Humores literarios

Nada hai máis humano que a nosa capacidade para rirnos de todo e de todos, principiando por nós mesmos. Dende os seus comezos, a literatura, tanto a oral como logo a escrita, reflectiu en inesquecibles historias a irrefreable pulsión para a comicidade que habita en nós, xa fose dende a pura hilaridade ou o ludismo ata a máis terrible das sátiras ou do sarcasmo, pasando por toda a gama intermedia de solucións irónicas, paródicas, bufonescas, retranqueiras, grotescas, esperpénticas ou caricaturescas.

Os antecedentes do humor literario occidental poden rastrexarse xa na cultura grecolatina. Velaí as comedias de Aristófanes, burlateiras ao extremo; ou A batracomiomaquia, parodia cómica das epopeas homéricas protagonizada por ratos e ras; tamén, por suposto o Satiricón de Petronio e a súa inesgotable festividade sexual, por non falar das comedias de Plauto e Marcial, todo gargallada e irrisoria confusión.

Nun tempo tan pouco luminoso como o da Idade Media, con guerras constantes e pestes sen fin, os nosos devanceiros procuraron no humor unha vía de evasión da dura realidade e deixáronnos numerosas mostras do seu enxeño para facer rir. Velaí as ocorrencias pícaras dos protagonistas do Decamerón de Boccaccio; o Gargantúa e Pantagruel de Rabelais, que o autor francés escribiu convencido do valor terapéutico da literatura benhumorada; ou, xa abocando o Renacemento, a parodia obscena da Carallocomedia, poema protagonizado por Diego Fajardo, cabaleiro provecto e impotente que tenta recobrar a súa virilidade visitando todo canto prostíbulo existía daquela en Castela.

Agora ben, a literatura humorística tal como hoxe a entendemos é un froito da arte literaria dos séculos XVII e XVIII. Para convencernos disto abondaría con amentar a comicidade inherente ao propio Don Quixote de Cervantes. Mais, a maior abondamento, cumpriría lembrar tamén non pouco do teatro cómico de Lope de Vega e de Shakespeare, da fabulística de Samaniego ou Iriarte, a hilaridade contaxiosa dos farsantes, impostores, renartes e hipocondríacos de Molière en O enfermo imaxinario, Tartufo, O avaro, O burgués xentilhome ou O menciñeiro á forza; o Swift da sarcástica Unha humilde proposta ou de As viaxes de Gulliver e o Sterne do Tristam Shandy, que conta rexoubeiramente o mundo dende o útero materno metade da novela;e, por citar un último exemplo, a inimitable acidez do humor vitriólico de Quevedo en mil e unha páxinas, poño por caso as súas Grazas e desgrazas do ollo do cu, que engadían un título máis extenso nas que ían dirixidas a Dona Juana Mucha, fato de carne, muller gorda por arrobas, aclarándose que foran escritas por Juan Lamas, o do camisón cagado.

A esta mesma nómina sería preciso engadir outros grandes da literatura europea e americana do XIX. É o caso de Mark Twain, que gañou grande éxito con A célebre ra saltareira do condado Caveiras e que logo nos fixo rir a todos con As aventuras de Tom Sawyer e a súa continuación As aventuras Huckleberry Finn e, sobre todo, coa extravagante e felizmente anacrónica Un ianqui na corte do rei Arturo. E tamén contaría aquí outro clásico como foi Oscar Wilde, tanto en títulos como o paródico A pantasma de Canterville coma na máis complexa The Importance of Being Earnest, publicada en galego como Ernest. Comedia frívola para xente seria, que agocha dobres sentidos xa dende o propio título.

Ao longo do século XX non poden deixar de amentarse o Wenceslao Fernández Flórez do patético O malvado Caravel e o tenro e ledicioso O bosque animado; o Ramón Gómez de la Serna das greguerías; o Gerald Durrell de ocorrencias infantes en A miña familia e outros animais; a sátira de Evelyn Waugh en Unha presada de po ou Decadencia e caída; as Memorias dun amante sarnoso de Groucho Marx, delicioso anecdotario;ou o P. G. Wodehouse da serie de novelas protagonizadas polo indolente millonario Bertie Wooster e o seu astuto e dilixente mordomo Jeeves, que o saca de todas as leas.

Nos nosos días recomendo os divertidísimos relatos do obsesivo Woody Allen dos Contos sen plumas; o Eduardo Mendoza de Sen novas de Gurb e o seu extraterrestre sorprendido ou do filósofo romano contratado por Xesús de Nazaret en A abraiante viaxe de Pomponio Flato; Maruja Torres e as súas corrosivas Oh, é el! Viaxe fantástica cara a Julio Iglesias e mais Cegueira de amor; as aventuras despropositadas do matrimonio Appleby en A caída do Museo Británico de David Lodge; o humor faiscante das recompilacións Tinto de verán de Elvira Lindo ou toda a serie de novelas protagonizada polo seu emblemático Manoliño Catrollos; a traxicomedia sexual de A magnitude da traxedia de Quim Monzó; as disparatadas andainas de Wilt na batería de novelas que sobre el leva escrito Tom Sharpe; Carmen Rico-Godoy e o humor punxente e reivindicativo de Como ser muller e non morrer no intento; ou os estrafalarios personaxes do mundo plano sostido por catro elefantes de A cor da maxia de Terry Pratchett.

Os evanxeos da risa absoluta

A literatura galega foi humoristicamente pródiga. Ten a súa lóxica, pois non debe de esquecerse que somos o pobo que inventou a retranca e un dos que con maior pericia manexa o ferrete. Que llo digan senón aos nosos trobadores das cantigas de escarnio e maldicir medievais, xeniudos que teñen dignos herdeiros na nosa contemporaneidade, dende Os evanxeos da risa absoluta de Antón Villar Ponte, abondo esperpénticos e cun “tolo epílogo báquico na compaña de Caín”, ata a humor revelador, cheo de ridículos afectos, que nos ensinan Os vellos non deben de namorarse de Castelao.

[Faro de Vigo, 15-10-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s