Todos os nenos que fomos

Nordesía (Fernando Parra Nogueras, 23-2-2020)“As persianas parécense sempre aos seus donos”. Así arrinca Persianas, a novela coa que o escritor e ensaísta tarraconense Fernando Parra Nogueras se estrea como narrador, un relato da memoria da infancia e o descubrimento do mundo coa que o seu autor foi finalista do Premio Azorín e que agora publica Funambulista.

A vida contemplada a través das persianas, esa porta de mundos que, tal un deus Xano, nos conecta e illa dos conxéneres segundo decidamos descorrelas ou abaixalas. O neno protagonista desta historia, Rodrigo, organiza o seu universo interior ao ritmo dese ir e vir das persianas, tras das que se agochan segredos, a través das que o pulso imparable da vida abrolla.

Porque esta é, antes de nada, a narración dun tempo ido, o da infancia e o seu paraíso que esvaeceu, un territorio da memoria gobernado polo “imperio da fantasía” do que se teñen dolorosas saudades, pois os ritos de paso conducen a Rodrigo ás portas doutro tempo de vida que deixa atrás, definitivamente, esas landas da nenez para debrocalo no abismal gume de Eros e Tánatos.

Mais Persianas é tamén un exercicio de autoindagación, da procura da identidade dun cativo fillo de emigrantes que medra nun barrio dos arrabaldes de Tarragona e, polo mesmo, é sentido polos propios coma un catalán de segunda, un xarnego inevitable, máis maculado dende o nacemento. Ao tempo, nas visitas vacacionais ao Xaén orixinario dos proxenitores, ese mesmo pícaro resulta un catalán aburguesado para os outros nenos, o que sitúa a Rodrigo no indefinido, incómodo pero feraz territorio da mestizaxe, das ambasmestas que conforman unha identidade que participa do mellor e do peor de dous mundos, ser dúplice ou biface capaz de estar asemade aquén e alén do espello.

Nese imparable proceso de transformación que cambiará para sempre a Rodrigo, as artes de Amor resultan determinantes. Soledad é a nena amada ata a extenuación, a namorada á que escribe cartas en avionciños de papel que guinda na súa fiestra cando as persianas o permiten, unha ilusión coa que andará a súa primeira viaxe iniciática e acabará por lle revelar o terrible do desamor ao deixalo por un petulante gavacho.

No outro extremo do péndulo, Morte acudirá para desbaratar os ledos días de colexial segando a vida dun veciño prezado e, sobre todo, sementando o horror e a devastación nos atentados ás petroquímicas tarraconenses do 87, polo mesmo tempo da témera vesania da matanza de Hipercor, naqueles días en que a ETA se facía máis temible.

A lembranza destes feitos sutúrase en Persianas co retrato vividísimo dunha xeración, que é a do autor e a da quen isto escribe, pícaros que medraron mastigando chicles Cheiw e Boomer, lambendo xeados Burmar e aprendendo a tecolear nas Olivetti Studio 46. Un mundo con partidiños de rúa xogados contra as persianas metálicas dos garaxes, onde o VHS e os videoclubes causaban furor e na televisión gobernaban Verano azul e V e Canción triste de Hill Street e nas ondas soaba e soaba Europe e o seu The Final Countdown, mais tamén The Bangles, U2, Mecano, Alaska ou o Michael Jackson de Thriller. Unha España na que os pequenos aprendiamos a golpe de Iter Sopena e tiñamos vedados os misterios que se escondían nas películas de dous rombos.

Para as angurias dese mundo Rodrigo tece un tapiz salvador en forma epistolar e pola novela adiante imos sabendo das cartas imaxinarias que lles escribe a Jessica Fletcher e M. A. Baracus, a Scooby Doo e os personaxes de Barrio Sésamo, MacGyver e Chanquete, Freedy Krueger e o Capitán Harlock, interlocutores dun soño, áncoras para unha infancia que se desdebuxa ata desaparecer.

Escrita cunha prosa que fulgura arborada, festival de imaxes cabalgando as liñas, Persianas é tamén un inmenso palimpsesto literario onde estratifican lecturas devocionadas polo autor, eclécticas por definición, raíz inconfundible da autopoética propia. E velaí como por estas páxinas desfilan, en singular harmonía de mans dadas, o romanceiro e os lausengiers e gilós, Salvador Espriu e Miguel Hernández, Mark Twain e George Orwell, Juan Marsé e Pablo Neruda, mais tamén Roald Dahl e Gianni Rodari e Christine Nöstingler, por descontado os Clarín, Galdós, Rosalía, Juan Ramón dos vellos billetes, e toda unha lexión informe na que caben Baudelaire, Clavileño, don Juan Tenorio, Polifemo e Don Quixote.

“Facerse maior é reescribir o libro que os adultos deixan na túa mesa de noite”, descobre un Rodrigo que ve arredarse, irremediablemente, a súa nenez. Iso mesmo sentín ao rematar a lectura desta excelente novela que moito recomendo. Por iso han de gravitar para sempre no meu corazón as verbas do seu protagonista para recordarme unhas “lágrimas orixinadas no imo dun manancial estraño, alleo a todas cantas tristuras tivese coñecido endexamais e que haberían de me acompañar xa para sempre marcando co seu ferro ardente os sucos nos que ficaron enterrados todos os nenos que eu fun”.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 23-2-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s