Fábulas de nós

Nordesía (Ánxela Gracián, 8-3-2020)O xénero da fábula é unha fórmula clásica que, adaptada aos aires do novo milenio, segue a estar moi presente nos andeis das librerías. A este tipo de narración protagonizada por animais da que se desprende unha lección ou aprendizaxe vital pertence La topita ciega/ Aniceta, o volume de Ánxela Gracián publicado polo selo zaragozano La Fragua del Trovador que tan suxestivamente ilustra Christian Villamide.

O libro recolle dúas narracións: dunha parte, a novela curta La topita ciega; doutra, o relato longo Aniceta. Ambas comparten idéntica intención reflexiva, o convite a meditar sobre cuestións transcendentes da existencia, de fonda radicación filosófica, e tamén a súa inscrición en escenarios de beleza rural idílica, novo locus amoenus no que os ciclos da natureza e a convivencia dos seres dos bosques e eidos constitúen o común territorio onde estas historias se desenvolven.

La topita ciega é unha novela breve que tivera unha primeira versión en galego alá polo 2005 titulada A toupiña cegarata e que está protagonizada por unha toupa que, no tránsito á fase adulta, aprenderá a dureza da vida e as dificultades que rodean estes pequenos mamíferos. Mais cómpre non se enganar, en realidade, todo o que esta tráxica historia nos relata non é senón unha parábola na que se encerra o proceder dos humanos, todo aquilo que nos fai capaces do sublime e do máis mesquiño.

E velaí como Terciopelo, a toupa que narra para nós as súas memorias, vai profundando nos sentimentos de culpa e traizón, afincando a memoria dolorosa nos sucesos que lle descubriron a morte e a destrución, mais tamén a paixón pola loita e a supervivencia, pola viaxe do coñecer e do ampliar os propios límites e, sobre todo e a pesar de todo, polo amor, a solidariedade e a esperanza.

Esta fábula tálpida é tamén unha reveladora indagación a propósito do simbólico concepto da cegueira, pois contrapón a falta de visión física destes animaliños á negación da vista que se produce naqueles seres que se enganan a si mesmos e ven só o que queren ver, abrindo unha liña de intertextualidades literarias que conecta este relato co Ensaio sobre a cegueira de Saramago (que figura citado como frontispicio) ou mesmo con Sobre heroes e tumbas de Sábato, alén dos paralelismos co Merlín e familia de Cunqueiro, principalmente na modulación da voz narradora da toupa, que evoca dende unha nostálxica ancianidade un mundo ido no que aprendeu a plenitude vital.

Pola súa banda, Aniceta é un relato sobre o amor e a alteridade, as máscaras do ser e o Outro; en palabras da autora, “un tratado da desolación”, do espellismo dos afectos, da disolución do agarimo.

A protagonista desta historia, Aniceta, é unha lesma (no Castroverde natal da autora, alimacha) á que lle gusta o caracol Sinforoso, a quen consegue namorar mercé á axuda do río Irmán que fabrica para ela no inverno unha cuncha de xeo que proxecta a luz do arco da vella. Sinforoso préndase desa súa cuncha ao pensar que é un caracol e comparten un fermoso inverno de amor. En chegando a primavera, Aniceta, sabedora de que o motivo do seu fascinio esvaecerá, marcha do seu lado e, cando anos despois volvan verse, ela sen a cuncha e el entolecido pola procura daquela de quen namorara, el nin a recoñecerá.

Novamente aquí os efectos da parábola que encerra a fábula son evidentes: a dualidade do ideal fronte ao real, a contraposición do namorado do ser auténtico e o enfeitizado polo puro soño. Todo para nos ensinar que a felicidade é un concepto relativo, que o carpe diem ben entendido non é mala filosofía vital, pero, sobre todo, que debemos asumir o camiño andado e gardar positiva memoria do que foi, deixando fóra do corazón o que nos magoou.

Non menor importancia ten aquí a asunción do propio corpo e o rexeitamento do falso amor romántico, cheo de autoengano destrutivo. Reflexións que Gracián ganduxa con suma habelencia formal nunha estrutura contrapuntística, na que sutura influencias varias que van dende O raio verde de Verne ata a mitolóxica historia de Narciso, pasando pola tradicional “A cinsenta” que codificou Perrault ou o cosmos heteronímico de Pessoa.

Poética, delicada e emocionante, La topita ciega/ Aniceta de Ánxela Gracián palpita na revelación, afondando na raíz dos afectos e as ilusións, os temores e os desenganos, as envexas e xenerosidades, isto é, todo aquilo que nos fai autenticamente humanos e que aquí espella na fráxil fortaleza dunha toupa e unha lesma inesquecibles.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 8-3-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s