Contrautopía

Nordesía (Carlos Da Aira, 26-7-2020)No último par de anos Carlos Da Aira publicou Corpo a corpo e tamén Pólvora. Tipos, recomendacións, consellos e advertencias para un tempo de poesía e mais Prender os fachos, compoñer os ósos. Gañou o Slam Poetry do Festival Alguén que respira e o Premio Cidade de Ourense. E aínda lle quedou tempo para dirixir o festival Poemagosto e o roteiro Ponme un poema en Allariz. A isto chámaselle paixón poética con talento. Convén tomar exemplo.

Por se todo o anterior fose pouco, recentemente viu recoñecido o seu labor cun novo galardón: o Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía pola súa obra A guerra era contra nós (2020), publicada por Xerais.

Dono dunha estética oralizante de marcado acento, a escrita de Da Aira neste novo libro configúrase como unha revisión lírica, metafórica, filosófica e mítica do ser social, de ‘nós’ como colectivo, da humanidade que constrúe e deconstrúe o seu camiño enlamada en relatos e lendas oficiais e impostas, polarizando a sociedade de clases e perpetuando esquemas opresivos que cómpre dinamitar.

Precisamente esa conciencia da falsidade das crónicas oficiais e dos relatos litúrxicos é unha das frontes de batalla da guerra que temos que librar. Os versos de Da Aira son, neste sentido, unha reflexión descarnada sobre a condición humana, enunciada dende un futuro milenario e distópico cunha voz que pretende enunciarse dende a pluralidade do colectivo e que asume a formulación dun discurso subversivo co establecido e as súas lacras, nomeadamente a guerra devastadora e a miseria planetaria que os ricos non só consenten senón que provocan.

Neste esforzo por reapropiarse da voz, co que se pretende rematar cunha historia imposta polo poder e abrirse a un novo relato liberado, dúas son as armas para a revolución: o amor e a poesía.

O amor —e é o verso co que o libro remata— “debe, ante todo, gorecer os amantes, protexelos do exterminio”. Por iso, dende ese futuro tan afastado que case semella anacrónico, a voz poética lémbranos que se cumpren “tres mil anos da fin da última guerra, cando soubemos que amar un irmán era odiar todos os soldados e aprendemos a exercer, en resposta á violencia, un amor que ademais de crear universos paralelos pode tamén defendernos dun furacán ou matar e despezar un predador, se é preciso”.

Do mesmo xeito, cando convocas o poder omnímodo da poesía: “O pasado retórcese. Creas unha liñaxe impostora, unha árbore xenealóxica caducifolia. Despois desapareces”. Daquela: “Fican as palabras, pero xa non sabes darlles un sentido, un uso limpo”. Ende ben: “Cortas un limón, recitas unha oración pagá e engólelo todo para seguires sendo bardo. Cantas, e agardas que un acto tan elemental teña consecuencias, que o mundo mude só porque ti entoas en modo maior”. Porque, e velaí o sutil e irónico milagre: “Non sería a primeira vez que o mundo muda por unha causa menor”.

O pasado, presente e futuro da humanidade postprocesado poeticamente, explicado dende un novo materialismo de selo amoroso que funda no verso unha arma da conciencia colectiva para superar a condena do capitalismo. Tamén as armas dun ecoloxismo proactivo, feraz, contrario ás máquinas escravistas de calquera fábrica, sempre a prol da liberación do ser, da pel, da ánima de todos e cada un de nós: “Agora mesmo a tarefa máis urxente é queimar a fábrica, as máquinas que delimitan a idade da pel, os debuxos de escamas esquemáticas que delatan mil maneiras posibles de morrer observando as mans baixo a lupa”.

A guerra era contra nós: metáfora rebelde, símbolo para a loita. Un mundo diferente. Unha nova e libre orde. Contrautopía.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 26-7-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s