Esta dedicatoria que hoxe recupero por xentileza de Blanco e Rodríguez Fer testemuña esa amizade garimosa que, dende a primeira hora, os uniu a Fole.

Figura estampada na que é a segunda edición de Terra brava, aparecida en 1976, un volume que conserva na cuberta o deseño orixinal que Maside fixera para a edición primeira, cunha variación cromática.

Ao cumprirse os cento doce anos da vinda ao mundo daquel maxín soñador de loberías e trasmundos, vallan estas liñas para enviarlle unha saudiña ao Alén, do que tanto escribiu, ¡si, señor!