Aldaolado, outra cousa

Hai xente que aínda coida que a poesía é un éter inconsútil que só unha sagra especie de elixidos é quen de convocar nos seus arcanos máis profundos. Para quen así pensa, ser poeta supón ter recibido un don, encarnar os designios do divino destino e andar os días deste mundo imbuído da alta misión dos profetas.

Acabo de escribir o anterior e xa estou escoitando as gargalladas de Lucía Aldao e María Lado. Mellor aínda: é máis que probable que lles estropease o gintonic —ou o colacao, que sei eu— facendo que o chimpasen da boca ao chan ante tanta panocha meliflua do oficio dos vates da nación. Cagan por tal. E fan ben. Convén aprender delas. Mellor nos iría.

E vén isto a conto do seu primeiro libro en dueto: Ninguén morreu de ler poesía. Porque si, morrer a xentiña mórreuvos de moita cousa rara de Deus, pero, ata onde sabemos, ninguén tumorou aínda por ler a Rosalía ou a Cunqueiro ou a Luz Pozo Garza ou a Manuel Antonio ou a Luísa Villalta ou a Pimentel. A ver, algún fato puido indixestar lendo a Campoamor, pero é que hai xente que as merece e punto.

Esta miña columna ha de lela (se é que alguén a le) persoal do máis diverso. Pois ben, as persoas que esteades ata os orellos da poesía de salón, da poética enlevada e transcendente, da estética de cartón pedra e cantería de granito secular, tendes neste libro a vosa kriptonita para acabar con tanto supermán de saldo poético.

Porque Aldaolado saben moi ben onde empeza a poesía e acaba a babecada; que os amores ausentes son os máis presentes; que a raíz de toxo é un noxo; que aos lorquianos adolescentes mortos acáelles un bo cover; que os canivetes todos teñen cara A e cara B; que o santoral facebookiano mexa por nós; que a poesía non é innovación, pero pode ser revolución; que o temible non é where you did sleep last night, o terrible é o veleno noctívago; que calquera tempo pasado foi pretérito e máis nada, por moito que arrinquemos os sangumiños saloucando polas bolas do dragón, o Delorean, o Xabarín, os Casio, Atari, Tigretón e Colajet; que os amores de EXB… vaia por Deus; que os faros da beiramar aluman mesmo cando están apagados, máis aínda, iluminan, sobre todo, cando son cegos; que as cousas que verdadeiramente pagan a pena na vida son as que se fan cando ninguén nos ve ou as que o Amor guía; que o pracer dun bo collage dadaísta self made non ten nin punto de comparación co narcisismo insufrible dos selfies; que, en fin, Aldaolado ten o público que se merece, pois por algo son “atractivas e talentosas!”.

E agora a nota erudita para os pescudadores do dato miúdo (esta parte pódena obviar os que teñan claro que, como din as autoras, onde estea un cubata que se quite un soneto): Ninguén morreu de ler poesía recolle textos xurdidos dende o 2006 ata hoxe. Algúns van coasinados e os máis deles rubricados por cadansúa autora. Hainos estritamente inéditos e outros avanzados en libros delas ou obras colectivas. Non poucos son letras de poemas-canción e outros versos recitados nos espectáculos cos que, como dúo poético, levan percorrido toda a xeografía galega dende o 2005.

Humor, música, metapoesía. Velaí o misterio da iconoclasta trindade aldeoladiana. Escrita que, como elas advirten, reivindica a dadallada. Unha lírica alternativa, que presta poñer na porta do frigorífico. E tecerlle un tapete. E chantala derriba da tele. Alguén dá máis?

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 8-11-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s