Vilardevós, novamente

Silvio SantiagoSilvio Santiago foi un dos escritores galegos que coa chegada da Guerra Civil tiveron que fuxir da vesania fascista para salvar a vida, o que non puido facer seu irmán Xacinto, ao que asasinaron vilmente. De resultas, acabou recalando en Venezuela, desde onde chegara vía Portugal, logo de pasar un tempo en Cuba.

En Venezuela creou o Centro Galego de Caracas e dirixiu a Casa Galicia e o Lar Galego, amais de ser un importante dinamizador cultural e promotor da irmandade galego-venezolana. Na fronteira da sesentena sentiu que lle debía unha lembranza á súa terra de orixe e escribiu Villardevós, que se publicou en 1961 cun limiar de Ramón Otero Pedrayo. Nos últimos anos regresou a Galicia, onde morreu en 1974.

A Editorial Galaxia, a mesma que publicou hai máis de medio século a súa primeira novela (e logo tamén a póstuma O silencio redimido, 1977), volve editala agora novamente, dando así a oportunidade ás xeracións mozas de achegarse a un texto que é xa un clásico da narrativa galega de Posguerra.

Teño escrito nalgunha outra ocasión que Villardevós constitúe unha moi estimable radiografía sociolóxica da vida vilega, acaída memoranza da súa localidade natal nos tempos da súa nenez, un repaso lar a lar da veciñanza toda, que engade perspicaces comentos e observacións que, non alleos á sutil ironía e mesmo a certa xenuína retranca, captaban inmellorablemente a atmosfera humana e vivencial característica das nosas xentes.

No requintado e emotivo “Prólogo” que Otero Pedrayo dispuxo para a obra describiu luminosamente o pulo que esta agocha: “O autor deste libro puido gardar completo, sen fanalo, sen arranxalo, lonxe das sazóns, no segredo fondo do seu ser —sen sequera por moito tempo se decatar do tesouro— o ramo enteirado de todas as flores do seu tempo de neno, espertando coa luzada para os camiños de mozo e de home; das flores e toxos do xardín, do monte, da cuneta, do medo e do gozo, da lembranza e da curiosidade; de todos os intres e sementeiras e vendimas dun tempo, no que os homes espertaban espreguizándose das cousas, e as cousas estaban coloridas de verdes, rubros, mouros, brancos, de senso e carácter humano”.

Porque Villardevós é un prodixio que reflicte coma ben poucas obras o poder transformador do tempo, a evocación do paradiso da infancia. E faino, amais, cunha prosa que avanza con admirable fluidez, que sabe recrear prodixiosamente eses pequenos detalles que dan fondura a cada retrato humano, a cada descrición de lugares ou paisaxes, tinguíndose por veces con airexas case de neorrealismo cinematográfico.

VillardevósE esta unha visión coincidente coa que no seu momento expresara xa Cunqueiro, quen poucos días despois do seu pasamento escribiu un artigo no que salientou como Silvio Santiago recuperara na novela “esas memorias, eses recordos, ese mundo que foi evocando na lonxanía, con medo de que lle fuxise repetíndose a si mesmo a paisaxe, os camiños, os tipos, as anécdotas, a vida de Vilardevós, con esa paz tan pouco doada de dar a un mundo infantil nas memorias da madurez”.

Vai agora para dez anos, no cincuentenario da publicación da novela, escribín nestas mesmas páxinas: “É de xustiza recuperar a figura de Silvio Santiago. O seu infatigable labor a prol da nosa cultura por terras venezolanas e a súa novelística así o demandan. Neste sentido, non estaría de máis que no seu concello natal se pensase nalgún tipo de acto de homenaxe, mesmo sería unha ledicia noticiar publicamente unha oportuna reedición da súa primeira obra, pois dende a última reimpresión que dela se fixo van alá case tres lustros”. Por unha vez semella que non se predicou no deserto e que non fun o único en decatarme de que Villardevós debía regresar ás librerías do país. A ver agora se, en canto pase a treboada vírica, na súa vila aproveitan para presentar tan oportuna reedición e se animan a celebrar unha xornada que axude a actualizar a figura dun dos grandes escritores dunha localidade con longa tradición literaria, axudando a salientar o seu legado ao carón dos de Manuel Núñez González ou Eloy Luís André, un herdo que hoxe escintila na mestría de Juan Tallón e que ten de seguir a medrar.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 12-4-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s