Para resistir todo deserto

Nordesía (Carlos Penela, 2-2-2020)Dende as liñaxes do frío, no corazón do inverno e o xeo dos espellos, chegan a nós os versos de rosas e sombra de Carlos Penela. A escrita que xermola na Viena dos violíns e ecoa nesta Europa extrema de nós. Un dicir que leva canda si o mellor da panpoética continental e acrisola galega e renovada.

A máis recente mostra da súa lírica tráenola Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo, o libro co que obtivo o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón por segunda vez e que vén sumarse a outros prestixiosos galardóns na súa traxectoria, como o Premio Esquío, Espiral Maior, Caixanova ou González Garcés.

Publicado por Chan da Pólvora, Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo é un libro para a esperanza. A asunción da fraxilidade dos días, da ruína que tantas veces nos envolve, da cinza na que perfuramos e a couza fera que todo esboroa, mais tamén a constatación de que, a pesar das derrotas e ocasos, sempre se abrirán para nós “as pétalas curando das súas cinzas/ un fulgor preservado no fondo das olladas”, que malia o “ermo territorio de tanto abandono” decote haberá “outro alento que te acolla/ que te acolla sen coutos nin esperas” e nos faga saber que “nada foi inútil a pesar das augas máis escuras/ que nada se perderá coas bágoas/ co vento”.

Por tanto, hai aquí ausencias, espazos opacos mesmo para a linguaxe, pero tamén resistencia, fe no porvir e no amor polo que foi e nos sostén. Porque non importan as bandeiras, importan as persoas e os sentimentos que deitan, a súa esperanzada solidariedade, os afectos que nos anoan. Por iso o verso declara que “nós somos os países, non as fronteiras gastas/ esquecidas,/ por onde o vento non sementa xa os días” e, definitivamente, “nós somos os países, nós somos os corpos,/ os países que se alzarán de novo dende a sombra”.

E co ser palpitante, co sentimento luminoso, van tamén os símbolos da permanencia e a metamorfose, do río que nos arrastra imparable e as mazás que mudan, do aire no que aboiamos e o alento que nos empurra, do fume en que esvaemos e as rosas que nos lembran a beleza inmarcescible, tamén, xaora, o vento omnímodo: “así esa certeza, así ese vento, ese vento onda nós,/ ese tépedo vento que pasa sobre o mundo…”.

Orquestrando toda esta cartografía de perdas e esperanzas van as míticas de Ingeborg e Eurídice, o deserto que avanza de Volkow, a pictórica de Hemlig e o epitafio de Hadriano, o lamento de Dido e as revelacións dos salmos, por descontado o Bizancio que sobrevive en Kavafis e todo canto oráculo garda para nós o fulgor da vida.

De por parte, Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo é tamén un inmenso tapiz de voces e intertextualidades, de citas e homenaxes que van de T. S. Eliot a Anne Sexton, de X. L. Méndez Ferrín a Wallace Stevens pasando por Friedrich Nietzsche, Michael Hamburger ou Joseph Brodsky, sen esquecer a W. H. Auden, Pier Paolo Passolini, Ezra Pound, Pere Gimferrer ou W. B. Yeats.

E aquí son as rosas de auga que abrollan serodias sobrevivindo baixo o agoiro ruín do tempo. E un rastro que atravesa todo canto foi amado, materia da mesma escrita do amor e a música. E a procura infinda da palabra perdida en algures coa que remontar calquera liña de sombra. E a palabra insomne, a rabia da poesía negra no peito, unha vontade férrea alzándose, insubmisa, contra a morte.

Como en Novoneyra, non será inútil a forza deste amor que escintila a través de Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo. Tal Ahab perseguindo as palabras coas que recuperar a vida, nestes versos renácese de toda ferida e bronce caído, da batalla que castiga co silencio que condena, da dor que lacera a pel mancada. Por iso o remate do libro é un “Envío” circular do “Preludio” co que se abre e a súa proclama convértese en profecía salvífica que aquí deixo para quen precise verbas coas que resistir todo deserto: “Escoita,/ todo terá o seu rito,/ os signos da vida alumearán/ como estrela achada no escuro/ e un vento tépedo pasará onda ti,/ pasará por esta terra./ Beixando o teu alento,/ beixando o teu rostro,/ o teu rostro non vencido”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 2-2-2020]

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s