O vindeiro dezasete de outubro cumprirase o sesquicentenario do nacemento do poeta mindoniense Antonio Noriega Varela (1869-1947), clásico indiscutible das nosas letras e voz senlleira na escrita dos comezos do pasado século.
Conscientes da importancia desta efeméride, os responsables da revista Amencer que publica o Real Seminario de Santa Catarina en Mondoñedo prepararon un número especial dedicado á conmemoración, na que colaboran estudosos da súa vida e obra e tamén algún familiar. A revista, unha referencia senlleira na longuísima historia da prensa mindoniense, pode descargarse de balde neste enlace: http://www.mondonedoferrol.org/cms/media/pdfs/282.pdf
Alén do editorial informativo “A xeito de cancela” asinado por Félix Villares Mouteira, fundador e coordinador histórico da publicación, esta entrega de Amencer, que alcanza o número 241 nunha existencia que vai camiño das catro décadas, conta cun traballo de José López Fernández, máis coñecido como Pepe de Noriega, a propósito de “A árbore xenealóxica da familia Noriega”. Esta moi completa achega lévanos a seis xeracións atrás na vida dos devanceiros do escritor descubríndonos os nomes de Toribio Fernández de Noriega e Ángela Lozano como os primeiros antepasados seus dos que se ten noticia, unha parella que viviu na segunda metade do século XVII en Espinama, pequena localidade situada aos pés dos Picos de Europa na bisbarra cántabra de Liébana.
Non menos interesante é o artigo verbo de “A relixiosidade de Noriega Varela” disposto polo ensaísta e poeta Manuel Regal Ledo, especialista na escrita sobre temática relixiosa e transcendente, quen leva a cabo aquí un completo repaso a esta presenza na escrita do de Mondoñedo, concluíndo que “a linguaxe relixiosa, en termos, frases feitas, temáticas, referencias, cruza toda a obra de Noriega”.
O autor de Do ermo foi mindoniense de nación e de corazón, mais botou parte da súa vida fóra da súa cidade natal por mor da súa profesión de mestre. Así, tras pasar polas escolas unitarias de Fondós (Foz), Calvos de Randín (Ourense), Amoeiro-Trasalba (Ourense) e A Graña de Vilarente (Abadín), foi destinado á escola de Santa María de Chavín en Viveiro en agosto de 1931. Nesta vila ficou xa para sempre, abandonándoa só en estancias breves, e foi tamén en Viveiro onde feneceu o 27 de marzo de 1947, sendo soterrado no cemiterio de Altamira, ás faldras do monte San Roque, ollando o mar Cantábrico. Dos seus días viveirenses, do que naquelas paisaxes da beiramar escribiu e do moito que alí viviu ocúpase o artigo “Estancia e morte de Antón Noriega Varela en Viveiro”, traballo rigoroso e moi ben informado co que Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, participa no especial.
Moito interese ten tamén para os investigadores literarios o artigo do historiador Xosé Antón Pombo Mosquera titulado “Antonio Noriega Varela. Versos recuperados”. Nel recupera cinco composicións do autor que ficaran no esquecemento e que rescata da cabeceira El Eco de Vilallba. Publicadas entre 1908 e 1911 son poemas de ocasión e temática varia que, tal como sinala, recuncan no “lirismo da natureza e asuntos costumistas” tan propios de certa musa do mindoniense.
Este especial noriegano de Amencer remata con dous valiosos apuntamentos: “Tibi terra levissit”, evocación de Carlos Adrán Goás sobre a memoria do poeta e o seu lugar de soterramento, e mais “Distinción e homenaxe a Noriega Varela”, recordatorio da xornada de novembro de 1943 na que o Ministerio de Educación lle concedeu ao poeta a Cruz da Orde de Alfonso X o Sabio, texto outra volta asinado por Félix Villares Mouteira.
A poesía de Antonio Noriega Varela é un dos cumes da lírica galega de todo tempo. Volver a ela non só é un deber para todos os que queiran saber máis e mellor do noso pasado literario, senón un gozo para aquelas persoas que desexen acompañarse da mellor lírica que se deu na nosa lingua. Por iso a celebración deste cento cincuenta aniversario é unha ocasión inmellorable para regresar á súa escrita e as páxinas deste número de Amencer o mellor guieiro para internarse no seu vizoso e inesgotable mundo creativo.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 29-9-2019]