A vida loba

Hai tempo que sigo con atención a poética de Fátima N. Delgado, profesora, actriz, dramaturga e slammer que se deu a coñecer, hai máis de tres lustros, ao gañar o Premio de Poesía Díaz Jácome. Dende aquel 2004 lina e relina aquí e acolá, en diversos volumes colectivos, en revistas e blogs líricos de referencia e, sobre todo, no libro Ninfopoética, publicado no 2018 por Urutau.

Agora a andaina creativa de Delgado dá un paso adiante e tráenos un novo poemario: Ouveos/ Aullidos, libro bilingüe en galego e castelán editado polo selo cántabro Seda de Biso, que se estrea con esta publicación.

Ouveos é unha odisea lírica. Unha viaxe poética que arrinca nas sombras e o desespero e pouco a pouco vai gañando esperanza ata o final luminoso do amor. Así, na primeira parte da obra a dor fai que á voz poética confese que se lle estremecen os soños, que a vida tal parece un afanarse a perpetuidade en limpar tumbas e sacar cadáveres do armario coa vaga confianza de poder proclamar que non todo está morto. Son as “febras rotas da crisálida”, a “dor como de alfinetes” que todo o castiga “cravándose en cada arteria”. Nese mortal abatemento, na ruína dos días mouros, todo enfastia e fai espertar a ira. A cidade é unha xungla na que “alporiza atasco/ alporiza venres”, onde “sorprende accidente,/ improvisa cristais rechamangueiros sobre/ alcatrán quebrado”. Un existir na hesitación constante, na dúbida de se paga a pena vivir así: “a dúbida é un carrusel que te marea/ hipocondríaca/ con voltas inútiles”, “a dúbida é un grolo de augardente,/ unha picadela de avespa”. Esa vida grisalla, desoladora, vólvese cruel en “Namentres crece a pandemia” e caos en “Colápsase o enxame”, onde “a soidade é tan longa coma un coche fúnebre”.

Máis a segunda parte do poemario comeza deixando entrecoar polas físgoas dos versos loairas prometedoras. A voz poética profetiza: “Liscarás algún día/ desta gaiola de bestas pechadas./ Abrindo,/ ouveando,/ comendo,/ catando,/ apremando o lecer/ dos pasos de peóns.” Logo, devagariño, vemos como: “O Sol xa non se oculta baixo as cortinas/ nin nos corazóns remendados.” A balanza de Eros e Tánatos principia a equilibrarse e “a lixeireza da luz, agora pérdese,/ agora engúrrase,/ nos panos brancos”. É daquela cando a loita do eu máis íntimo e tamén a do nós de fonda reivindicación colectiva encaran, definitivamente, os vieiros da esperanza: “Aínda que levantedes un MURO,/ o máis alto do mundo,/ seredes vencidos,/ esmagados,/ polas verbas irreverentes,/ pola sombra dos mortos”.

Chega entón Amor, que todo o pode, e con el o medo a perder a adorada visión da compaña amada: “Ás veces penso no día en que/ quede cega e/ non poida verte, nin sequera/ borroso”. E, empática, a paisaxe urbana imprégnase dos sentimentos da voz que canta e a cidade deixa de ser hostil: “Pensaba que o meu corazón sen auga/ murcharía,/ tristemente,/ neste circo onde/ non crecen os meniños./ Estaba equivocada,/ atordada./ Cada vez que teño sede bebo/ dalgunha das túas prazas,/ poño a lingua ao Sol e/ despois fago o amor contigo”.

O remate é xa unha explosión de vida, un gurgullar de paixón onde “chocan os barcos na néboa/ e os nosos ósos ilíacos contra os cantís./ Sóbesme a saia./ A pel exponse (…) É a hora de suar na sombra,/ coa fartura de dous leóns famentos”. O resultado, extático, é o herdo de Amor: “Vou darche un fillo,/ vou fabricarche un fillo de luz, de sol, de poesía nas entrañas”.

Hai nestes versos de Fátima N. Delgado moito dos beat (velaí, dende o propio título, o ouvear de Allen Ginsberg), pero tamén do surrealismo de Federico García Lorca, do erotismo telúrico de Olga Novo, o sensualismo electrizante de Yolanda Castaño, o corpóreo transgresor de Lupe Gómez, o malditismo de Baudelaire, a voz esgazada dos fillos da ira de Dámaso Alonso (un poema de Delgado titúlase así: “Os fillos da carraxe”) e da melancolía da matria arredada que sente a emigrante como a sombra do Paradiso da que tiña saudades Vicente Aleixandre. Todo este arquipélago de voces irmás toman forma en molduras versais de dicción fragmentaria e terra baldía, como en T. S. Eliot, de canto afirmativo coma río imparable que flúe ao Walt Whitman, en fin, dun dicir próximo e asemade brunido ben propio dun William Carlos Willams.

Como en Alejandra Pizarnik, como en Sylvia Plath, como na nosa Rosalía, hai nos Ouveos de Fátima N. Delgado a soidade ontolóxica radical e tamén a forza necesaria para vencer, a través da verba, os heraldos da morte.

O ecosistema poético da escritora valdeorresa ten, amais, un continente para a expansión privilexiado: poucos libros levo visto nos últimos meses tan ben editados coma este. O traballo no deseño e maquetación do director de Seda de Biso, Néstor Revuelta Zarzosa, é exquisito: na proposta pictórica de cuberta, no imaxinario alado dos interiores das capas, nos grafismos e símbolos de cabeceiras e pés de páxina, na alternancia bicolor das planas, no caderno central con fotografías que son auténticos poemas visuais, nas delicadas tipografías, todo e mais é un agasallo para reter entre as mans.

Como en toda festa lírica que se prece, Ouveos garda aínda unha última luminaria coa que inundar de luz o seu ceo versal: o poema-prólogo de Branca Novoneyra, privilexiada atalaia dende a que a poeta luguesa saúda este libro no que “o amor sabe a café e os amantes son ladróns que rouban estarrecementos dos corpos”. A vida loba que ouvea a súa Beleza.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 28-6-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s