Parlamento das Letras: Carlos Labraña

carlos_labranha_perfil_02

Coherencia e resistencia. Así define o seu traballo Carlos Labraña. Coherente coa súa entrega, arreo, a prol da nosa escrita infantoxuvenil en xeral e da nosa literatura dramática en particular. E resistente, incombustiblemente resistente ante todo e por riba de todo, esperanzado sempre en que a calidade das nosas letras se ha de seguir abrindo paso cal río imparable ata o océano lector.

Con Carlos Labraña aprendemos o teatro dos soños e os máis engaiolantes sons da buguina, soubemos dos espertares principescos, das estrelamares, as lendas sanxoanescas, a vida secreta dos ratiños, as aventuras de Peter Pan no cabo do mundo e a maxia da fraga das árbores das palabras e coñecemos tamén a peregrinaxe do Galo de Portugal, as ocorrencias da xentiña da Moito Morro Corporation, as angueiras do apalpador, os pesares dos valos bélicos e ata os sorprendentes e ultramundanos encontros da Pequena Compaña.

E é que Carlos Labraña sabe ben que a vida é unha garola e que cómpre desempeñar felizmente o papel que nos tocou en sorte neste gran teatro de xoguete.

 

Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

6.estrelecerEu comecei escribindo poesía, cando ía ao instituto, que publicaba nunha revista cultural cedeirense, Olláparo, e, incluso, ata nalgún número de A Voz da Escola. Algún deses poemas recupereinos hai pouco para a miña última peza, Estrelecer, cuxa orixe hai que procurala neses anos.

Respecto ao teatro, o meu primeiro libro foi O segredo de Daniel, peza escrita a moitas mans no Colectivo Garola, que resultou gañadora do Premio Xeración Nós de Teatro Infantil no ano 1988 e que, grazas a iso, publicou Sotelo Blanco na súa mítica colección Biblioteca do Arlequín.

Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Ao pertencer a un xénero tan minorizado como a literatura dramática é difícil facerse ver, polo que durante moitos anos as miñas pezas, aínda que tiñan unha grande acollida nos colexios, pasaban desapercibidas para a crítica. Isto comezou a cambiar con A fraga das árbores das palabras no ano 2014, que tivo moi boa recepción. Pero foi con Moito Morro Corporation Sociedade Ilimitada (2016) e con O valo (2017) cando definitivamente a prensa e os medios de comunicación comezaron a fixarse na miña obra.

Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

O que marca fundamentalmente a miña forma de escribir é o TDAH, que me impide concentrarme durante moito tempo diante do papel ou da pantalla de ordenador. Así que, penso dabondo, maduro as ideas e logo ando a escribir a cachos, onde me cadre.

buguinaNunha antoloxía da nosa literatura recente, ao pé de que autor@s preferirías figurar?

Gustaríame que na nosa literatura se pendurase definitivamente un andel para o teatro infantil e nel atoparme entre clásicos como: Manuel Lourenzo, que traballou arreo polo teatro, tamén polo infantil; Carlos Casares, cuxas Laranxas formaron parte tantos anos dos meus soños, ou Manuel María. Xa dunha época máis recente, non poderían faltar nese andel dramaturgas como Paula Carballeira, Candido Pazó, An Alfaya, Antón Cortizas, Teresa González Costa ou Raquel Castro.

Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, que trazos salientarías?

Fundamentalmente dous, coherencia e resistencia. Coherencia, xa que cando descubrín a situación da literatura dramática infantil galega e decidín dedicarme de cheo a escribir e publicar só pezas para os máis novos mantíveno ata o de agora, gardando na gabeta o resto da miña escrita. E resistencia, porque transitei durante moitos anos polo deserto, sen moito apoio, ata conseguir abrir na nosa literatura unha fiestra cara a ese teatro.

Que lecturas te acompañan decote ou a que escritor@s regresas con frecuencia?

Á parte dos dramaturgos clásicos que todos coñecemos, interésame moito saber cara a onde vai o teatro contemporáneo, polo que sigo a escrita, entre outros, de Juan Mayorga, Alberto Conejero, Angélica Liddell, Fernando Epelde ou Avelina Pérez.

moito morroQue cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Bótase en falta que non haxa case escritores profesionais que poidan vivir do seu traballo, o que é mágoa cando se está demostrando, ano tras ano, a calidade innegable da nosa literatura. Como as nosas letras aínda teñen moitas eivas, xa falaremos do que lles sobra cando a situación estea moito mellor.

Se soubeses que o teu tempo se esgota, que non te perdoarías non deixar escrito?

Aínda que durante moito tempo non foi así, agora xa non considero que a vida dunha persoa deba xirar só arredor da escrita. Por iso, o que non me perdoaría nunca é deixar atrás os meus seres queridos sen me despedir e agradecerlles o tempo que compartiron comigo. Con isto non quero dicir que non me gustaría ter escrito, por exemplo, algún libro como… O principiño ou Peter Pan.

Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Eu resumiríao nunha palabra: bipolar. Estamos ante unha explosión de todos os xéneros da nosa literatura que se reflicte na publicación de libros con grande éxito literario, incluso fóra do noso país, á vez que existe unha gran desconexión cunha parte importante da sociedade galega. Penso que mellorar esa relación é a dirección na que temos que traballar.

pequena compañaSe desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

A min gustaríame descubrir o texto teatral a aqueles que non o perciben como lectura. Aínda que é certo que o sentido final dunha peza é a representación, se o texto ten calidade literaria non hai por que non lelo na casa como os outros xéneros literarios. Ao que hai que engadir o pracer que é gozalo en compaña. Probádeo, que non vos ides arrepentir!

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s