Entre os máis interesantes volumes aparecidos neste comezo do curso cóntase, para min, Da Carapuchiña ao señor Lamote, unha obra da autoría do profesor, crítico e ensaísta Miguel Vázquez Freire.
O libro, publicado por Xerais, conta cun subtítulo ben aclaratorio: Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega. E abofé que cumpre co que anuncia, pois nas súas máis de trescentas páxinas leva a cabo un amplo repaso a autores e obras senlleiras da literatura infantoxuvenil mundial de todo tempo.
No limiar co que Vázquez Freire abre o libro explica a súa natureza compilatoria, pois recolle textos que foron publicados entre o 2006 e o 2018 na Revista Galega de Educación, da que el mesmo foi membro fundador. Alí apareceron por vez primeira coa mesma intención que agora o fan: dar a coñecer mellor ao profesorado, alumnado e público xeral os clásicos da literatura universal dirixidos ao lectorado infantil e á mocidade e facelo informando tamén da existencia de versións destes traducidas ao galego, das súas adaptacións fílmicas e da principal bibliografía analítica ao dispor.
E velaí o porqué da valía deste libro, que revisita autores e obras capitais da literatura moza de todo tempo e lugar para facérnolas próximas e convidar á súa lectura con tanta amenidade coma rigor.
Desfilan, así, por estas planas as fazañas e argucias de Ulises; a xenuína Carapucha Vermella creada por Perrault; a simbólica Brancaneves; os fascinantes contos de Andersen, a inmortalidade de personaxes como o Telémaco de Fénelon e, sobre todo, o Robinson Crusoe de Defoe, o Gulliver de Swift e o Venres de Tournier; as aventuras da Bela e a Besta; o terror de Hoffmann; a tenrura de Pinocchio; a desbordante imaxinación da Alicia de Carroll; o lado escuro da razón que habita nos relatos de Poe; a ética da aventura de Stevenson; a desigualdade social que espella en Dickens; a rebeldía das historias de Twain; o Wilde que escribía contos para os seus fillos; o London máis aventureiro; a idealización da infancia de Peter Pan; o cientifismo narrativo de Verne; as psiques atormentadas das narracións de Henry James; o marabilloso mundo de Oz; a saudade da selva de Kipling; a fondura do Principiño de Saint-Exupéry; os outros mundos de Bradbury; a portentosa maxia de Dahl; os monstros alegóricos de Sendak e, xaora, o Seoane ilustrador de libros para a rapazada; o Casares máis Casares de todos os Casares e aínda o Paco Martín que soñou o máis famoso Lamote.
Como coda, o volume engade unha “Cronoloxía” na que se sitúan epocalmente os autores comentados e se indican as súas principais obras para o público máis novo.
Aínda que Vázquez Freire advirte no prólogo que esta obra non naceu coa pretensión de ser unha historia da literatura infantoxuvenil mundial, o certo é que a amplitude e canonicidade dos libros e creadores estudados convértea nun valioso manual para mellor coñecer estes, o que consegue tanto pola fluidez e transparencia da súa agradecida prosa coma polo acaído e preciso das documentadas análises, sempre olladas dende unha óptica galega e, asemade, universal.
Agora que andamos a principiar un novo curso este excelente Da Carapuchiña ao señor Lamote. Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega de Miguel Vázquez Freire ha de ser un valioso aliado para aqueles docentes, discentes, pais e nais, bibliotecarios, animadores culturais e outros prescritores que desexen unha visión escolleita pero diversa do mellor que a literatura dende Homero aos nosos días ten dado para gozo dos máis novos, por idade ou espírito, que é tanto coma dicir para todos os que están aínda aprendendo a vida ou para os que xa aprenderon abondo dela como para saber que convén non deixar esmorecer o neno que levamos dentro.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 22-9-2019]