Iluminando o Galego Medio

Nordesía (Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña, 26-1-2020)A década que acabamos de rematar ten sido fundamental para a reconsideración da periodoloxía literaria galega. As investigacións e ensaios que nos últimos dous lustros se levaron a cabo leváronnos a redefinir toda unha época da nosa historia literaria e agora os máis avanzados estudos abandonaron xa a periclitada etiqueta de Séculos Escuros ao referirse ás centurias do XVI, XVII e XVIII para pasar a falar, máis propiamente, de Galego Medio, consonte ao que é adoito en moitos outros sistemas literarios do noso contexto europeo. Cal é a razón disto? O afortunado achado de importantes textos publicados en galego ao longo do século XVIII que demostran algo que moitos de nós sospeitabamos, pero que non podiamos demostrar documentalmente: que ao contrario do que durante tempo se creu, a nosa escrita literaria tivo unha continuidade maior do que se pensaba dende a dourada Idade Media ata o Rexurdimento pleno.

E vén todo isto ao caso pola aparición e recente publicación do Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña (1707), unha peza teatral en verso escrita a principios do XVIII polo coruñés Salvador Francisco Roel que agora recuperan e editan Julio I. González Montañés, Anxo Angueira e Ramón Mariño Paz.

Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña forma parte dunha tradición entremesística galega e hispánica que veu nacer moitas destas obras teatrais ao longo dos séculos XVII e XVIII como as pezas dramáticas breves de máis éxito polo seu carácter cómico e benhumorado. Do xeito resumido, este texto en concreto relata versalmente a ledicia polo nacemento de Luís I, fillo de Felipe V e María Luisa de Saboya, ao tempo que seis parroquianos (tres homes na primeira parte da peza e tres mulleres no remate) van dando conta da situación de Galicia e de España nese momento, con especial atención aos enfrontamentos bélicos con Portugal e á crítica polas notorias desigualdades sociais.

A importancia deste entremés reside no feito de ser o primeiro texto autónomo impreso en galego, un século anterior ao ben coñecido romance anónimo Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento, xa de 1808. Tamén en ser a primeira obra de teatro editada da literatura galega, pois a Contenda dos labradores de Caldelas de Gabriel Feijoo de Araúxo, máis coñecida polo título de Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, aínda que escrita en 1671, ficou manuscrita durante séculos ata que a exhumou Fermín Bouza-Brey en 1953.

Esta edición do Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña conta con tres moi amplos e rigorosos ensaios dos seus editores. No primeiro deles González Montañés ocúpase do “Contexto histórico, teatral e festivo” no que se inscribe a peza, dando cumprida conta da tradición entremesística da que participa e dos antecedentes e textos coetáneos dramáticos galegos que se coñecen.

Da súa parte, Angueira estuda a fondo o xénero, personaxes, trama e estrutura dos case cincocentos versos romanceados da obra, salientando na obra a vontade propagandística, o intenso humor e a capacidade crítica.

Finalmente, Mariño Paz ocúpase da análise pormenorizada da lingua da peza, tanto no que atinxe aos usos gráficos coma fónicos, igual a cuestións morfolóxicas que sintácticas ou léxicas e mesmo fraseolóxicas e onomásticas.

 Canto á fixación ecdótica do propio texto tamén correu a cargo de Mariño Paz, quen realizou unha transcrición con intervencións mínimas e acompañou esta dunha reprodución fotográfica do orixinal para posibles cotexos de especialistas.

Non teño dúbida de que, polo seu interese histórico, lingüístico e literario, o Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña é unha das máis importantes publicacións dos últimos anos. Xa que logo, cómpre felicitar a Julio I. González Montañés, Anxo Angueira e Ramón Mariño Paz polo seu excelente labor como editores e a Laiovento polo bo facer e sentido da oportunidade ao publicar unha obra de tanto valor.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 26-1-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s