Luz na luz

Nordesía (Domingo Tabuyo, 16-2-2020)Un dos privilexios que concede o desempeño como membro habitual de xurados é a posibilidade de ler, en primicia, valiosos orixinais que logo se converterán en libros. Así me aconteceu a min con Das viaxes maiúsculas, o poemario co que o escritor e profesor Domingo Tabuyo se fixo co Premio Camiño de Santiago, instituído pola Academia Xacobea, publicado pola Editorial Carena e patrocinado pola SXPL.

Como autor, Domingo Tabuyo conta xa cunha ampla traxectoria que inclúe títulos como Manual de urxencias e retornos (1993), Balsaín blues (1998), Nos tempos de invernía (1999), A luz secreta (2002), Cadernos de París (2010) ou A sombra horizontal do teu nome (2018), textos polos que ten recibido galardóns tan prestixiosos como o Premio Miguel González Garcés, o Premio do Concello de Ourense ou o Premio Avelina Valladares, entre outros.

Das viaxes maiúsculas é un poemario estruturado en dúas grandes seccións: “A lene suxestión” e mais “Rituais de tránsito”. Cada unha delas conta cunha vintena de textos e todo o conxunto xira arredor dunha mesma idea forza: a vida como camiño. Neste sentido, hai unha duplicidade de base que alimenta os versos, pois sendo notoria a recreación da andaina do vieiro físico, aquí concretado en clave xacobea co Camiño de Santiago como protagonista, a esencia última destas páxinas radica na viaxe interior, na experiencia que supón ir atravesando etapas do vivir como quen anda unha vía interior de medre persoal, adquirindo sabedoría e perspectiva fundada e crítica das cousas e das xentes.

Por tanto, os poemas deste libro recuncan no topos ben coñecido do homo viator, tema literario que está na base mesma da cultura occidental dende Homero e que logo constitúe a cerna da escrita doutros grandes como Virxilio, Dante ou Cervantes. Porque nestes textos importan a paisaxe e os lugares (figuran citados espazos do Camiño como Compostela, Fisterra e diversas localidades leonesas e castelás), mais, sobre todo, salienta a vivencia íntima e transformadora da peregrinaxe, as reflexións sobre os límites e os procesos de superación humanos, a fronteira da morte, os ritos de paso e, presidíndoo todo, a presenza do amor e dunha concepción transcendente da existencia por momentos case panteísta.

De por parte, é notorio en Tabuyo o dominio da imaxinería poética, briza, desbordante, e tamén o tempero no emprego do hendecasílabo branco e o verso libérrimo, acomodo da forma ao servizo do fondo para crear unha harmonía entre a mensaxe a súa ornatura, labrado fino e música versal.

Nestes e noutros aspectos incide tamén o informado proemio asinado polo poeta e ensaísta Emilio Xosé Insua, quen dá conta das febras do poemario ao tempo que o contextualiza coa restante obra do autor e da súa xeración.

Como di un dos poemas deste libro, vivir é “trazar sendeiros novos/ esgotar as horas amasando os esforzos,/ os pensamentos altos e as dores musculares”. E tamén, xaora, “tropezar, laiarse en berro amplo e levantarse”,. Máis aínda: “sentirse luz na luz, estrela na constelación,/ pedra nas pedras de cada amilladoiro”, pois, á fin, “camiñan en nós milleiros de viaxeiros/ de convicción e derrota, de alba a ocaso,/ na silueta vertical das reflexións máis íntimas”. Xustamente aí, no cruzamento de coordenadas e abscisas da existencia, luz que na luz é, palpita a viaxe maiúscula destes versos.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 16-2-2020]

 

 

Deixar un comentario