Duras entre nós

Cando se publicou O amante en 1984 un tsunami lector fixo da novela un fenómeno editorial con millóns de exemplares vendidos que lle valeron á súa autora, a escritora e pensadora antifascista Marguerite Duras, o Premio Goncourt e mais o Ritz-Paris-Hemingway daquel ano.

A narración foi recibida de xeito moi diferente polo diverso lectorado que a ela se achegou. Dunha parte, o público masivo sentiuse fascinado pola historia amorosa, rebordante de intenso erotismo, que protagonizaba en Indochina unha modesta adolescente francesa de apenas quince anos que namoraba dun mozo chinés moi rico e doce anos maior ca ela. Doutra banda, a crítica e os habituais da escrita de Duras, voz destacada do Noveau Roman e referente da Nouvelle Vague cinematográfica, souberon salientar no relato, ademais da poderosa historia de amor, a importancia deste como novela de formación e fixeron fincapé no tratamento que esta ofrecía de toda a problemática das sociedades coloniais da altura, que non aceptaban as relacións entre asiáticos e europeos e tampouco entre clases economicamente dispares, alén doutras críticas á opresión familiar e a falta de liberdade do individuo.

Esta última lectura, ben celmosa e plural, ficou aínda máis arrombada cando Jean-Jacques Annaud fixo unha adaptación fílmica da obra en 1992, creando o furor nos postos de venda dos cinemas con varios millóns de espectadores en Francia e o resto de Europa e tamén en Estados Unidos. Na versión de Annaud a centralidade da vivencia erótica dos protagonistas despraza a un moi discreto segundo plano calquera outra cuestión, creando unha cinta de impecable factura, pero abondo estetizante, que non gustou nada a Duras, quen respondeu reescribindo a obra baixo o título de O amante da China do Norte e incidindo en todas as outras realidades non exclusivamente sensuais que a novela quería pór de relevo.

Léase dende unha óptica ou dende outra, O amante segue a ser, case corenta anos despois da súa aparición, unha narración extraordinaria. Nela condénsase a mellor prosa de Duras, tremendamente plástica, chea de lirismo e sutil na percepción e análise das relacións humanas e dos contextos sociais que as rodean.

Por fortuna para nós, esta excepcional novela pode gozarse agora en galego mercé á tradución que dela fixo Oriana Méndez para o selo Faktoría K. Nas verbas de Méndez non só hai un escrupuloso respecto polo espírito que imprimiu orixinalmente Duras ao texto, senón que, alí onde foi preciso, soubo facer voar a creatividade e adaptar o que conviña para que a narración funcionase no lectorado galego. O fraseo curto de adxectivación precisa, as descricións sensoriais e alusivas, o léxico vizoso e dúctil, todo o que Duras tan ben conseguiu aquilatar está en Méndez impecablemente recreado, o que asegura unha lectura fidel e, ao tempo, nova, que moito cómpre agradecer.

[Faro de Vigo, 25-5-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s