Nas fírgoas do poema

ÓstrakaLuís Valle é unha das voces imprescindibles do noso momento poético. Os seus libros son xa obras de referencia da última década e cada novo texto que dá á luz evidencia a consolidación da súa madurez creadora. Confirman este xuízo títulos como A caída (2009), Fedor (2011), Caderno do mendigo (2011), As cicatrices do sol (2015), Trona, o merlo (2015) ou Para que eu beba (2017).

Teño dito nalgunha outra ocasión, e reafirmome aquí, que en realidade Valle escribe e reescribe constamente un libro único que fractaliza, reperfila e deriva, implementa e complementa volume tras volume e que é ese fondo común e esencial da súa poética o que comparece, con irisación diversa, en cada entrega.

Así acontece tamén co recente Óstraka, poemario órfico, viaxe ad inferos e autoexploración radical. Unha alfaia versal que prestixia a colección Dombate da Editorial Galaxia.

Óstraka é un mansío de lembranzas. O imán da memoria que recolle os fragmentos da disolución dun mundo persoal e colectivo que foi ficando esfarelado, retallos de recordos á deriva que precisan ser rescatados, salvados da desaparición definitiva por obra e graza do verso, da palabra, da linguaxe que crea e se recrea para conxurar o horror vacui, o silencio e a desmemoria, a morte do que non somos quen de facer vivir no corazón dos relembros.

Nesa odisea do ser e da memoria a voz lírica bate co lugar da orixe, coas compañas do camiño, cos instantes epifánicos que todo o determinaron, pero, sobre todo, dá co amor. E aí Eurídice pódeo todo e é espectro fuxidío e amada distante e evocación palpitante e ardorosa compañeira. Eros contra Lete.

No andar propio do que Óstraka se alimenta vai o tempo da memoria e vai tamén o espazo do recordo, por veces urbano, despersonalizado, cicatriz de todos os holocaustos; noutras ocasións, amable regreso aos eidos matriciais, á Ítaca íntima que para Valle é Lugo e a Chaira.

O río do canto que Valle rende leva as augas dun visionarismo oracular ben xenuíno, de selo propio e inconfundible, afirmado nunha densidade conceptual extrema e unha vizosísima simboloxía que implica o herdo e intertextualidade de numerosísimas lecturas, arrequecido coa colleita persoal. O deserto da revelación, o merlo da prognose, o sol da epifanía, a árbore de entre mundos, o bosque no que a vida se calcina, as fiestras que unen e arredan, o espello do Aquén e do Alén, todo e máis comparece nesta arca ontolóxica e antolóxica na que tamén caben as lumieiras de poetas esencialistas e metafísicos como Edmond Jabès ou Alejandra Pizarnik, as alusións á Antigüidade clásica (velaí Alceo ou Aristeo) e á tradición galega (Ramiro Fonte, Uxío Novoneyra, Xosé María Díaz Castro ou Lupe Gómez) e as referencias cultas (centro)europeas dun Angelus Silesius ou un Kafka, entre moitas outras.

Ler Óstraka é deixarse atrapar pola paixón da escarpa, a vertixe dos versos coma crebas, con particións silábicas que figuran simas e claudátores con elisións insondables. E é tamén alentar polas fírgoas do poema e ler en cada ostracum o sentido da vida que foi, que permanece e nos guía.

[Tempos Novos, ‘Protexta’, 270, novembro 2019]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s