Valente, poema vivo

Nordesía (Saturnino Valladares, 29-12-2019)Un poema vivo que medra sen máis palabras. Velaí un verso que é, ao tempo, unha autopoética e unha ontoloxía: o Ser como Verbo en plenitude que en si mesmo se completa.

Tan superior intuición ontopoética abre, a modo de dedicatoria, o libro Poemas a Valente que edita o profesor, ensaísta e profesor lucense Saturnino Valladares e que aparece baixo o selo da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, institución que estes días alberga a magnífica exposición Valente e a Unidade das Artes comisariada po Claudio Rodríguez Fer, no marco da cal foi presentado o volume.

Poemas a Valente reúne corenta e un poemas do moi diversos autores de todo o mundo ideados para agasallar o autor, tal como Valladares explica no moi amplo e documentado estudo introdutorio ao libro: “nuestro criterio de selección se ha basado en la calidad literaria de los textos a los que hemos tenido alcance, que tuviesen una dedicatoria explícita o que hubiesen sido incluidos en una edición en la que se homenajease al autor”.

Con tales premisas recolleuse a corentena de composicións que conforman estas páxinas, onde figuran os versos dalgún poeta dunha xeración anterior á do propio Valente, non poucos de estritos coetáneos seus e abondos de autores de promocións posteriores. Estes poemas foron agromando, fundamentalmente, do contacto do autor con outros escritores ao longo do tempo e nos diferentes lugares nos que viviu; así, da súa estancia universitaria en Madrid entre 1947 e 1955 xurdiu a amizade con Vicente Aleixandre, premio Nobel que lle dedicou xa en 1962 a composición “Castillo de Manzanares el Real”, que integrou no libro En un vasto dominio. Mais tamén na capital do Estado tratou os seus colegas Alfonso Costafreda e José Agustín Goytisolo, que tamén lle dedicaron textos. Do mesmo xeito, durante a súa moi extensa estancia en Xenebra como funcionario na sección de español da OMS abrollou a confianza con Pere Gimferrer e José-Miguel Ullán e, entre 1982 e 1984 en París, a proximidade con Juan Gelman e Antonio Gamoneda, autores todos que lle escribiron, igualmente, versos en homenaxe.

 A carón dos dos autores xa amentados, nestes Poemas a Valente atópanse tamén algúns da autoría de Jacques Ancet, Bernard Noël, Luz Pozo Garza, Jorge Riechmann ou Claudio Rodríguez Fer, entre outros. Por xunto constitúen non só un plausible volume en homenaxe, senón tamén unha excelente antoloxía dalgúns dos mellores poetas romances do último medio século.

Todos os textos reproducíronse nas linguas nas que orixinalmente foron creados e, cando esta era distinta ao castelán, traducíronse tamén para dar unidade idiomática ao conxunto. O resultado é unha escolma de gran riqueza, tanto polas voces antologadas coma pola diversidade de estéticas ofrecidas, a representatividade dos campos literarios e culturais abranguidos e, xaora, polo moi frutífero diálogo que todos estes textos abren coa biopoética de Valente.

Non quero rematar sen facer notar a necesidade de acompañar a lectura destes Poemas a Valente —recolleitos para celebrar o nonaxésimo aniversario do natalicio do escritor— coa visitación das páxinas que a modo de introdución dispón Valladares ao libro, pois nelas atoparanse non só noticias cumpridas das circunstancias nas que cada un destes escritos foi vendo a luz, senón tamén unha análise precisa do universo que cada un deles recrea.

E acabo como comecei, lembrando a outra cita de Valente coa que o volume se abre, neste caso dedicada ao xa amentado Rodríguez Fer: memoria dun esquecemento, voz dun silencio. Así é para o caso do escritor de Lugo e para o de todo xenuíno creador: a vida como a poesía e viceversa, sempre a esencial mandorla de saudade na que palpitaron os versos incandescentes de José Ángel Valente e viron reflectidas as súas labaradas nos espellos de tantos autores como aquí se reúnen pola sabia e paciente man de Saturnino Valladares, quen moita beizón merece.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 29-12-2019]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s