Néboa na boca

EfNUpQ0XgAArWcSHai tempo que sigo con atención o labor como comunicador de Ángel Suanzes, un dos nomes referenciais na crítica cinematográfica galega dos últimos anos. Coñecía dos seus ensaios neste eido e, sobre todo, da súa participación en encontros e festivais nos que a súa presenza é sempre celebrada. Mais do que non era sabedor é de que tamén aniña nel a querenza pola poesía, nin era consciente de que as imaxes e voces entre as que vive acotío se modulan para el en forma versal.

A constatación desta ollada poética da existencia vén da man de E se a memoria está na boca, o libro que agora publica en Urutau con fotografías de Clara Honorato Soto e palabras liminares da tamén poeta e narradora Iolanda Zúñiga.

E se a memoria está na boca é o relato en fotogramas estróficos do amor ausente. Preto dunha trintena de composicións nas que o desamor fai presa da ánima e o vórtice que no peito deixa a falta do ser querido se volve un buraco negro insondable.

A arquitectura desta odisea amorosa é sinuosa e traza unha espiral de evocacións dos luminosos días xa idos que vai e vén nunha maré de entullos anímicos, de intimidade vulnerada e tenrura eviscerada na que todo se volve asunción da luz esmorecida. Deste xeito, a memoria do corpo da amante convértese nunha “caverna fría” e a desesperanza do poeta é unha paisaxe de devastación, “enferruxados os gonzos/ sen azos para mudar o mecanismo”. A fractura que o desamor trae consigo deixa un ronsel irónico: “veño da ironía do meu/ erro/ feito nada,/ dito torpemente,/ á miña cita co rídiculo”; e a sensación de baleiro resulta insoportable: “a inercia das metades,/ o reverso do nó,/ a autoexposición ao frío…/ Quen carga coa presión da falta de peso?”.

Así as cousas, apenas se queda lembrar as loairas dos momentos felices, eses nos que a vida regalaba  un “espello de simetría espida”, unha raiola coa “memoria de persianas a medias/ e sushi con présas”, os tempos do non-tempo, nos que prestaba brindar “polo aínda”.

Toda esta batería emocional dispara en fotogramas, poemas-secuencia que constitúen un particular documento fílmico-lírico, unha sorte de flashes versais que van deluvando a película dun amor esvaecente dende a “Carta de axuste” coa que se abre o libro ata o poema final, ese “Tender” que cómpre descodificar á galega e á inglesa: tecer da arañeira dos afectos que procura a volta do amor e tamén tenrura docísima, dondura sen límites para que abrollen nas xemas dos dedos os afectos doutrora.

Os versos curtos e discursivos, as imaxes vívidas e experienciais crean no poema unha singular aliaxe coas caudas líricas, dispostas nun entrecomiñado e sangradas na páxina, recollendo sentenzas das mensaxes que a parella deixou aboiando no ar, dinamitando as pontes de continuidade do seu amor, metralla para o corazón, letal de necesidade.

E se a memoria está na boca garda aínda outra alfaia no seu interior: as fabulosas instantáneas de Clara Honorato Soto, imaxes de néboa envolvente, desenfoques e xogos de planos que len visualmente as lañas melancólicas do poema, eternizándoo na fugacidade do obturador, disparo de cámara a atrapar evanescencias no ar.

Inmellorable estrea poética a de Ángel Suanzes neste E se a memoria está na boca, laio pola ruína do amor vencido, “xemido inútil de agarrar,/ o que vai fuxir/ co teu corpo”, tamén “evolución en bucle/ dun flash/ hipnótico,/ invisible,/ depurado”; isto é “néboa na boca/ entrada da saída”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 9-8-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s