Nadaliñas

Estamos no remate das datas natalicias, un tempo no que os mellores desexos enchen as nosas verbas. Así leva sendo dende tempos inmemorais e a festa natalicia ten entre as súas tradicións máis enraizadas o envío de tarxetas de felicitación, entre nós chamadas nadais ou nadaliñas, unha literatura que cobrou forma e pulo no último par de séculos en Europa e que hoxe é unha realidade planetaria.

A orixe das tarxetas postais para parabenizar o Nadal remóntase á Alemaña de finais do XVIII, onde se confeccionaban xa tarxetóns adornados con grilandas, flores e figuras e escenas diversas que se abrían erguendo unha lingüeta de papel que descubría unha dedicatoria garimosa.

Agora ben, o nacemento do Christmas ou Christmas card ten o seu berce no Londres vitoriano, cando Henry Cole, fundador e director do Victoria and Albert Museum, tivo a idea de felicitar o Nadal á familia e amizades cunha nadaliña en vez de cunha carta, como ata entón era costume. Foi o artista John Callcott Horsely quen deseñou aquela primeira tarxeta de felicitación, unha ilustración que amosa unha familia bebendo e celebrando as festas con agasallos, roupa e comida. Daquela pioneira nadaliña imprimíronse mil exemplares e hoxe é unha peza de coleccionista que nas últimas poxas se ten pagado a dez mil euros o exemplar.

Cos anos as nadaliñas acabaron por facerse tremendamente populares e estendéronse polo mundo adiante para felicitar todo o período de Nadal ou, máis concretamente, o Aninovo, como acontece en Francia ou Xapón, país este último no que se estilan as creativas nengajō para desexar ventura o primeiro de xaneiro.

A literatura tamén tivo un papel importante nesta consolidación, pois o éxito fulgurante do Conto de Nadal de Charles Dickens axudou a crear o clima propicio para o seu espallamento, o que aínda se afianzou máis co concurso dalgúns escritores especializados en escribir estas nadaliñas, como Helen Burnside (quen chegou a redactar nas últimas décadas do século XIX máis de seis mil versos para nadaliñas), Samuel Cowen (quen nun ano escribiu máis de mil) ou Frances Ridley Havergal, poeta inglesa de tema relixioso que se converteu na máis afamada autora deste xénero nos seus inicios.

Nos remates do XIX e xa ao longo do XX os nadais foron adquirindo a fisionomía e variedade que hoxe lles coñecemos. Dunha banda, ás escenas familiares e idílicas paisaxes nevadas sumáronse todas as postais de iconografía relixiosa, facendo alternar os abetos, acivros e demais flora natalicia cos querubíns, campás e beléns e, xaora, co riseiro Papá Noel. E, doutra parte, acabaron por crearse subxéneros como as felicitacións oficiais (algúns países comezaron a emitir nadais dos xefes de Estado, casas reais e responsables varios); as felicitacións benéficas (de organismos como a UNICEF, que están actualmente entre as máis divulgadas); e as felicitacións comerciais (de empresas de todo tipo e incluso de determinados oficios, que no seu momento tamén se enviaron moito, tales como bombeiros, panadeiros, butaneiros e outros, presentadas como tarxetas de agasallo que convidaban a corresponder cun aguinaldo ao profesional). Toda esta pléiade de nadaliñas convive actualmente coas tarxetas de particulares e nos nosos días deron o salto dixital, circulando por millóns en correos electrónicos, whatsapps e outras vías, tanto entre cristiáns coma entre xentes doutras confesións.

Os nadais galegos

En Galicia a tradición das nadaliñas está documentada xa dende hai ben tempo. Tarxetas de felicitación dos repartidores de O Galiciano ou dalgúns outros operarios xa se atopan na década dos oitenta do século XIX, mais non foi ata os anos corenta do século XX cando se estendeu o seu uso entre a nosa intelectualidade e escritores.

Dende a inmediata Posguerra ata primeiros dos oitenta chegou a ser común o envío de nadaliñas entre autores galegos, que escribían como felicitación das festas poemas (sobre todo vilancentes, panxoliñas e outros cantos natalicios), habitualmente acompañados de imaxes creadas ex professo por coñecidos pintores e, en ocasións, tamén acompañados de partituras musicais.

Foron asiduos ás nadaliñas Aquilino Iglesia Alvariño, Ben-Cho-Shey, Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez, Luz Pozo Garza, Manuel Fabeiro Gómez, Manuel María, Sebastían Martínez Risco, Xohana Torres, Faustino Rey Romero, Francisco Vales Villamarín, Celso Emilio Ferreiro, María do Carme Kruckenberg, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane ou Fiz Vergara Vilariño, entre moitos outros.

Esta tradición cristalizou no volume Nadal en Galicia (1957), que incluíu diversas composicións de importantes poetas galegos, e pouco despois na primeira Mostra de Nadais que levou a cabo a Deputación de Pontevedra en 1967.

Entre os patrucios galeguistas houbo algúns posuidores de admirables coleccións de nadaliñas recibidas de mil e unha amizades. Destacan aquí as que chegaron a atesourar Ramón Otero Pedrayo e Francisco Fernández del Riego (con máis de mil exemplares cada unha) e, sobre todo, a enciclopédica de Xosé Figueira Valverde, con preto de nove mil tarxetas de felicitacións das que se dá conta no excelente catálogo Nadais. Colección Filgueira Valverde (2020), froito da recente exposición comisariada por Sabela Santos e Fátima Cobo para o Museo de Pontevedra.

[Faro de Vigo, 6-1-2022]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s