Para bailar a vida

Nordesía (Nazaret López, 22-12-2019)A vida é un avanzar entre néboas na procura de loiras que aloumiñen o corazón. Queremos que nos queiran, necesitamos sentir que máis alá das dificultades diarias, das angustias transitorias, dos sen sabores e desacougos hai unha man amiga que ha de estar sempre para soerguernos das nosas caídas, para lembrarnos que a vida é fermosa e que a marabilla da existencia ten sentido porque nos amamos intensamente.

Mais acontece que por veces esa maxia chamada Amor esvaece. E veñen días escuros, xeiras nas que o sol se extingue e semella que endexamais volveremos ver a luz.

Así lle acontece á protagonista de Formigas nos pés de Nazaret López. Unha muller na fronteira dos cincuenta que ve como a relación coa que foi a súa parella de tantos anos esfarela. O desamor fai presa neles e o corvo da ruptura roe no imo. As renuncias, as feridas, os silencios habítano todo e nada nin ninguén parece poder calmar tanta dor. Onde atopar o bálsamo milagroso co que sandar as lañas dunha ruptura amorosa?

Pero cando todo semella non ter remedio, cando a mudanza obrigada para se afastar do vello fogar antes compartido se volve unha condena inmisericorde, cando as comidas deixan de ter sabor, os paseos son roteiros cara a ningures e nin sequera o falar das amizades é consolo, cando todo parece perdido, un vagalume no fondo de nós tira cara á superficie e fainos recordar que a vida é un don e que cómpre non desperdicialo, que tras da treboada aparecen decote as lanceiras, que as persoas que nos rodean nos benqueren e que Cupido non o pode todo, pois a Ave Fénix é máis forte.

Os tres centos de páxinas que compoñen Formigas nos pés son unha crónica da vitoria da vida fronte ao desamor, o relato extenso e intenso das cicatrices que se abren para os ex. Porque nada importa que de primeiras unha se vexa como a muller máis triste do supermercado, xantando soa, que perciba a magnitude insondable do desamparo, que se sinta mesmo inxustamente culpable por ter deixado que quebrase o afecto ou que se descubra recaendo na dependencia dun cariño que xa non se lle profesa. Por riba de todo iso, alén das penurias ás que arrastra a perda da parella á que tanto se quixo, a enerxía imparable da vida irradia a súa forza para continuar. E somos quen de superar as desilusións de ver o ex xa con outra. E nada poden contra nós os avogados, os libros de familia e o dereito matrimonial. E arrepoñémonos contra a melancolía dos bancos solitarios nos parques, as cuncas de té en soidade e os fríos cuartos de hotel de pequena cama única. As formigas nos pés seguen aí, pero as sombras fican atrás e nós ollámolas dende o retrovisor e non hai xa nin nostalxia, nin mágoa nin carraxe, só unha muller nova, unha muller renacida, unha muller con un mundo por explorar.

Nazaret López escribe desa morte e desa resurrección. Faino labrando nas imaxes como un canteiro vello púe o granito, con amor á pedra das palabras, desbastando os períodos ata facer escintilar os substantivos na pátina sutil dos adxectivos. Nestas páxinas a música dos períodos goberna o pulso e a epifanía das pequenas cousas, dos detalles máis nimios é unha relixión que nos convida a ollarnos dende dentro, aprehendendo, aprehendéndonos, sentindo cada átomo do universo baixo os pés formigueantes.

É fermoso ver plasmada esa íntima vibración na cuberta de Celia Pía que adorna a capa do libro: unha muller poderosa, a música das esferas, a escrita que nos dá sentido. Todo está aí. Todo o necesario para que non esquezamos que a vida é unha celebración e que mentres non nos vaiamos de aquí non pararemos de bailar.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 22-12-2019]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s