Aulas literarias

Faro de Vigo (Aulas literarias, 3-10-2019)Como cada setembro regresan ás aulas milleiros de escolares para comezar a botar de menos as bondades praiegas desta cauda estival. Principia o curso escolar e con el os deberes e as lecturas, a vida aprendida nos manuais e nos encerados dixitais, o devalar cotián dunha infancia e adolescencia que transcorre nos corredores, entre as clases, nunha viaxe de eterno retorno entre o laboratorio e a aula de idiomas, o ximnasio e a biblioteca.

Sucede que ese cosmos de cuántica propia que é o colexio ou o instituto e a discencia en xeral non só é unha curva do espazotempo no que inflexionan as nosas vidas (Max Aub dicía que un é de onde cursa o bacharelato), senón que en moitas ocasións converteuse tamén no centro gravitacional do propio discurso literario.

As novelas colexiais ou school stories, tal e como hoxe as entendemos, comezaron a popularizarse a mediados do XIX con títulos como o arquicoñecido Tom Brown’s School Days (1857) do escritor e político Thomas Hughes, un texto de base autobiográfica que narra a vida dun alumno na afamada Rugby School. O didactismo da obra converteuna pronto nun modelo do que debían ser os colexios ingleses, sendo moi imitada no retrato da vida diaria dos centros educativos, coas súas luces e sombras, que incluían por igual tanto a severidade dos rectos mestres que aprendían a letra con sangue coma a transmisión de positivos valores como a amizade, a honestidade e a lealdade, a práctica do deporte ou a anteposición da formación de bos cidadáns á de expertos en saberes particulares.

Nos comezos do século pasado está datado outro clásico inesquecible, neste caso de escola ou docencia particular: o Pygmalion (1913) de George Bernard Shaw, unha peza de teatro na que o ilustrado señor Higgins, profesor de Fonética, decide nunha aposta co seu amigo o coronel Pickering converter a fala coloquial e ata disfemística da floreira Eliza Doolitle na propia dunha refinadísima dama, comedia de enredo que se faría famosísima logo de levarse á gran pantalla no filme de George Cukor My Fair Lady (1964), protagonizado por Rex Harrison e a inigualable Audrey Hepburn.

 Non menos célebre é o caso da novela O vixía no centeo (1951) de J. D. Salinger, protagonizada polo adolescente inadaptado Holden Caulfield, quen ao comezo do relato é expulsado do Pencey Prep, o cuarto instituto do que o botan, e decide marcha a Nova York e intentar buscar un sentido á súa vida que non é quen de ver claro coa axuda do señor Spencer, o seu profesor de Historia, nin do señor Antolini, o seu vello profesor de Literatura.

Ben famosa se fixo tamén a novela de E. R. Braithwaite To Sir, With Love (1959), sobre todo a partir da súa adaptación cinematográfica no filme dirixido por James Clavell en 1967 e que entre nós se traduciu como Rebelión nas aulas, película protagonizada polo icónico Sidney Poitier, quen interpretaba o papel dun enxeñeiro de cor que ao ficar sen emprego acepta traballar como profesor dun grupo de rapaces moi conflitivos aos que acabará por levar polo bo camiño servíndose de métodos alternativos e pouco convencionais, historia que xa estaba no texto autobiográfico de Braithwaite e que traslada as vivencias deste como docente no East End londiniense.

Camiño inverso, do cinema á escrita, foi o que andou Dead Poets Society (1989), película de culto de Peter Weir protagonizada polo extraordinario Robin Williams que chegou ás nosas pantallas co título de O club dos poetas mortos e que foi novelada pola xornalista e escritora Nancy H. Kleinbaum en 1991 a partir do guión orixinal Tom Schulman. Na retina de moitos de nós quedará, xa para sempre, a insubmisión daqueles mozos rebeldes da Academia Walton nas montañas de Vermont, bebendo a vida da man do seu transgresor profesor de Literatura, o señor John Keating, na procura da beleza do mundo e do carpe diem cos versos de Whitman como bandeira.

Dous últimos títulos universalmente aplaudidos nos que a escola e a aprendizaxe dos rapaces nela se volven o centro do relato: Matilda (1988), de Roald Dahl, e a serie de Harry Potter (1997 e ss.), de J. K. Rowling. Nunha e noutra a fantasía e a maxia serven aos nenos protagonistas para vencer os perigos e as dificultades que os axexan. Nun caso mercé aos poderes telecinéticos de Matilda, cos que acaba coas maldades da cruel directora Agatha Trunchbull e axuda á súa adorable profesora, a señorita Honey. Noutro caso grazas aos poderes que no Colexio Hogwarts de Maxia e Feiticería aprende o orfo Harry Potter, poderes que lle servirán para vencer o malvado Lord Voldemort, asasino de seus pais. Como en todos os casos anteriores, tamén Matilda e a serie Harry Potter foron levadas ao cinema, ambas as dúas con rotundo éxito.

Escolas galegas

As nosas escolas tamén teñen sido obxecto de literaturización en moi diversas ocasións. Amentarei tan só un par de exemplos que coido son representativos: dunha banda, Mar adiante (1973) de María Victoria Moreno, a fantástica historia dun barco-escola, o Arroás, onde os nenos cantan e contan contos, coñecen a vida do mar e aprenden a amar a natureza. Doutra parte, a non menos fascinante “A lingua das bolboretas”, narración de Manuel Rivas contida no seu libro Que me queres, amor? (1995) na que o neno Pardal aprende a beleza da vida e os valores da amizade e da xustiza do seu mestre don Gregorio, quen ao ser arrestado polos sublevados do 36 recibe como agradecemento a complicidade do seu fiel alumno en forma de culto urro libertario: “Tilonorrinco! Espiritrompa!”.

[Faro de Vigo, 3-10-2019]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s