A literatura galega tivo, de sempre, humoristas de grande altura. Esa tradición, que arrinca coa propia historia do país, pois non cómpre máis que lembrar as moi célebres cantigas de escarnio e maldicir medievais, continúa ben viva nos nosos días. Entre os autores actuais nos que tan celmosa vea creativa deitou a mellor semente atópase Manuel Núñez Singala, creador de ampla andaina que nas últimas tres décadas ten asinado títulos de mérito tanto no eido narrativo (Mar de fondo, 1997; Menú de enganos, 2010; Instrucións para tomar café, 2014; Camiños na auga, 2016; Noite de temporal, 2017) coma no ensaístico (En galego por que non?, 2009; Sacar a lingua é de mala educación, 2017) e tamén si no teatral (O achado do castro, 1991; Comedia bífida, 2007; Planificación estratéxica, 2009).
Precisamente a este último xénero, e máis en concreto ao subxénero da comedia, pertence a súa máis recente obra: Atranco no banco, un divertidísimo enredo que publica a Editorial Galaxia na súa colección Costa Oeste.
Atranco no banco é unha peza moi alixeirada na arquitectura: apenas catro personaxes, sempre na mesma localización e, amais, nunha escena única. Por tanto, a complexidade non procede tanto da estrutura formal coma do tecido significante, das redes de pensamento crítico ás que se abre dende o evidente ludismo.
En esencia, os catro protagonistas da peza son dúas parellas de estafadores que pretenden atracar un banco e, no intento, rematan por lealo todo e poñerse a mercé da policía. Xa que logo, a hilaridade prodúcese pola activación dos arquetipos, pois ambas as parellas acoden ao dueto clásico do parvo e o espelido (abondo coñecida dende o teatro latino de Plauto ata a astracanada moderna, pasando pola Commedia dell’Arte), inclusive a súa sorpresa final, que didactiza para nos ensinar que as aparencias enganan e que os parvos, por veces, non son tan parvos e os listos, en moitas ocasións, tampouco resultan tan lúcidos.
Nestas coordenadas é onde se desenvolve a acción, inzada de equívocos e xogos lingüísticos, marca da casa, pois non en van Núñez Singala é un dos nosos máis reputados lingüistas. Avanza así a trama xogando ás confusións, enguedellando situacións propias do camarote dos irmáns Marx ou do Valle-Inclán máis retranqueiro, sempre a medio camiño entre a inxenuidade rotunda e a picaresca ousada.
Este delicioso disparate ten a virtude dos seus vividísimos diálogos, que non só caracterizan con eficiencia os personaxes, senón que ao tempo engaden plasticidade e forza escénica a todo o enredo, abismando o lector á imparable gargallada.
Como nun sutil segundo plano, mais non por iso con menor interese, deslízase pola obra a crítica ao sistema capitalista, tamén aos que pretenden o éxito con atallos, convidándonos á reflexión sobre a sociedade selvática e insolidaria que fomos construíndo, aquí esperpentizada nunha Calella dos Espellos de selo propio que achega á obra á farsa.
Ocorrente, áxil e amena coma poucas, Atranco no banco é a constatación de que a comedia galega goza de saúde. Oxalá algún dos nosos grupos teatrais poña o ollo nela e a vexamos pronto nos escenarios. O riso e o mellor humor están asegurados e iso, nos tempos que corren, non é pouco.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 1-3-2020]