O vento que nos levou a Manuel Quintáns

Por veces o nordés de aza lixeira vén arrebatado e nada nin ninguén pode evitar que varra con todo, devastando ao seu paso lumieiras, fitas, cancións. É entón cando o corazón aterece e a sombra fría da morte se achega silandeira avisando de que trae recado e que no mundo dos vivos hai quen xa estiñou o seu tempo.

Foi o vento tolo o que nos levou a Manuel Quintáns Suárez, un dos máis grandes ensaístas, etnógrafos e críticos galegos do último medio século. Con el esmorece unha xeración dourada, a dos discípulos do legado de Nós, mestres da palabra, titáns na entrega ao país, incomparables na irmandade.

Coñecín a Manuel Quintáns vai para trinta anos, contra os comezos dos noventa. Foi en Compostela, na Cafetería Lembranza, onde mo presentou o común e moi querido amigo Luís Alonso Girgado, compañeiro nestas páxinas. Dende aquela ata hoxe non deixei de aprender del, de abraiarme coa súa sabedoría sen límites e coa súa paciencia infinda, que desbaldía ás mancheas cos que, coma min, pensabamos que o sabiamos todo simplemente por ser fume e leña verde, é dicir, xente nova.

Ao longo deste último cuarto de século Manuel Quintáns ensinounos o que cumpría saber sobre o Refraneiro galego (1992), aprendeunos da contística e das lendas populares nos Contos populares de Galicia (1993) e na Galicia de conto (2005), iluminou o estudo dos mitos e a etnografía espiritual en O Outro Mundo na cultura popular galega (2006), incidiu na importancia sociolóxica da literatura de transmisión oral en A escola da lareira (2007), contribuíu decisivamente á recuperación e análise do noso cantigueiro cos varios volumes do Cancioneiro do Fisterra galego (2000) e o Cancioneiro de Celanova e outros cancioneiros (2009) e aínda estudou outras manifestacións da antropoloxía de noso no Anuario de tradicións galegas (1994).

Xa só ese labor abondaría para que gardásemos del memoria admirativa. Mais non fica aí a débeda impagable que con el contraemos. Tamén lle debemos a novela Nerio. Repinique de silencios en vermello (2008); a Historia de Santa Comba de Xallas (2005) —os seus eidos natalicios—; a dirección dos oito volumes do Dicionario Conceptual Galego (1997); as traducións ao galego de O asno de ouro de Apuleio ou A arte da persuasión de Aristóteles; e mesmo estudos sobre autores tan diversos como Castelao, Antonio López Ferreiro, Xavier Lama e, sobre todo, Roberto Vidal Bolaño, de quen foi un dos máximos especialistas e a quen dedicou a súa derradeira monografía, Roberto Vidal Bolaño. Unha poética tetral xenuinamente galega (2019), obra que tiven a honra de lle prologar.

Moito do que sei sobre literatura galega de tradición oral, sobre a escrita xornalística da nosa emigración ou sobre dramaturxia galega débollo ás ensinanzas de Manuel Quintáns. E non só iso: débolle tamén o seu guieiro nas ducias de xurados literarios que compartimos, a súa consella en mil e un actos e eventos literarios que vivimos xuntos e a ledicia de aprender ao seu carón no traballo, cóbado con cóbado, como estudosos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Os libros que foi publicando ao longo de lustros funos saudando con admiración e agradecemento nas páxinas de El Correo Gallego (onde fomos colegas de equipo nos seus suplementos culturais durante case vinte anos), no Faro de Vigo, na revista Tempos Novos e nestas mesmas páxinas dende as que agora escribo, onde por varias ocasións me ocupei das súas sempre valiosas contribucións.

Foi Quintáns un inmenso ensaísta, patriarca de críticos, mais tamén un venerado profesor que formou a varias xeracións dos máis brillantes filólogos, escritores e humanistas da Galicia dos nosos días, tanto dende as aulas do Colexio Peleteiro como despois na súa cátedra de Lingua e Literatura no IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela.

Todo iso e moito máis foi para os que o benquixemos Manuel Quintáns. Agora que as friaxes do outono nolo arrebataron, non deixaremos de lembrar endexamais os oitenta e oito anos de vida que nos regalou, o galano impagable da súa amizade e bonhomía, a xenerosidade oceánica que prodigou con todos os que o coñecemos e a súa humildade proverbial, que o facía arredarse de fastos e recoñecementos, el, que tantos merecía.

Á súa familia, nesta dolorosísima hora na que un vento fero nolo levou, cómpre enviarlle as nosas máis sentidas condolencias, mais tamén transmitirlle a convicción esperanzada de que o seu extraordinario exemplo, o seu impresionante legado e o seu prodixioso maxisterio han perdurar no imo de todos aqueles que tivemos a inmensa fortuna de acompañalo no camiño, sabedores de que andabamos os días arroupados pola benéfica ollada dun grande entre os grandes.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 27-9-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s