Un belvedere con vistas á gran flor submarina e ao mundo

Unha das cousas que máis sorprende ao visitante é comprobar como un mundo tan extenso e intenso na súa fabulación como o de Álvaro Cunqueiro tivo como correlación real un espazo tan exiguo como o da mandorla citadina mindoniense. No escaso cento de metros que media entre a Fonte Vella, hoxe chamada Fonte de Álvaro Cunqueiro, e mais o cantón da Praza da Catedral desenvolveuse boa parte da vida e do territorio creativo do xenial escritor.

Foi precisamente a carón da secular fonte onde veu ao mundo e onde comezou a escribir, no faio daquela súa casa patrucial, os primeiros textos xornalísticos e poéticos, argallados arredor da que chamou Oficina Lírica do Leste Galego, de onde saíron as publicacións da Editorial Un e mais a revista Galiza, que el mesmo dirixiu nos primeiros anos 30.

Agora ben, a vivenda de referencia para a súa obra maior foi, sen dúbida, a casa da Praza da Catedral nº 13. A ela foi vivir con seus irmáns Carmen e Xosé desde que regresou de Madrid, en 1947, e nela residiu ata que marchou a Vigo para integrarse na redacción do Faro de Vigo en 1961.

Nesta vivenda do Cantón Grande —que herdara súa irmá Carmen da súa tía Pilar Moirón e que tivera nos baixos un comercio de lencería coñecido co nome de “Géneros de Punto”— escribiu Cunqueiro boa parte das súas obras máis famosas.

Ollando dende as fiestras desta casa o rosetón da catedral mindoniense —o mesmo que Ramón Otero Pedrayo alcumara como a gran flor submarina de Galicia— Cunqueiro escribiu Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), O incerto señor don Hamlet (1958), Las mocedades de Ulises (1960) e mais Escola de menciñeiros (1960), entre outros.

Foi, por tanto, o auténtico epicentro literario cunqueiriano, un espazo privilexiado que viu nacer varias das máis senlleiras obras do príncipe dos escritores mindonienses. Nada máis lóxico, pois, que que sexa este o lugar que albergue a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, pois foi entre estas paredes onde agromou a maxia toda do señor Merlín da Terra de Miranda; onde as fantásticas andainas de Charles Anne de Crozon, sochantre de Pontivy, comezaron a cobrar forma; onde a revisitación do drama de Hamlet, príncipe de Dinamarca, foi tecendo a súa rede; onde as singraduras de Ulises, fillo do carboeiro Laertes e da fiandeira Euriclea de Ítaca, foron dos soños ao papel para unilo a Penélope; en fin, foi este o belvedere privilexiado dende o que Cunqueiro veu pasar polos ollos da imaxinación a Perrón de Braña, Borrallo de Lagoa, Xil de Ribeira, Lamas Vello, O Coxo de Entrebo, Pardo das Pontes, Silva da Posta, O Señor Cordal, Cabo de Lonxe e O Licho de Vilamor.

De todas estas vidas marabillosas foi testemuña a vivenda da Praza da Catedral nº 13, hoxe Casa Museo Álvaro Cunqueiro, espazo xerminal no que as xentes de aquí e de acolá han descubrir o universo inesgotable do máis célebre dos escritores mindonienses, clásico entre clásicos das nosas letras de todo tempo.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 21-8-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s