Diáspora do ser

Escribín unha vez, tendo ben presente a memoria do gran poeta Xosé María Díaz Castro, que existe un lugar no mundo onde todo se derruba en luz, onde o Tempo desorballa os prados, as estrelas arden sobre o medo e o mal e treman as bágoas nos budios escuros. É unha xeografía escolleita por un anxo e salvada nalgún intre de amor desesperado. Existe e chámase Guitiriz. Nesa terra entretécense fías de soños e de palabras e o leite, o centeo e a luz da aurora nutren o berce dos poetas para que oian pacer canto hai.

Desa chaira privilexiada provén tamén a voz de Ana María Barral, nada no lugar de Portovello, en plena landa guitiricense, campías de herba sen fin con ovellas salferindo o verde, eidos de feraces milleirais e soutos nos que se pousan todos os outonos.

Da súa man chégannos os Versos do desasosego, que veñen constituír o seu primeiro poemario publicado, pois con anterioridade apenas se dera á luz algúns textos ocasionais na revista cultural betanceira A Xanela.

Versos do desasosego ábrese cunha cita inicial de Fernando Pessoa e o seu Livro do desassossego, que revela a un tempo a orixe, en homenaxe, do título de Barral e tamén a razón de ser da súa escrita: “Se escrevo o que sinto é porque assim diminuo a febre de sentir”.

E como lle acontecía ao Bernardo Soares pessoano, tamén en Barral se desexa ser outra; mellor aínda, ancéiase que o mundo e as cousas, que o Tempo cruel fose outro e non pasase, inmisericorde, debelándoo todo. “Vivir é ser outro”, escribiu o xenio portugués. Tamén para Barral é así, tal como anuncia no poema limiar ao libro: “as pedras que me lastran a alma/ quero ceibalas nestas páxinas”.

O medio cento de composicións que conforman a obra ancoran en realidades e sentires que marcaron a lume os días de Barral: a lembranza da feliz e calma infancia ida, a admirativa consideración dos proxenitores, o alento salvífico do amor, o fastío e o baleiro vital de certo presente, a beleza lenitiva do mar e, sobre todo, o poder esconxurador de todos os males que a palabra agocha.

Desfilan, así, por estes versos, a memoria da “montaña asolagada nas meixelas doces/ dos nenos que fomos,/ das cereixas que perdemos”, mais tamén o “tempo de faros e auga,/ claros litorais bailando xeográficos e lixeiros,/ vidros de colores estelares”. Por descontado, os “xeroglíficos que nos xorden das entrañas”, esa “vertixe que rebenta en cores,/ en cráteres de caos,/ salitrosos” e todo un tecer de “caricias/ lentamente,/ a deslizarse ata a eclipse/ que nos corta estas desordes/ e nos estrangula a carne”.

Nestas coordenadas, o valor substantivo do feito poético adquire relevo metafísico e, fronte ao “desamparo/ no tecido do universo”, déitanse os “versos/ no centro da diáspora do ser,/ no estraño,/ no sangue que vertes sen ninguén mirarte;/ no loito de todos,/ no silencio desta loita que respira contra o nada”.

 A poética de Barral aliméntase de fontes xurdias e, alén da esperable e evidente homenaxe ao poeta maior da súa tribo, Díaz Castro (inevitable lembrar “Penélope” tras ler os versos contidos en “Galicia de tea e grilos solitarios”), abebera tamén noutros mananciais. Así na voz salgada de Manuel Antonio (léase o poema “O tempo puido ser noso”); no Cunqueiro que pende en que pende Penélope pensativa, que en Barral se volve un “perdo espellos pulsacións perdo”; na melancolía eterna das tardes do Lugo de Pimentel, que aquí son un “Lugo espectro/ nun xaneiro cruel de mans frías/ e abrentes empapados en sombra”; e en millenta outras imaxes e metáforas que recordan a Novoneyra, Manuel María ou Rosalía, entre moitas outras voces de noso.

O poema “Epílogo” destes Versos do desasosego clama pola maxia sandadora das palabras: “Tecede palabras/ que engulan as arañeiras da ansiedade./ Palabras para o silencio da fuxida./ Palabras/ que nos acariñen a alma”. Ben haxa. E que mellor esconxuro para espaventar todo mal que a lectura de verbas tan fermosas e sentidas coma estas coas que se estrea en libro Ana María Barral, lumieira guitirica que desexamos ver brillar moitas outras veces.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 25-10-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s