Parlamento das Letras: Manuel Núñez Singala

singala

Hai en Manuel Núñez Singala unha aliaxe telúrica entre a pertenza irrenunciable a un humor xenuíno, unha cosmovisión retranqueira de seu, e a adhesión inquebrantable ao sangue do idioma. Entre unha e outra febra úrdese todo o tecido literario dun mundo propio no que teñen moito que dicir as teselas do solidario, o empático e o complementario. A aventura da vida está en nós e en nós-outros, naquilo que temos por descubrir no imo de noso e naqueloutro que cómpre iluminar no que nos rodean.

Afeito tanto á prosa vagarosa e de longo alento como á textualidade hipercondesada, a versatilidade da súa escrita incorporou con éxito, e dende a primeira hora, o escénico e o ensaio narrativo. Na plenitude do seu curso autorial, fai balance aquí do camiño andado e bota a vista ao futuro para endergar novos horizontes.

Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

achadodocastroOs meus primeiros textos foron aparecendo en revistas e publicacións colectivas. Tratábase de contos breves e mesmo dalgún poema. Lembro a revista O Libelo, editada no ano 1984 no Colexio Universitario de Lugo, coa que colaborei en varios números. Tamén un relato, “O soño de M”, publicado en 1992, no volume do XVIII Certame Modesto R. Figueiredo.

Pero eu comecei a escribir moito antes, textos que nunca chegaron a publicarse, narracións breves da adolescencia, algunhas delas galardoadas nos certames literarios do instituto de bacharelato ou en asociacións culturais da vila na que estudaba.

Débolle moito aos certames literarios do instituto, porque para min supuxeron un grande impulso: o recoñecemento necesario para convencerme que aquilo que eu escribía para pasar o tempo podía ter algún valor, interesarlle a alguén que non fose eu mesmo.

Desa época son tamén as miñas primeiras obras de teatro. De feito, o meu primeiro libro, O achado do castro, que acabaría publicando Sotelo Blanco, tras gañar o Premio Xiria de Creación Teatral no ano 1987, é unha versión actualizada dunha desas obras de teatro adolescentes. Houbo outras anteriores que nin sequera conservo.

Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? Por que cres que recibiron ese trato desigual?

planificacionestratexicaSeguramente a miña obra máis coñecida, non sei ben se a mellor tratada, é O achado do castro, unha comedia teatral da que van editados máis de vinte e cinco mil exemplares e feitas moitas representacións, quizais centos. Se cadra a máis desapercibida sexa tamén unha obra de teatro, Planificación estratéxica, aparecida nos Cadernos de Teatro da Editorial Laiovento que, ata onde eu sei, nunca se levou a escena.

Non teño moita idea das razóns dese trato desigual, e a verdade é que se trata dunha cuestión que non me preocupa demasiado. Creo que un libro debe defenderse por si mesmo, e que o labor do escritor debería rematar case por completo cando o libro se publica. Tendo a despreocuparme moito dos libros xa editados, o meu traballo xa está feito, o público decidirá a atención que lle merece. Pola miña parte; considero máis importante dedicarlle tempo e interese aos que poidan vir despois.

mardefondoTes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

A verdade é que non. E se os teño van cambiando ao longo do tempo. Por exemplo: hai moitos anos escribía a lapis, para poder corrixir con maior facilidade, hai xa moito tempo que uso directamente o ordenador o que me permite ter sempre un texto limpo. Normalmente escribo na casa, pero tamén aproveito o tempo en viaxes, vacacións e en lugares diversos. Podo escribir case en calquera sitio, cun mínimo de tempo e comodidade.

Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Non sei, trátase dunha cuestión que non me preocupa en absoluto, quen faga a antoloxía que decida se paga a pena que estea e con quen.

menudeenganosSe tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, que trazos salientarías?

Se cadra o humor. Creo que os galegos temos un sentido do humor excelente, moi singular, un trazo que forma parte da nosa maneira de ser e ao que se lle debería tirar máis partido literario como característica notable e xenuína. O humor é, tamén, un lubricante excelente que permite suavizar cuestións que doutro modo resultarían ásperas. Por suposto que o humor non está presente en todos os meus libros, pero si na maior parte.

Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Son moi caótico lendo, dende sempre, e a verdade é que podo gozar coa lectura de autores moi diversos. Se me vise obrigado a ter que dar un par de nomes aos que con frecuencia releo citaría a Sábato en narrativa e a Dario Fo en teatro.

instrucionsQue cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Creo que lle faltan lectores. O índice de lectura en Galicia é aínda baixo en comparación coa contorna europea na que estamos, e a lectura en lingua galega máis aínda. Fáltalle tamén visibilidade; abonda con mirar os escaparates das librarías nas que con frecuencia está ausente ou recluído nun gueto. E tamén, o que ten moito que ver co exposto, un impulso institucional moito máis decidido.

Sóbralle complexo de inferioridade.

Se soubeses que o teu tempo se esgota, que non te perdoarías non deixar escrito?

Supoño que como a moitos outros autores, ese gran libro que leva moitos anos roldando e que non acaba de materializarse. E moito me temo que o meu tempo se esgotará sen que o dea escrito. Mentres tanto, entretéñome con outros proxectos menos importantes…

Cal é a túa valoración do noso presente literario?

camiñosÉ incuestionable que o momento é magnífico. Nunca houbo tantos autores nin tanto recoñecemento, tantos lectores nin tantos títulos publicados, tantas bibliotecas nin tantos clubs de lectura. E todo iso malia unhas institucións que parecen empeñadas en poñer paus nas rodas a todo o sistema literario.

Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

 Simplemente darche as grazas pola iniciativa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s