Hai agora cen anos veu ao mundo un dos máis grandes escritores de ciencia ficción de todos os tempos: Isaac Asimov (1920-1992). Considerado unanimemente un mestre da ficción científica, o seu nome figura en letras de ouro no firmamento da escrita deste xénero, sendo a súa influencia socioliteraria, tanto en vida como despois, enorme.
Confésome lector fan de Asimov dende adolescente. O primeiro libro seu do que teño memoria foi a primeira das entregas da Saga da Fundación ou Ciclo de Trántor, a novela Fundación, que el publicara en 1951 e eu lin nunha tradución de peto da vella editorial catalá Bruguera a comezos de 1985. Tiña trece anos e aínda conservo o exemplar, castigado polo paso do tempo e despegado do lombo, que non resistiu polos deficientes encolados fresados da edición barateira.
Seguro que non foi demasiado o que aprendín de Asimov e o seu mundo naquela primeira lectura, abondo temperá. Recordo, si, a absoluta fascinación que causou en min, o que me lanzou a procurar todo canto libro fun quen de atopar del e que mercaba na desaparecida Librería Alvite en Mondoñedo, pé da estatua que na Praza da Catedral ten hoxe Álvaro Cunqueiro.
Así fun lendo, con avidez, as restantes entregas da Saga: Fundación e Imperio e Segunda Fundación. E logo os volumes cos que a expandiu: Os límites da Fundación, Fundación e Terra, Preludio á Fundación e Cara á Fundación (estes xa en Plaza & Janés). A eles foron sumándose outras lecturas anarquicamente: A fin da eternidade, O sol espido, Os propios deuses e, xaora, varios dos volumes da Serie dos Robots, entre eles o famoso Eu, robot.
Para min Asimov constitúe, xunto a Robert Heinlein, Phillip K. Dick, Arthur C. Clarke e Stanislaw Lem, o meu particular olimpo da ciencia ficción, por iso ao longo dos anos continuei a lelo como narrador e non só, pois ben pronto me interesou como divulgador científico e recoñezo que aprendín a través del, e do tamén inmenso ensaísta e divulgador Carl Sagan, moito do pouco que sei dalgunhas cuestións astrofísicas, bioquímicas e de ciencia en xeral. A través desas lecturas, procurando aquí e acolá información del nas lapelas, en entrevistas e artigos que o presentaban, fun saciando a sede por saber máis deste xenio case sobrehumano —e isto literalmente, pois foi vicepresidente da MENSA e posuía un coeficiente de 160, o mesmo que tiñan Einstein e Hawking— e descubrín que a súa peripecia vital e intelectual fora, tamén ela, toda unha novela.
Nacera en Rusia, no seu dunha familia ben humilde, que emigrou ao barrio neoiorquino de Brooklyn cando el apenas tiña tres anos. Foi un neno pouco sociable, que padecía claustrofilia e non se entendía ben cos outros rapaces da súa idade, polo que pasaba o tempo no pequeno quiosco de chuches e xornais do pai, devorando fancines varios e moitos pulps. Xa rapaz, refuxiouse no estudo e fíxose bioquímico na Universidade de Columbia, da que chegou despois a ser profesor, como o foi tamén co tempo, vía doutorado honoris causa, doutras catorce universidades.
A obra de Asimov confírmao coma auténtico titán literario: medio milleiro de libros que abranguen non só todas as derivacións imaxinables da ciencia ficción, senón tamén a historia sobre os imperios romano, grego e exipcio, a análise da Biblia e mesmo estudos poéticos ou sobre a obra de Shakespeare, por non falar dos seus escritos de divulgación científica, nos que se ocupou de millenta asuntos, igual temas ecolóxicos que da carreira espacial, astronómicos ou físicos, químicos ou antropolóxicos. Todo este inxente labor, amais do seu epistolario e outra documentación, consérvase hoxe na Biblioteca Mugar Memorial da Universidade de Boston en 464 caixas que ocupan a mareante cifra de máis de 70 metros de andeis.
Como comezou ben novo a publicar —deulle a primeira oportunidade con dezanove anos John W. Campbell, editor da mítica revista Astounding, onde tamén participaron outros clásicos como Heinlein ou Hubbard— a súa obra pasou moi diversas fases que, de xeito resumido, poden concretarse en tres momentos: dende os inicios ata os anos cincuenta (é o tempo dos seus primeiros relatos de ficción científica, que inclúen as entregas base da Saga da Fundación e tamén novelas como As bóvedas de aceiro —traducido ao galego por Alejandro Tobar para Hugin e Munin— ou A fin da eternidade e O sol espido); un segundo período que se estende entre os anos sesenta e os comezos dos oitenta (centrado na escrita ensaística, aínda que tamén publicou Os propios deuses ou Asasinato na convención); e unha última etapa xa nos anos oitenta e primeiros noventa, na que regresou con forza á ficción sen abandonar o ensaísmo.
Toda esta inxente e abraiante produción fíxolle ganar unha chea de premios Hugo (o chamado Nobel da Ciencia Ficción) e tamén que moita da súa escrita, case me atrevería a dicir que en non poucos sentidos visionaria, ficase xa como argumento de autoridade. Tanto é así que o Oxford English Dictionary lle atribúe a creación de tres termos: robotics, positronic e psychohistory. Mais tamén é recoñecido que foi dos primeiros en falar da realidades case soñadas no pasado que no presente son realidades, como as estacións espaciais, a extensión da información en Rede a través dos ordenadores ou os teléfonos intelixentes.
Hoxe Asimov é unha figura coñecida e admirada non só para os que amamos a súa escrita, sobre todo a partir da adaptación cinematográfica desta en filmes como Eu, robot (versionada no 2004 por Alex Proyas con Will Smith como protagonista) ou O home bicentenario (adaptada en 1999 por Chris Columbus e protagonizada por Robin Williams)
Isaac Asimov, cen anos despois do seu nacemento, é xa un corpo celeste inmorredoiro. E isto literaria e literalmente, pois existe un asteroide chamado 5020 Asimov e un cráter de Marte leva o seu nome. Non sei se o atoparemos á fin da eternidade, mais para algúns de nós está xa entre os propios deuses.
[Faro de Vigo, 16-1-2020]